Alumnado do Programa de Mariores da UVigo achegará o seu coñecemento á sociedade

Un ciclo de charlas en cafetarías de Vigo, Ourense e Pontevedra permitirá abordar temas de actualidade a estudantes sénior

Exercer de Embaixadores e embaixadoras da ciencia e do coñecemento. Esta será a misión de alumnos e alumnas do Programa para Maiores da Universidade de Vigo (PUM) nun ciclo de charlas que se enmarca dentro do plan anual Ciencia de ida e volta da UCC+i da UVigo, financiado pola FECYT-Ministerio de Ciencia e Innovación. A actividade comprenderá relatorios de catro estudantes sénior deste programa que, acompañados e asesorados por persoal investigador de cada un dos eidos, terán lugar en cafetarías e bares das cidades de Vigo, Ourense e Pontevedra.

O Programa para Maiores da UVigo conta cun alumnado que, tras décadas de dedicación profesional, acumula coñecementos e experiencia sobre temáticas moi diversas. Para aproveitalo e conectar de forma máis directa coa sociedade, ao tratarse de emisores non especializados, a vindeira semana botará a andar este ciclo Embaixadores/as da ciencia e do coñecemento, unha iniciativa que tratará de achegar o seu saber sobre diferentes temas a toda a cidadanía.

Publicidade

“O obxectivo é aproveitar a experiencia e o gran capital humano que acumula o alumnado”

CARMEN MARÍA ABREU, coordinadora do programa

“O obxectivo é aproveitar a experiencia e o gran capital humano que acumula o alumnado”, explica a coordinadora do Programa para Maiores da UVigo, Carmen María Abreu. “Son persoas que teñen unha gran capacidade comunicativa e poden transmitir o seu coñecemento de forma máis directa, achegando as súas vivencias e tamén obstáculos e limitacións, e como conseguiron superalos. É unha actividade altamente gratificante para todos os que participan”, afirma. Mentres que as e os relatores teñen a oportunidade de converterse en divulgadores e aprender conceptos básicos de cultura científica, engade, as persoas asistentes poden seguir aprendendo e verse reflectidos. “Estas actividades adoitan ter moi boa acollida porque a “universidade da vida” permite enfrontarse satisfactoriamente a calquera reto”, comenta.

Tres charlas, unha en cada campus da UVigo

Para achegar un respaldo científico, cada un dos catro estudantes sénior que participará no ciclo conta co asesoramento e as achegas dun investigador ou investigadora da Universidade de Vigo con experiencia no ámbito concreto sobre o que versará o relatorio. Durante as semanas previas ambas partes deseñan, preparan e argumentan os contidos que se van expoñer.

Publicidade

En total serán tres charlas abertas ao público interesado. Comezarán en Pontevedra o vindeiro 20 de xuño, na cafetaría La Gramola ás 18.00 horas. O alumno Amancio Castro falará das Herbas de San Xoán, tendo en conta a súa próxima celebración. Para preparar esta exposición, Amancio contou coas achegas da investigadora Eugenia López de Silanes, doutora en Ciencias Biolóxicas e profesora titular na Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, que estará presente no relatorio.

Cita en Ourense

A seguinte cita será en Ourense o 26 de xuño ás 17.00 horas, en El Cercano. Desta volta, baixo o título Como emprender: historia dunha pequena empresa familiar, o faladoiro estará a cargo dos estudantes Miguel Ángel Martínez e Antonia Blanes. Neste caso contaron co asesoramento de Alberto Vaquero, investigador do grupo GEN (Governance and Economics Research Network) e coordinador do PUM no campus de Ourense, quen tamén estará presente.

O programa concluirá en Vigo o mércores 28 de xuño ás 19.00 horas no Café Uf Negra Sombra, cun evento que contará tamén coa presenza da vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da UVigo, Belén Rubio. Nesta cita, Pedro Javier Zunzunegui, estudante do programa, falará sobre Protección catódica de tubería e equipos enterrados, co asesoramento da propia Carmen María Abreu, investigadora no grupo Encomat, que tamén acudirá á cita.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Científicos galegos e arxentinos desvelan o potencial do cacho de gambón para protexer a retina

Un estudo desenvolve nanopartículas antioxidantes derivadas de residuos pesqueiros con resultados prometedores en probas in vitro

Novembro para descubrir, rir e namorar da ciencia en galego

A UVigo conmemora o Día da Ciencia en Galego cun programa de actividades que durará todo o mes

O poder oculto das raíces da alfábega

O proxecto AGRI-RESVAL, no que participan a UVigo, Néboda Farms e FEUGA, investiga o potencial dos residuos da agricultura para atrasar a oxidación dos conxelados

Como protexer os peixes fronte aos contaminantes dos pensos acuícolas? Así o estudan dende a UVigo

O proxecto Toxi-Feed analiza os efectos na troita arco da vella e avalía solucións baseadas en aminoácidos para preservar o seu benestar e mellorar a produción