Anxo Fernández e Alana Aragón, galardoados no I Premio de Investigación en Saúde Transfronteirizo

Os proxectos “E-consulta avanzada de Cardioloxía” e “RENACE” obtiveron distincións

Os investigadores galegos Anxo Fernández Ferreiro e Alana Aragón Herrera foron galardoados co primeiro e o segundo posto, respectivamente, na modalidade de “Traxectorias Emerxentes en Investigación en Saúde” do I Premio de Investigación en Saúde Transfronterizo Galicia-Norte de Portugal, que foi anunciado o pasado venres 31 de xaneiro nunha xornada celebrada no Hospital Alvaro Cunqueiro de Vigo. 

Os premios, organizados en colaboración coa Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), teñen como obxectivo a difusión, a promoción e o recoñecemento da actividade en materia de investigación e o coñecemento sanitario traslacional, nos ámbitos clínico e preclínico, dentro da área xeográfica do noroeste da península. 

Publicidade

O doutor Anxo Fernández conta cunha traxectoria que representa un modelo exemplar de como a investigación traslacional pode mellorar a calidade de vida dos pacientes e optimizar a práctica clínica. As súas contribucións no tratamento de enfermidades oftálmicas raras, o desenvolvemento de sistemas de liberación controlada de fármacos e a personalización de terapias a través de técnicas de farmacocinética e farmacoxenética marcaron un antes e un despois na súa especialidade. 

O seu liderado foi clave na creación da Unidade de Investigación e Innovación do Servizo de Farmacia do Complexo Hospitalario de Santiago (CHUS), desde onde impulsou proxectos que recibiron recoñecemento a nivel nacional e internacional. Ademais, o seu enfoque na transferencia tecnolóxica permitiu a aplicación práctica dos seus achados, con patentes en explotación e ferramentas dixitais que están a revolucionar a personalización dos tratamentos farmacolóxicos. 

Publicidade

Nesta mesma categoría dos premios a segunda candidatura galardoada foi a da doutora Alana Aragón Herrera. A súa traxectoria, a pesar da súa xuventude, é un exemplo de compromiso e excelencia. Desde os seus comezos en Bioloxía ata o seu doutoramento en Medicina Molecular, a súa carreira investigadora centrouse no estudo das enfermidades cardiovasculares e metabólicas, cun claro enfoque traslacional. A súa produción científica é notable: con máis de 20 publicacións en revistas de alto impacto, unha ampla participación en proxectos financiados por entidades nacionais e internacionais, e estancias en centros de referencia internacional. 

Ademais destes dous investigadores, o resto dos candidatos finalistas na modalidade de Premios á Traxectorias Emerxentes en Investigación en Saúde destacan polo seu potencial investigador e pola súa achega ao coñecemento en áreas clave da biomedicina. Os finalistas foron Juan Ruíz Bañobre (oncólogo e investigador no CHUS), Javier Conde Aranda (investigador Principal no IDIS de Santiago e especialista en enfermedades inflamatorias intestinais) e Alberto Ouro Villasante (investigador senior do IDIS e experto en Neurociencias). 

Premios de Atención Primaria

No que se refire á categoría de Proxectos de Atención Primaria, o primeiro premio foi para o proxecto E-consulta avanzada de Cardioloxía, que incorpora a utilización da ecocardioscopia e a monitorización electrocardiográfica de eventos (MEE) á consulta electrónica, permitindo que probas solicitadas e interpretadas por especialistas en cardioloxía se realicen en atención primaria, establecendo un modelo de asistencia dixital interconectada entre Complexo Hospitalario de Santiago (CHUS), e o Centro de Saúde da Estrada. Desenvolto por un equipo dirixido por Ramón González Juanatey, xefe de servizo de Cardioloxía do CHUS e coa participación dos profesionais  sanitariarios Juan José Augusto Sanchez Castro, Alejandro Virgós Lamela e María Pilar Mazón Ramos

Na mesma categoría, o segundo premio recaeu no proxecto RENACE, que procura avanzar na comprensión da lonxevidade da poboación desde unha perspectiva clínica. Neste caso, foi desenvolto por un equipo capitaneado pola lucense María del Pilar Rodríguez Ledo, doutora e presidenta da Sociedade Española de Médicos Generales y de Familia, así como os doutores Cristina Santomé Sánchez e Lorenzo Armenteiro del Olmo.

