Algunha vez fixestes un quebracabezas? Eu si, pero só un de mil pezas. Foi un agasallo. Ás veces frustrábame, sobre todo á hora de reconstruír o ceo —era unha paisaxe inspirada no universo de Jane Austen—. Conseguino rematar con axuda, e agora está exposto como resultado dun gran esforzo. Hoxe vouvos contar unha historia parecida: a dunha reportaxe de moitas pezas.
Hai unhas semanas caeu nas miñas mans un longo informe que me cortou a respiración. A Universidade de Vigo iniciou en febreiro de 2025 unha investigación interna a raíz da queixa formal dunha alumna que sinalaba a un profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución de presunto acoso sexual. Días despois interpuxo unha denuncia ante a Policía Nacional. O pasado 3 de marzo, o xulgado correspondente emitiu un auto de sobresemento e arquivou provisionalmente a causa por “falta de colaboración da vítima”.
Isto é o resumo sucinto dun caso complexo, cheo de arestas, que xerou un debate intenso na redacción de GCiencia. Eu pasei moitas horas tecendo as historias que se mesturaban, dándolle voltas na miña cabeza e tratando de atopar a maneira de contalo. Confésovos algo máis: aínda que a serie de reportaxes leve o meu nome, detrás hai un equipo que me apoiou e me animou. Grazas. O xornalismo pode dar a sensación de individualismo, pero sempre debería ser colectivo.
O informe da UVigo fala por si mesmo. A instrutora do caso foi a catedrática de Dereito María del Carmen Ruiz Hidalgo, quen recolleu os testemuños de ata tres alumnas máis que puideron sufrir acoso sexual por parte do mesmo docente. A denunciante relataba como a abrazou, a bicou no pescozo e lle fixo proposicións de tipo sexual no seu despacho. As demais contaban como o profesor lles ofrecía agasallos, lles tocaba a cintura e compartía detalles íntimos da súa vida persoal. Os relatos tiñan coincidencias. Non o dicimos nós, senón Ruiz Hidalgo no seu informe, quen incluso apunta sospeitas dun “patrón de comportamento”.
Neste punto, dende GCiencia tomamos a decisión de publicar o artigo, pero no proceso chegounos a noticia do arquivo da causa. Tivemos que poñer o caso sobre a mesa e tratar de reenfocalo; darlle unha volta. Xa non estaba en mans do xuíz, senón que había un auto de sobresemento “por falta de colaboración da vítima”. Iso si, en circunstancias moi concretas. Despois dun novo debate, máis intenso aínda que o primeiro, decidimos continuar adiante porque non só tiñamos entre mans o testemuño da denunciante senón o de, polo menos, tres alumnas máis da UVigo.
Segundo o auto de sobresemento, a versión de ambas as partes era “obxectivamente coherente e verosímil”. E por iso tratamos de afondar. Falamos coa alumna denunciante e tamén logramos a versión do profesor. El negou os feitos e remitiuse ao arquivo da causa. Ela explicou que ten un escaso dominio do español e que, a raíz do acontecido, lida con problemas de saúde mental. A contorna da presunta vítima apoia o seu testemuño e xustifícase así ante o que ditou o xuíz.
Aí están as partes, pero… que acontece cos demais relatos? Un dos máis arrepiantes é o dunha exalumna do profesor, quen lle di nunha mensaxe que intercambian que a forma na que el as mira e as toca “é incómoda”. Podedes ler todos os testemuños do informe interno da UVigo nunha das reportaxes que publicamos esta semana, na que recompilamos os relatos de ata catro presuntas vítimas.
Máis alá das partes directamente implicadas, hai un terceiro axente indispensable: a Universidade. O primeiro movemento foi solicitar o contacto de Ruiz Hidalgo, a instrutora que recomendou continuar coa investigación e tomarlle declaración ás alumnas do departamento para esclarecer os feitos. Declinou dar a súa versión, pero na súa resposta a GCiencia cualificou de “extemporánea” a nosa información. Apelou á presunción de inocencia do docente implicado e dixo que “non todo vale, hai límites no dereito á información”. Estou moi de acordo con Ruiz Hidalgo na presunción de inocencia, sempre. No dos límites, talvez eu non sexa tan restritiva. E no de “extemporáneo”, dende logo, non compartimos o mesmo concepto do que significa ser xornalista.
Gustaríame insistir nestes puntos porque a publicación das reportaxes foi unha decisión tomada despois de moito debate, incluso sobre a identificación do suposto agresor. Nun primeiro momento valoramos incluír as súas iniciais, pero consideramos que a opción máis axeitada era dar unicamente os datos esenciais para contextualizar a noticia. Sempre nos amparamos no dereito á información e por iso quixemos dar o menor número de pistas posibles que puidesen identificar o profesor. Si, precisamente pola presunción de inocencia. De feito, nas redes sociais houbo comentarios que apuntaban o nome dalgúns docentes e tomamos a decisión de ocultalos. E si, fixémolo por responsabilidade profesional.
