Publicidade

A galega que deseñou un sistema para predicir xaquecas: “Temos unha taxa de éxito do 75%”

A neuróloga galega Ana Gago acaba de recibir o premio Cefaleas por un dispositivo capaz de predicir unha crise con 30 minutos de antelación

Baixo as sabas, illada do ruído tenue do tráfico e da luz do mediodía, agóchase unha muller. Ten unha dor de cabeza insoportable, náuseas e dende horas antes xa notaba un cansazo intenso. Estes tan só son algúns dos síntomas que experimenta o 12% da poboación española, sobre todo mulleres en idade fértil, que sofren xaquecas (o termo científico é migrañas). Descoñécese a orixe desta doenza incapacitante e hoxe en día non ten cura, pero si hai tratamentos que mitigan os síntomas. Un dos estudos máis prometedores neste campo é o da neuróloga galega Ana Gago. Xunto a un equipo multidisciplinar, está a deseñar un sistema capaz de predicir crises de xaqueca con 30 minutos de antelación e unha taxa de éxito do 75%. Isto permitiría administrar o tratamento a tempo para reducir ou, incluso, evitar a dor da paciente. Tan prometedor é este dispositivo, que Gago acaba de recibir o premio Cefaleas que outorga a Sociedade Española de Neuroloxía.

“Demostramos que é posible predicir de forma obxectiva o inicio da dor nunha crise de xaqueca”, apunta a neuróloga galega, que traballa no Hospital de la Princesa, en Madrid, e é profesora asociada na Universidade Autónoma. Segundo continúa explicando, hai pacientes que presentan síntomas premonitorios pero, na gran maioría dos casos, non saben recoñecelos con antelación. Por exemplo, un cansazo inusual ou a falta de concentración poden revelar o inicio dunha crise de xaqueca en apenas unhas horas. “Algúns estudos demostraron que administrando o tratamento na fase premonitoria podiamos frear o inicio da dor. Por iso sería perfecto atopar unha forma obxectiva de detectalo sen depender da subxectividade do paciente”, expón Gago, lembrando os inicios da súa investigación.

Publicidade

“Algúns estudos demostraron que administrando o tratamento na fase premonitoria podemos frear o inicio da dor”

ANA GAGO, neuróloga

O primeiro paso, ao abeiro da súa tese de doutoramento, foi demostrar que era posible. Para iso fíxose un rexistro de distintas variables hemodinámicas —en concreto, frecuencia cardíaca, sudoración, saturación de oxíxeno e temperatura— para saber se se producía algún cambio antes do inicio da dor. E así foi: “Demostramos que era posible predicir unha crise de xaqueca a través de diferentes variables fisiolóxicas”. Porén, Gago advirte de que estes primeiros estudos teñen as súas limitacións. O primeiro tan só contemplou dous pacientes, dado que era unha proba de concepto. O segundo xa contou coa participación de 15 doentes e cuns resultados extraordinariamente prometedores: “Puidemos predicir 24 crises dun total de 25”. Con todo, Gago mantén a cautela e recoñece que é preciso facer estudos con grupos máis amplos de doentes para corroborar estes primeiros resultados.

Ese obxectivo, de feito, xa está en marcha. A neuróloga galega acaba de embarcarse nun proxecto multicéntrico, no que participan sete hospitais españois de referencia, que quere aumentar o tamaño da mostraxe dos primeiros estudos. O proxecto comezou a principios de ano e aínda está nunha fase moi inicial, pero o seu obxectivo e conseguir unha mostra de entre 70 e 100 pacientes. “Queremos demostrar que o algoritmo de predición que obtivemos pode funcionar nun grupo máis amplo de doentes”, apunta Gago, lembrando que o seu traballo non sería posible sen a colaboración doutras disciplinas, como a enxeñaría, que deseñou a base do sistema. “É probable que cada paciente teña o seu propio algoritmo. É dicir, que non exista un algoritmo único. Isto significa que a propia intelixencia artificial iría aprendendo das crises de cada paciente”, asegura.

Como funciona?

