Señor reitor: en resposta á súa decisión de investigar as nosas fontes

Unha das características do xornalismo é a heteroxeneidade dos materiais dos que se nutre. Por máis especialización que un busque, mesmo nun medio como GCiencia un día estás a falar das bondades dun novo fármaco e ao seguinte da misión Artemis II ou dos raios crepusculares. De súpeto tes entre as túas mans un caso de presunto acoso sexual na Universidade de Vigo e pregúntaste que facer. Encaixa na nosa liña editorial? Como o entenderán os nosos lectores? Despois lembras que o lema do noso portal é Xornalismo e Divulgación, vénche á cabeza o vello axioma desta profesión maltratada e telo claro: en caso de dúbida, xornalismo.

Conto isto para que se entenda mellor o que vou relatar a continuación, que ten moito que ver co xornalismo e coa dificultade que carrexan certas institucións para entender a súa importancia para a boa saúde dunha democracia, especialmente en tempos de crecente desinformación.

Publicidade

Vaiamos por partes. O pasado 8 de abril publicamos que a Universidade de Vigo eludira adoptar medidas cautelares contra un profesor, a pesar de recoñecer nun informe interno a existencia de claros indicios de acoso sexual cara a, polo menos, catro alumnas. Estaba obrigada a adoptalas? Claramente non. Unha vez que a alumna que destapou o caso acode á Policía Nacional e o asunto se xudicializa, a Universidade debe suspender o expediente, cousa que fixo. Nada ilegal nin irregular por aí. Que ocorre? Que a investigación previa realizada pola instrutora do informe chegara á conclusión de que a denuncia non só era “verosímil”, senón que o presunto acoso estaba xeneralizado. “Cremos que non só con esta alumna, senón con outras alumnas predoutorais e posdoutorais”. Foi sensato manter o profesor no cargo mentres a xustiza facía o seu labor? En GCiencia pensamos que non.

Non só a omisión de medidas cautelares é discutible, porque entendemos que nada impedía á Universidade continuar o expediente respecto ao resto das alumnas presuntamente acosadas, cuxos casos non estaban xudicializados. Non hai que esquecer que, baseándose no relato de distintas estudantes, a investigación destapara un modo de actuar común, un “patrón de conduta” do docente. “Faise imprescindible” profesional e academicamente para as alumnas, comparte detalles da súa vida privada e consegue que estas “se involucren emocionalmente con el”. Despois pasa a unha segunda fase, sempre segundo a instrutora: “Contacto físico como abrazos e bicos na meixela nun primeiro momento, para posteriormente crear un ambiente no que o bico sexa na boca, poñer a man na cintura, facer comentarios sobre o físico…”.

Publicidade

En pleno debate sobre como abordar a noticia, xusto antes da publicación, tivemos coñecemento do arquivo xudicial do caso denunciado por —imos poñerlle un nome ficticio— Samira. Non vou entrar agora nos detalles tan particulares do sobresemento nin nas razóns que nos levaron a seguir adiante a noticia; xa o fixo Laura Filloy, responsable do sensacional traballo xornalístico que destapou o escándalo, nun recente Ciencia en Confianza. O que vou contar agora ten máis ben que ver coa política informativa dunha institución pagada cos impostos de todos, da súa nula capacidade autocrítica e, sobre todo, da súa peculiar forma de entender o xornalismo, especialmente grave nunha universidade directamente relacionada coa profesión a través da súa Facultade de Comunicación.

O 7 de abril, véspera da primeira noticia sobre o caso, Laura Filloy púxose en contacto coa xefatura de prensa da UVigo para coñecer a súa versión dos feitos e solicitar o contacto da instrutora, María del Carmen Ruiz Hidalgo. O que aconsella o protocolo, en resumo. Horas máis tarde, reenvíannos un correo de Hidalgo no que rexeita dar explicacións por tres motivos: porque lle parece “extemporáneo”, porque “non hai máis nada que [que a Universidade] puidese facer” cando hai unha denuncia policial e porque existe “o dereito á presunción de inocencia do profesor”. E neste punto permítese o luxo de regalarnos un par de consellos sobre o exercicio do xornalismo para disuadirnos de publicar nada: “Se nas actuacións policiais queda acreditada a súa inocencia por falta de probas, creo que non se pode sacar este tema na medida que vulnera dereitos fundamentais de presunción de inocencia, o da intimidade e a honra do profesor en cuestión. Ao meu xuízo, este profesor podería tomar medidas legais con todo o dereito do mundo”.

Cabe lembrar que GCiencia non só non identificou nin con iniciais o profesor que a propia Hidalgo describe como un (presunto) acosador sistemático. Tampouco demos moitos outros datos e circunstancias que agravan e moito o suposto acoso sexual, pero que puidesen poñer en perigo o seu anonimato. Limitámonos a ofrecer o contexto minimamente imprescindible para o entendemento da información. Mesmo nos puxemos en contacto con el para que ofrecese a súa versión. Pero a instrutora xa nos fixera chegar a súa opinión sobre as nosas intencións, antes mesmo de que publicásemos nada: “Paréceme escabroso sacar este tema se non hai ningún tipo de denuncia a posteriori. Non todo vale, hai límites ao dereito á información”.