A directora da Unidade de Igualdade da UVigo tamén declinou facer declaracións. E non só iso, senón que o equipo reitoral non aclarou se o expediente disciplinario se retomará ou non agora que a causa está arquivada provisionalmente. Fixen moitas preguntas e todo co que me atopei foi unha política de comunicación baseada no hermetismo e no silencio. As voces que si rompen o mutismo da UVigo veñen da oposición, do candidato á reitoría Jacobo Porteiro. E tamén da Delegación de Alumnos da Facultade de Filoloxía e Tradución. Tanto un coma os outros reclaman a reapertura do expediente. E Porteiro, ademais, fai unha reflexión compartida: as vítimas, ás veces, non se senten protexidas.
A avalancha de comentarios en redes deu mostra do impacto destas informacións e da importancia de sacalas á luz. De que ás veces se precisa mobilización fronte á inacción. O que suscitou en min unha maior preocupación foi o número de comentarios nos que se facía alusión a outros casos, tanto dentro da propia UVigo como noutras universidades. Realmente hai un “patrón de comportamento”, como dicía Ruiz Hidalgo? De verdade estamos ante condutas sistematizadas? Dende logo, entre unha alumna e a un profesor hai unha relación vertical; hai unha xerarquía e o docente móvese nun espazo de poder. Un dos testemuños dicía de forma explícita que as súas compañeiras a impulsaran a denunciar, pero: “Era o meu profe neses momentos”.
Escribir esta serie de reportaxes non foi doado para min nin tampouco o está sendo, pero sentín que era a miña responsabilidade como muller e como feminista. Lembrei de golpe a cantidade de veces que, en conversacións con amigas, saíron á luz experiencias que sacaron bágoas e carraxe. De momentos nos que nos sentimos incómodas porque alguén fixo, á saída unha estación de tren, un comentario sobre o noso corpo. De como nos tocaron sen permiso aludindo a unha borracheira. Ou de como expresaron abertamente os seus desexos sexuais nun vagón de metro, nun estado de medo aterrador e indefensión absoluta. E si, eu tamén fun unha delas.
O final deste artigo non foi, en absoluto, un quebracabezas. Escribino dunha soa vez. Por todas elas.
Recomendación semanal 🪶
Hai un par de semanas fixen unha longa viaxe en coche e crucei os extensos campos de Castela de Machado. Unha das paradas que fixen á volta foi en Ponferrada. Á saída fixeime na rotonda dedicada a Nevenka Fernández, a exconcelleira de Facenda do PP que pasou á historia por lograr a primeira condena por acoso sexual a un político en España. E lembrei que hai uns meses publicou El poder de la verdad, un libro anotado na miña lista de pendentes. Esta reflexión que comparto convosco é de Nevenka. Así o reflicte na súa obra e así aparece na entrevista que lle fixo a xornalista Isabel Valdés de El País:
É terrible, é espantoso que te traten mal, que te acosen moral, laboral ou sexualmente, que te golpeen, que te insulten ou te vexen. Pero as pegadas máis profundas deixoumas o silencio da sociedade. O seu total descrédito dos feitos, a súa indiferencia e a súa ansia de culpabilizarme.
E se es máis de audiovisual que de libros, tamén hai un documental sobre ela e unha película de Icíar Bollaín.
Ciencia en confianza é unha newsletter de GCiencia que se lanza todos os sábados ás 10 horas para analizar os temas da semana dunha forma persoal e próxima. Se estás interesado ou interesada en recibila no teu correo, subscríbete aquí.

















A min a noticia paréceme salientable e a redacción moi clara. Nada teño que dicir nin no fondo nin na forma, pois. O que me extraña é o lugar onde se publica: Esta non era unha canle de noticias científicas? Esta apertura a cuestións que máis teñen que ver coa ética non a entendo moi ben.
O acoso e o maltrato hai que denuncialo dende calquer medio de comunicación porque o silencio nos converte en cómplices.
A min a noticia paréceme salientable e a redacción moi clara. Nada teño que dicir nin no fondo nin na forma, pois. O que me exgtraña é o lugar onde se publica: Esta non era unha canle de noticias científicas? Esta apertura a cuestións que máis teñen que ver coa ética non a entendo moi ben.
Como siempre, redacción impresionante (como no soy de letras admiro mucho la capacidad de transmitir ideas tan bien estructuradas mediante los diferentes párrafos).
Más allá de que el periodismo e investigación sea tu profesión, estás luchando por una causa justa, intentando destruir la normalización de la sexualización en las aulas por parte de docentes y haciéndole ver a ese “statu quo” institucional que sus cimientos basados en la tiranía, acoso e impunidad tarde o temprano van a acabar cayendo.
Un saludo.