Neste apartado dos premios resultaron finalistas o proxecto Esteato-Gal, centrado no diagnóstico e seguimiento da enfermidade hepática graxa non alcohólica e presentado polo equipo que dirixe Manuel Portela Romero xunto cos profesionais sanitarios Nerea Sánchez Varela, Diego Gabriel Mosteiro Miguens, Liseth Indira Medina Araujo, Tatiana Danif Ferreira, David Rial Villar e Sergio Cinza Sanjurjo; o proxecto LUSAPIC, dirixido á detección temperá da insuficiencia cardíaca descompensada e presentado polo equipo que dirixe Sergio Cinza Sanjurjo xunto cos doutores Manuel Portela Romero, Daniel Rey Aldana e Nerea Sánchez Varela; e o proxecto Hiperuricemia, enfocado na identificación temperá desta alteración metabólica e presentado polo equipo de profesionais sanitarios que dirixe Lorena Afonso Martínez coas doutoras Mª Pilar Riande González e Mª Genma Garcimartín García.

Foto de familia de autoridades e premiados nos I Premios de Investigación en Saúde Transfronteirizos Galicia-Norte de Portugal. Foto: Sergas

Finalmente, no terreo das Investigacións do Norte de Portugal, resultou premiado o proxecto de Paulo Santos Determinantes de non adhesión ao rastrexo do cancro do colo do útero (ADERE-CCU) e foron finalistas os proxectos SMART–Vasc Prime, de Andreia Pereira, e IMPAct-L de Alexandra Teixeira.

Colaboración Galicia-Norte de Portugal

Os Premios de Investigación en Saúde enmárcanse no proxecto europeo de cooperación territorial Transfiresaúde, co que Galicia e o Norte de Portugal traballan na procura de solucións vencelladas ao envellecemento activo e para o impulso da medicina personalizada. Este proxecto conta cun orzamento de 1,8 millóns de euros.

Durante o seu discurso na cerimonia, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou a boa produtividade da colaboración entre Galicia e Portugal no ámbito da saúde. Así, ademais do Transfiresaúde, puxo como outros exemplos a Rede de cooperación estratéxica en materia de investigación e tecnoloxía Gallaecia PET, coa que se están a impulsar a produción de radiofármacos.

Ademais do conselleiro, o acto de entrega dos galardóns contou coa presenza do xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente; do director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva; da representante do Secretariado da União das Misericórdias Portuguesas, María Amélia Ferreira; do xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández-Campa; da directora científica do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS), Eva Poveda López; da directora do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Luz Couce; e da directora da área de Planificación e Promoción da Investigación Sanitaria da ACIS, Pilar Morgade Saavedra.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Da pandemia á economía circular: así nace o proxecto REHEAL para reducir os residuos sanitarios

O SERGAS participa xunto a outros sistemas europeos nun consorcio que impulsa cadeas de subministración máis sostibles

Moito máis que dor de cabeza: a app galega para mellorar o diagnóstico da xaqueca

A ferramenta desenvolvida por investigadores de Ourense está en fase inicial pero o seu obxectivo é servir de apoio aos médicos de atención primaria para a detección da enfermidade

O Living Lab de Saúde de Vigo abre o prazo para probar proxectos innovadores no hospital Meixoeiro

A iniciativa desenvólvea o Sergas e a ACIS en colaboración con socios da Rexión Norte de Portugal dentro do programa europeo Innov4life