Febreiro de 2024. Unha muller de 51 anos sométese a unha revolucionaria cirurxía. O seu trastorno obsesivo-compulsivo (TOC) non responde á medicación e a súa única esperanza é pasar por quirófano para implantar dous eléctrodos que modulen a súa actividade cerebral. Un ano despois do fito conseguido no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, os neurocirurxiáns Pablo Sousa e Laura Serrano, encargados do caso, confirman que a resposta da paciente foi “moi boa” e que mellorou considerablemente a súa calidade de vida. Pero non foi a única. O hospital vigués conseguiu no prazo dun ano operar a outro doente de TOC, abrindo unha vía de esperanza a aquelas persoas sen alternativas porque a medicación non surte efecto. O equipo de psiquiatría considera que os resultados desta operación “espectaculares”.
“É unha técnica moi novidosa que se aplica a pacientes nunha situación clínica desesperada. O obxectivo é modular a actividade cerebral sen que experimenten efectos secundarios. O 70% dos doentes que se someten a esta operación experimentan unha melloría”, matiza Sousa. O Cunqueiro é un dos poucos hospitais españois que aplican este método de constatada eficacia. O 2% da poboación —máis de 54.000 galegos— teñen TOC e entre un 20% e un 40% dos que presentan un trastorno grave non responden aos tratamentos, polo que a vía cirúrxica é a única opción.
Técnica pouco invasiva
A iniciativa de realizar estas intervencións en Vigo partiu de Sousa e Serrano. O equipo de psiquiatría trasladáralle a situación de pacientes que esgotaran todas as vías dispoñibles para mellorar a súa situación clínica, polo que os dous neurocirurxiáns decidiron comezar con esta técnica, pioneira en Galicia. O obxectivo é implantar dous eléctrodos, un en cada hemisferio cerebral, da maneira menos invasiva posible. Isto débese a que as persoas con TOC teñen un circuíto cerebral reverberante. É dicir, as súas conexións neuronais “funcionan máis intensamente do que deberían”. A través de dous pequenos orificios no cranio implántanse os dous eléctrodos.
Este mecanismo está conectado a unha batería subcutánea que se sitúa debaixo da clavícula do paciente e que produce impulsos eléctricos a unha diana concreta. “O resultado é que estas descargas inhiben o circuíto cerebral. En definitiva, o obxectivo é reducir ao máximo a sintomatoloxía do trastorno, cambiando a actividade cerebral de maneira controlada”, segundo as declaracións de Sousa e Serrano hai un ano, cando se deu a coñecer o éxito da primeira cirurxía nunha muller de 51 anos da comarca de Vigo. Segundo contan agora, xa hai candidatos das áreas de Lugo e de Ourense.
Malia que se trata dunha técnica segura, sen apenas efectos secundarios e cunha rápida recuperación, é unha intervención complexa dende o punto de vista da planificación. “Para decidir onde colocamos os eléctrodos baseámonos en imaxes de alta precisión, polo que necesitamos un TAC intraoperatorio no quirófano. Entre a planificación previa e as probas de imaxe fusionadas buscamos as coordenadas no espazo. É dicir, o punto exacto no que colocar os eléctrodos”, explica o neurocirurxián.


“Resultados espectaculares” no TOC
Tras a operación, indica Serrano, o equipo fai un seguimento da ferida e do sistema instalado. Unha vez que todos os parámetros son correctos e non se detecta ningunha incidencia, o paciente pasa a realizar o seu seguimento no servizo de Psiquiatría do Cunqueiro, liderado por Raúl Vázquez-Noguerol. O experto declarou hai un ano que esta técnica, baseada na estimulación cerebral profunda, ten constatada a súa eficacia con “resultados espectaculares”. “Experimentan unha melloría do 70%, que é un índice moi alto para estes pacientes, xa que pode diminuír o sufrimento que a enfermidade causa e permitir mellorar o seu funcionamento social e incluso reincorporarse ao mundo laboral”, indicaba.
O TOC é un dos trastornos máis incapacitantes que hai, segundo a Organización Mundial da Saúde. Os seus trazos máis característicos son as obsesións e as compulsións. As primeiras defínense como pensamentos, impulsos ou imaxes metais intrusivos, non desexados e que provocan ansiedade. Así o define o Instituto Nacional para a Saúde Mental dos Estados Unidos. No que respecta ás compulsións, son unha especie de resposta á obsesión e, por tanto, condutas repetitivas que non se poden evitar facer. Por exemplo, lavar constantemente as mans ante o temor irracional de que un familiar faleza se non se leva a cabo o ritual.
O comité clínico
“As obsesións e as compulsións son moi diferentes en cada paciente pero todos se senten moi limitados. Pasan tanto tempo realizando os seus rituais que deixan de facer a súa vida. Polo tanto, a melloría que experimentan tras a operación debe analizarse de maneira individualizada”, matiza Serrano. E, sobre todo, os dous neurocirurxiáns poñen énfase en que a intervención só está destinada a un grupo moi concreto de pacientes e que non é unha opción estendida. Os que se sometan á operación teñen que ser casos avaliados previamente por un comité clínico. Aí valóranse, entre outros aspectos, a intensidade das obsesións, canto afectan a súa calidade de vida e o seu estado de ánimo e, en xeral, a gravidade da enfermidade.
O obxectivo que defende Sousa é que se poidan realizar entre 15 e 20 operacións anuais, así como converter o Cunqueiro no “centro de referencia galego” para o tratamento cirúxico do TOC. Malia que este tipo de intervención só se centra neste trastorno, os neurocirurxiáns abren un amplo abano de posibilidades. Talvez, non futuro, e respondendo aos estudos experimentais actuais, esta mesma técnica se poida aplicar a outras enfermidades como a anorexia, a síndrome de Tourette, a depresión maior refractaria, a esquizofrenia e algún caso de alzhéimer. “De momento todo isto está na esfera do experimental e son casos moi illados”, matiza Sousa. Porén, á vista dos resultados co TOC, esa vía de esperanza talvez se amplíe, co tempo, a outros trastornos igualmente incapacitantes.