Coa noticia xa lanzada, o 9 de abril Laura Filloy solicita á mesma xefatura de prensa unha entrevista coa directora da Unidade de Igualdade e información sobre se, unha vez arquivado o caso polo xuíz e dada a existencia doutras posibles vítimas, vai seguir adiante coa investigación. Esta foi a súa resposta: “Confírmoche que a directora de Igualdade non vai facer declaracións”. E  engade: “Non se fan declaracións porque o procedemento é confidencial e non está concluído”. Ante a nosa insistencia, responden: “Acaban de confirmarnos que non se van a facer máis declaracións ao respecto”.

Ese silencio resultou afectar exclusivamente a GCiencia. Para a nosa sorpresa, o reitor elixiu outro medio de comunicación para expresarse. Fíxoo o 11 de abril nun xornal que nin sequera informara do caso, nun artigo titulado Nin silencio nin linchamento: o reitor replica os seus críticos na Universidade de Vigo. Nel, e nun ton canto menos autocompracente, Reigosa regálase xenerosos eloxios pola súa forma de actuar ante casos de “acoso” (por algunha razón esquecéuselle engadir “sexual”) que non especifica. Pero interésame especialmente determe no título elixido polo reitor. Non aos linchamentos (ao presunto acosador), silencio (depende en que medio) e críticos. O titular —como o texto— esquécese das presuntas vítimas, o que na miña modesta opinión resulta revelador.

A alusión aos críticos do artigo pasou inicialmente inadvertida para min, pero todo encaixou ao presenciar o Consello de Goberno do pasado martes, no que o equipo do reitor tratou de vincular a publicación da noticia co proceso electoral que atravesa a Universidade de Vigo. Nada máis lonxe da realidade, como informei a unha persoa moi próxima ao reitor que me telefonou ese mesmo día, espero que cunha finalidade distinta á de pescudar a fonte. Díxenllo entonces e repítoo agora, aínda que non estea nin moito menos obrigado a facelo: a nosa información non ten absolutamente nada que ver co proceso electoral. É máis: oxalá coincidise cun momento distinto, pero tantos anos de experiencia profesional sérvenme para saber que as noticias teñen vida propia e acostuman aparecer cando lles dá a gana a elas, non aos xornalistas.

O caso, que non estaba na orde do día do Consello de Goberno, xurdiu “espontaneamente” na quenda de preguntas, para dar paso a unha resposta de Reigosa apoiada nun detallado power point; unha contestación tan autoindulxente como o propio artigo na prensa local, repleta de alusións ás denuncias falsas e a evitar queimar a ninguén en “fogueiras”. Chegou entón unha última pregunta do decano da facultade na que dá clase o profesor expedientado. “Nas informacións hai varios parágrafos entre comiñas, quere dicir que houbo unha filtración. Pido que se investigue de onde procede e se tomen as medidas necesarias xudiciais, porque me parece especialmente grave”. O reitor fixo súas estas palabras e pechou a sesión a secretaria xeral da Universidade, María José Bravo Bosch: “Temos que comprobar de onde saíu a información, pediremos á Fiscalía que investigue”.

Está no seu dereito a UVigo en investigar o que queira, faltaría máis, pero non é unha investigación interna o que está a promover, senón a intervención do Ministerio Fiscal, o que require unha denuncia formal. Asómbrame o interese do reitor por desvelar a orixe das nosas informacións, pero desde aquí adiántollo: non o vai conseguir. Aínda que o descoñeza, o dereito á información —neste caso, un presunto caso de acoso sexual xeneralizado— está moi por encima da súa curiosidade e da do seu equipo de goberno, do mesmo xeito que o segredo profesional ampara a protección das nosas fontes. Ningún xuíz vainos obrigar a revelalas. E se non me cre, recoméndolle a lectura do artigo 20.1 da Constitución.

Ata aquí o relato dun caso de presunto acoso sexual e das dificultades que a miúdo atopamos os informadores para exercer o noso traballo. Oxalá optase a Universidade pola transparencia na súa política de comunicación, a mellor receita para defender os seus argumentos —que os ten— e desistir de teorías conspiranoicas e de mans negras. Oxalá non danase o xornalismo libre coa persecución de quen revela un escándalo nin reaccionase nos xulgados ante unha noticia veraz, contrastada e respectuosa co anonimato de todos, tamén das estudantes. Pero sobre todo, oxalá se tivese empregado co mesmo afán na protección das súas alumnas ante un caso de presunto acoso.

Sexual, señor Reigosa, sexual.

