A xaqueca é moito máis ca unha simple dor de cabeza: trátase dunha enfermidade neurolóxica que pode chegar a ser altamente incapacitante e que, a pesar da súa frecuencia, segue a infratratarse na práctica clínica. A pesar de que o seu diagnóstico se basea en criterios clínicos relativamente claros, na práctica moitos pacientes tardan anos en recibir un tratamento axeitado. Neste contexto, un equipo de investigadores galegos vén de desenvolver CefaleApp, unha aplicación móbil pensada para apoiar os médicos de atención primaria na detección da xaqueca e mellorar o seu manexo dende as primeiras fases. Pero, que é exactamente a xaqueca e por que vai moito máis alá dunha simple dor de cabeza?
Unha enfermidade frecuente, complexa e infravalorada
A xaqueca é unha das formas máis comúns de cefalea, pero tamén unha das máis complexas. “Cefalea quere dicir simplemente dor de cabeza”, explica Daniel Apolinar García-Estévez, neurólogo do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) e investigador do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS). Dentro desta categoría existen distintos tipos, e no caso da xaqueca trátase dunha cefalea primaria, é dicir, non está causada por outra enfermidade subxacente. O seu diagnóstico baséase en criterios clínicos, con episodios recorrentes de dor que adoitan durar entre catro horas e varios días, xeralmente unilaterais, de carácter pulsátil e de intensidade moderada ou severa. A estes síntomas súmanse outros como náuseas, vómitos ou intolerancia á luz e ao ruído, elementos que permiten diferenciala doutras dores de cabeza máis habituais, como pode ser a cefalea tensional.
Máis alá da descrición clínica, a enfermidade ten un impacto diario na vida cotiá de quen a padece. “Por definición, é unha dor de intensidade moderada-severa, é dicir, ou ben che dificulta as tarefas do día a día ou incluso che impide realizalas”, sinala García-Estévez. Isto tradúcese tanto en absentismo laboral, cando a persoa non pode acudir ao traballo, como en presentismo, cando a persoa acode ao traballo pero cun rendemento reducido.
A pesar diso, a xaqueca segue a ser unha patoloxía infravalorada. Durante anos foi banalizada, especialmente entre as mulleres, nas que é máis frecuente. De feito, nas consultas de García-Estévez, arredor do 80% das pacientes con xaqueca son mulleres, un dato que, segundo explica, está relacionado en boa medida coa influencia hormonal. O ciclo menstrual, o uso de anticonceptivos hormonais ou condicións como a síndrome de ovario poliquístico poden actuar como factores desencadeantes ou moduladores das crises. A pesar diso, moitas persoas seguen asumindo que se trata dun mal co que hai que convivir, o que contribúe a que non se busque un diagnóstico nin un tratamento específico.
Este contexto axuda a explicar parte do problema asistencial que rodea a enfermidade. Aínda que o diagnóstico “en teoría non debería ser complicado porque se basea en criterios definidos”, na práctica non sempre se traduce nun manexo adecuado. Segundo indica o neurólogo, estudos previos amosan que os tratamentos específicos como os triptáns seguen infrautilizados na atención primaria, e o mesmo ocorre coas terapias preventivas. O atraso na súa instauración pode favorecer a cronificación da enfermidade, que pasa a afectar o paciente máis de 15 días ao mes. “Non é un problema de atención primaria, é un problema do sistema sanitario”, apunta García-Estévez, quen sinala a sobrecarga asistencial e a falta de coordinación como factores clave detrás desta situación.
Unha app para apoiar o diagnóstico en atención primaria
A idea de desenvolver CefaleApp xorde precisamente nese contexto. O equipo buscaba unha ferramenta que axudase a reforzar o diagnóstico en atención primaria e reducir a dependencia da consulta especializada. “Se fai falta confirmar o diagnóstico e non temos acceso en tempo e forma ao neurólogo, imos deseñar algo que o substitúa”, explica García-Estévez. A idea inicial era crear “un neurólogo virtual”, aínda que finalmente optaron por unha solución máis sinxela dende o punto de vista técnico, pero igualmente útil como apoio.
A aplicación baséase nun sistema de intelixencia artificial do tipo sistema experto, capaz de reproducir o razoamento clínico dun especialista. “Modela o proceso dedutivo dun experto nun campo de coñecemento”, explica Baltasar García, profesor titular da Universidade de Vigo (UVigo) e da Escola Superior de Enxeñería Informática (ESEI) e responsable do desenvolvemento tecnolóxico. Para iso, o sistema constrúese a partir de regras baseadas nos criterios diagnósticos e no coñecemento clínico do neurólogo. “Obtéñense unha serie de regras que son as que segue o médico para tratar a un paciente, regras que son interpretadas por un programa informático”, engade.
O funcionamento é sinxelo: a aplicación formula preguntas ao usuario e, a partir das respostas, orienta o diagnóstico seguindo esa lóxica clínica. Para garantir a súa fiabilidade, foi sometida a probas con datos simulados. “Coñecendo o diagnóstico que deriva deses datos, pódese comprobar se o sistema chega ao mesmo resultado”, explica o enxeñeiro. A ferramenta inclúe ademais avisos explícitos de que non substitúe a consulta médica, senón que actúa como apoio.
Máis aló da tecnoloxía, os seus impulsores destacan o potencial práctico da aplicación no día a día asistencial. Pode axudar os médicos de atención primaria a gañar confianza no diagnóstico e a tomar decisións máis rápidas nun contexto de sobrecarga nos centros de saúde. Tamén ten un valor formativo, ao permitir interiorizar os criterios clínicos, e incorpora contidos divulgativos pensados para os pacientes, orientados a mellorar o seu coñecemento da enfermidade e, con iso, a adherencia aos tratamentos.
Retos pendentes e o futuro da ferramenta
A pesar do seu potencial, CefaleApp aínda ten limitacións importantes. Actualmente só está dispoñible para dispositivos Android, o que restrinxe o seu uso, e a súa validación realizouse cun número reducido de especialistas. “Quen debe probar a aplicación e darnos o feedback é atención primaria”, sinala o García-Estévez, quen insiste na necesidade de estudos máis amplos e multicéntricos que permitan avaliar o seu impacto real na práctica clínica.
O futuro da ferramenta pasa por ampliar tanto o seu alcance técnico como clínico. O equipo traballa na adaptación a outros sistemas operativos e na incorporación doutros tipos de cefalea. Dende o punto de vista tecnolóxico, Baltasar García destaca que este tipo de sistemas son “configurables e ampliables”, aínda que tamén recoñece os seus límites: poden servir de apoio, pero non substitúen o criterio médico. Nun sistema sanitario tensionado, a integración destas ferramentas coma complemento podería contribuir a mellorar o diagnóstico e tratamento dunha enfermidade que, malia a súa frecuencia, segue sen recibir a atención que require.
















Estaría genial que al menos mencionaran a la autora del TFG en el que se estan “basando”, que sus buenas horas y sus buenas migrañas le costó para que ahora se aprovechen así…