O funcionamento do sistema é aparentemente sinxelo. Os elementos básicos para o seu funcionamento son unha aplicación móbil e unha pulseira intelixente que rexistra as variables a estudo. O que fai o equipo de Gago é analizar os datos en bruto e determinar que cambios axudan a predicir o inicio da crise e, por tanto, da dor. Por iso, canto máis uso faga a doente da pulseira, mellor vai ser a precisión coa que detecte a chegada da xaqueca. De feito, de cara ao futuro, o obxectivo do equipo de Gago é que o sistema sexa capaz de emitir unha alarma para que a paciente actúe a tempo e poida tomar o tratamento antes de que comece a dor. De todos modos, a neuróloga matiza: “Este dispositivo non vai servir para diagnosticar nin para automedicarse. En todo caso, terá que empregarse baixo supervisión médica”. Polo tanto, se este sistema se chega a desenvolver e comercializar, sería un recurso que pautarían, en calquera caso, os neurólogos, que tamén indicarían que tratamento tomar unha vez que se recibise a alarma.

Canto máis uso faga a doente da pulseira intelixente, con maior precisión se detectará o inicio da crise

O proxecto leva 10 anos en marcha e está avalado por unha longa traxectoria na que xa se demostrou o fundamental. De todos modos, Gago asegura que se precisa seguir investigando. De poder demostrarse os primeiros resultados nun tamaño de mostraxe máis grande, este sistema melloraría considerablemente a calidade de vida de quen convive habitualmente coa xaqueca. Como explica a neuróloga, hai quen ten 15 días de dor ao mes, o que fai case imposible desenvolver unha vida normal. “Quero ser cautelosa porque aínda estamos na fase de investigación pero se tan só logramos reducir a intensidade da dor nunha porcentaxe de pacientes, xa sería moi beneficioso”, apunta a experta. A idea sería, en todo caso, que os neurólogos puidesen pautar un tratamento precoz que mitigase ou, incluso, evitase que o paciente desenvolvese a dor derivada desa crise de xaqueca.

Primeira causa de discapacidade en mulleres en idade fértil

Se este sistema funcionase, as repercusións serían inimaxinables, dado que é a primeira causa de discapacidade en mulleres en idade fértil. E non só iso, está considerada a sexta enfermidade máis incapacitante. “É unha doenza moi prevalente. Normalmente asociámola a unha dor de cabeza moi intensa pero é moito máis ca iso. Á paciente moléstalle a luz, o son, as náuseas, atópase mal, non é capaz de pensar, non se concentra da mesma maneira e incluso pode cambiarlle o carácter”, enumera Gago, atendendo á longa lista de síntomas que pode provocar a enfermidade. A neuróloga, ademais, recoñece que ás veces é difícil identificar o sufrimento das pacientes, dado que é unha doenza que “non se ve”. Con todo, a galega zumega esperanza e malia que a xaqueca non ten cura, si que existe unha ampla gama de tratamentos —algúns deles moi innovadores— que mitigan a dor.

“É unha doenza moi prevalente que normalmente asociamos á dor de cabeza, pero é moito máis ca iso”

ANA GAGO, neuróloga

“Hai pacientes que asumen que iso é o que lles tocou. Como ten un alto compoñente xenético, entenden que se súa nai ten xaqueca, é normal que elas tamén. Ademais, moitas doentes temen a repercusión que poida ter a doenza no seu traballo”, describe Gago, atendendo a algunhas das situacións máis comúns que ve en consulta. Con todo, ela insiste: “Hai moito que podemos facer pola xaqueca”. A neuróloga asegura que, nos últimos anos, se produciu unha “completa revolución” nos tratamentos: dende os clásicos, ata o uso da toxina botulínica, pasando polos anticorpos monoclonais, que son os últimos que se incorporaron á longa nómina de fármacos para tratar a xaqueca. “A xente que ten moitos días de dor debería consultalo porque hai moitas opcións”, insiste a neuróloga. A toda esta lista, agora súmase un proxecto prometedor: o da propia Gago. Un sistema que previría a crise antes de que comezase. E que evitaría a todas esas mulleres illadas, baixo as sabas, agochadas dunha dor insoportable.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Investigadores de Santiago descobren unha posible diana terapéutica para as xaquecas

O traballo revela que os niveis de autotaxina, un enzima presente no sangue, están elevados en persoas que padecen intensas dores de cabeza

“O 40% dos familiares de doentes de alzhéimer teñen problemas económicos polos coidados”

A neuróloga do CHUS Susana Arias advirte que os casos de demencia están aumentando e o seu impacto "será brutal"

Xavier Montalbán: “O virus de Epstein-Barr é unha condición sine qua non para padecer esclerose múltiple”

O neurólogo é recoñecido polas súas aportacións nos últimos avances na mellora do prognóstico e tratamento da enfermidade

Moitos adultos sofren TDAH sen sabelo: como detectalo e facerlle fronte

Os estudos apuntan a que a frecuencia do trastorno roldaría o 3%, aínda que a maioría da poboación permanece sen diagnóstico