Pablo López
Pablo López
Director de GCiencia.

10 COMENTÁRIOS

  1. O meu apoio ás persoas acosadas, que se investigue e xulgue se hai acoso, e todo o meu apoio a GCiencia, xornalismo independente, e sen manipulacion

  2. O meu apoio ás persoas acusadas, que se investigue e xulgue se hai acoso, e todo o meu apoio a GCiencia, xornalismo independente, e sen manipulacion

  3. Eu son PTXAS da Universidade de Vigo e nestes momentos non me sinto orgullosa de traballar nunha Universidade que “xestionou e esta a xestionar” tan mal dende o principio ao fin este caso tan grave de un “presunto caso de Acoso Sexual na nosa Universidade”. Quedei escandaliza co artigo de opinión do Reitor noutro xornal onde falaba de silencio e linchamento do “presunto acosador”. O PTXAS da Universidade tivemos coñecemento grazas o voso xornal do que estaba a acontecer na nosa comunidade, unha comunidade que pensábamos que estába libre de casos coma este. Que tiñamos Unidade de Igualdade, Protocolo por acoso e por razón de xenero.. que funcionaban , pero non, nada máis lonxe da realidade. Grazas por abrirnos os ollos. Agora xa sabemos que queda moito camiño por recorrer e moito polo que loitar en cuestión de igualdade de xénero na UVigo. Non queremos ser cómplices. Non queremos mirar para outro lado. Non queremos que se silencie este caso. Non queremos que isto volva a ocorrer. Queremos que o noso estudantado se sinta libre e protexido, cómo non debe ser doutro xeito nunha Universidade Pública como a nosa.

  4. Todo o meu apoio a GCiencia e en particular a Laura Filloi e Pablo López. Por desgraza a min estas cousas non me sorprenden, é o pan de cada día, protexer aos depredadores e culpabilizar as mulleres, no ámbito estudiantil, laboral e mesmo familiar. Temos que ser máis valentes e deixar de mirar para outro lado, non e de recibo que sigamos con prácticas feudales no ano 2026. E si a Universidade ou calquer outro centro educativo permite que esto suceda debe dimitir inmediatamente non só o acosador, tamén quen o defende e permite que siga no seu posto. É intolerable que sigamos tendo que aguantar comportamentos de este tipo e por riba nuna institución que debería ser modelo de respeto, tolerancia ao diferente e IGUALDADE. Grazas por estos artigos

  5. Todo o apoio á redacción de GCiencia e, especialmente a Pablo López e Laura Filloy. Fixestes un traballo excepcional e especialmente insólito polo risco que conleva, para un medio especializado en ciencia, confrontar cunha das institucións científicas máis poderosas de Galicia.

  6. Excelente artículo. A los ciudadanos de a pie nos resulta inverosímil que una institución pública como la Universidad de Vigo cuente entre sus docentes a un depredador sexual y que no se hayan tomado medidas cautelares.
    De esto se deduce que el acoso sexual está no solamente institucionalizado sino que además protegido por parte de las autoridades de la Universidad; y que las alumnas de dicha universidad no gozan de un espacio seguro.
    Resulta casi “conspiranóico” defender que mujeres que ni se conocen (y más de 4 y de 5) hayan descrito situaciones de violencia sexual similares por parte del mismo profesor, y que éste sea un santo varón víctima de relatos falsos por parte de mujeres sociópatas.
    Por otro lado, no hay que olvidar la cronología de los relatos, que se remiten algunos a hasta hace más de diez años. Contrastando con lo que dijo la investigadora (que hace mención a la cronología), las agresiones sexuales pueden ser denunciadas incluso años después.
    Para finalizar, y lo que más miedo me produce como padre y marido, es que mi hija puede ser perfectamente agredida sexualmente en una tutoría por cualquier profesor ya que el agresor goza de la protección del Rector, y aún habiendo indicios, pruebas, etcétera ni la justicia ni la Universidad van a proteger a las mujeres.
    Quién las protege?

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O catálogo ‘Quero ser investigadora’ alcanza a súa 6ª edición con dez historias de científicas da UVigo

O evento inclúe unha guía didáctica, contidos gamificados e unha versión audiolibro que conta cunha versión de lectura fácil

Ética científica

O debate está servido tras a retirada do artigo de Barbacid sobre o cancro de páncreas. Por Laura Filloy

Unha quinta alumna sinala o profesor da UVigo por suposto acoso sexual: “Acurraloume e abrazoume nun corredor”

Unha nova estudante describe un episodio acontecido durante o curso 2022/2023 co docente da Facultade de Filoloxía e Tradución acusado por ata catro rapazas máis

Un estudo relaciona a debilitación das correntes oceánicas con idades de xeo máis longas e intensas

Unha investigación con participación da UVigo achega nova información sobre a evolución do clima e o papel do océano Atlántico no fenómeno