Investigadores de Santiago descobren unha posible diana terapéutica para as xaquecas

O traballo revela que os niveis de autotaxina, un enzima presente no sangue, están elevados en persoas que padecen intensas dores de cabeza

É unha das “enfermidades máis antigas da historia”, afecta ao 15% da poboación mundial e aínda “non se coñece moi ben o porqué das xaquecas”. Por iso cada avance é importante. Un estudo galego descobre un novo biomarcador en sangue que podería revolucionar o diagnóstico e tratamento das intensas dores de cabeza. O traballo revela que os niveis de autotaxina (ATX) están máis elevados en persoas con xaquecas, especialmente en doentes crónicos. Despois deste achado, os responsables realizarán “novos estudos para determinar se o bloqueo da ATX pode axudar a reducir a frecuencia e intensidade da doenza“, explica o investigador principal, o doutor Alberto Ouro, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS).

O traballo, publicado na revista Headache, estuda os niveis en sangue do enzima ATX, que é o encargado de regular a produción do ácido lisofosfatídico (LPA), unha molécula implicada en diferentes procesos como a inflamación, a excitación das neuronas e o ton dos vasos sanguíneos. Todos relacionados coa fisiopatoloxía das xaquecas.

Publicidade

O estudo foi coordinado polo grupo de Cefaleas e Dor Craniofacial do Centro Hospitalario de Santiago (CHUS), dirixido polo doutor Rogelio Leira, e o equipo de Neuroenvellecemento (LINC-IDIS), liderado polo doutor Tomás Sobrino. Realizaron unha análise retrospectiva de 62 mostras de persoas sas, 45 de doentes con xaquecas episódicas e 38 crónicos.

O investigador principal do estudo Alberto Ouro.

Máis que unha dor de cabeza

A xaqueca é unha enfermidade neurolóxica incapacitante que se caracteriza por episodios de dor intensa, xeralmente nun só lado da cabeza, acompañados de síntomas como náuseas, vómitos e aumento da sensibilidade á luz e o son. A doenza está causada polo nervio trixémino, que está conectado por unha das súas ramas cos vasos sanguíneos das meninxes. Cando estas membranas se inflaman prodúcese unha sensación de dor que o trixémino se encarga de enviar ao cerebro. Estímase que uns 300.000 galegos padécena, segundo a Sociedade Galega de Neuroloxía.

Publicidade

Clasifícase en dous tipos tendo en conta a frecuencia das crises: episódica —menos de 15 días ao mes— e crónica —máis de 15 días ao mes durante a lo menos tres meses—. Os expertos estiman que o 80% dos casos son femininos. “Un dato moi importante, que nos levou ata a nosa hipótese, é que, de xeito fisiolóxico, a ATX está máis elevada en mulleres que en homes“, resalta Ouro.

Deste xeito, os resultados das análises indicaron que os niveis deste enzima son “significativamente máis altos en pacientes con xaquecas que nas persoas sas“, sinala o investigador do IDIS. O traballo indica que a ATX está máis elevada en doentes crónicos —336.7 ng/mL— que nos episódicos —310.7 ng/mL—. “Ademais, vimos que existe unha correlación entre a ATX, a frecuencia das crises e a duración ao longo do tempo, o que suxire que esta molécula pode estar relacionada coa evolución da doenza“, engade.

Segundo detalla o experto, o 2% das persoas que padecen xaquecas episódicas evolucionan a crónica, pola contra, “descoñécese o porqué deste feito”. O estudo suxire que a ATX podería estar relacionada co proceso. De ser así “axudaría a predicir que pacientes teñen un maior risco de sufrir este empeoramento”, asegura Ouro.

Posible nova diana terapéutica

Por outra banda, o estudo atopou que os niveis do péptido relacionado co xen da calcitonina (CXRP) tamén están elevados en doentes con xaqueca. O CXRP é unha das moléculas clave na xeración da dor da doenza. Sábese que a súa liberación provoca inflamación e dilatación dos vasos sanguíneos, o que contribúe ás crises. Existe tratamentos que bloquean estas moléculas —a través de anticorpos monoclonais— e os seus receptores —con xepantes pero non funcionan en todos os pacientes, segundo indica o investigador do IDIS.

O traballo galego detalla que, malia que os niveis elevados de ATX e CXRP están implicados en ámbolos casos coa xaqueca, non teñen unha relación entre si. É dicir, as moléculas están actuando de xeito paralelo na fisiopatoloxía da doenza. “Se confirmamos que o enzima está involucrada en procesos paralelos ao CXRP poderíamos ter unha nova diana que permitise ofrecer terapias complementarias ou alternativas para os pacientes que non responden ás actuais”, expresa Ouro.

Futuro estudo

Deste xeito, o IDIS xa está traballando en novos estudos. “Queremos entender mellor o papel da ATX e explorar se, bloqueando a súa actividade, podemos reducir a frecuencia e intensidade da xaqueca“, detalla. Así, o próximo proxecto centrarase en determinar os niveis deste enzima en pacientes que respondan ou non ao tratamento de anticorpos CXRP. “O obxectivo é saber se non responden ao tratamento porque a ATX está elevada ou se hai outros mecanismos implicados”, indica Ouro.

Na actualidade existen medicamentos inhibidores de ATX aprobados en clínica para enfermidades como a fibrose pulmonar ou a artrite. “Dentro deste proxecto, outra parte do traballo será realizar un estudo pre-clínico, con modelos de ratas con xaquecas, avaliaremos a efectividade destes fármacos para reducir a intensidade e frecuencia das crises”, conclúe Ouro.

Gloria Montenegro
Gloria Montenegro
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Valladolid. Comezou a súa andaina profesional en Faro de Vigo e Si Radio de Galicia. A súa experiencia profesional levouna polas redaccións de Nós Diario e Metropolitano.gal, mais tamén pola comunicación de festivais como Revenidas ou de grupos como Banda Crebinsky. Sempre cunha cámara de fotografía na man, retratou artistas como Rodrigo Cuevas ou Tanxugueiras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha nova ferramenta de IA analiza a microbiota da poboación galega para anticipar enfermidades

Dous investigadores do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur crean un novo índice para identificar zonas de actuación prioritaria e apoiar a toma de decisións sanitarias

A Xunta activa o protocolo de actuación ante a posible chegada de po africano

As autoridades sanitarias recomendan reducir a actividade física no exterior e extremar as precaucións entre a poboación vulnerable
00:06:10

Dopamina e lampreas: así descifra o CINBIO o sistema que inflúe nas nosas decisións e que nos fai sentir pracer

O grupo Neurocircuits investiga como o cerebro procesa datos novos e calcula o valor das nosas accións cun modelo animal de máis de 500 millóns de anos

Graziella Almendral, presidenta dos xornalistas sanitarios en España: “A desinformación está gañando”

A farmacéutica Zendal organizou unha xornada no Porriño co gallo da Semana Mundial da Inmunización na que participou a profesional da información