Xoves 25 Abril 2024

Un paso máis por diante da xaqueca? Este é o obxectivo dun equipo de neurólogos galegos

Unha tese presentada no IDIS de Santiago pola investigadora Clara Domínguez atopa unha nova diana terapéutica contra a dor de cabeza incapacitante

Anticiparse aos mecanismos que acaban desencadeando a aparición da xaqueca e, deste xeito, desenvolver terapias para evitar un problema neurolóxico cunha importante prevalencia, con máis de 300.000 persoas afectadas en Galicia. É o obxectivo a longo prazo dun equipo de neurólogos do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), que acaba xa de dar un importante paso nunha tese presentada por Clara Domínguez Vivero. Nela demóstrase, por primeira vez na literatura científica, que a inmunidade intervén na migraña. Faino a través duns receptores, os chamados toll-like, que recoñecen sinais inflamatorias e de estrés no propio organismo, e que están sobreexpresados nos pacientes con xaquecas, segundo demostrou a investigación liderada por Clara Domínguez, e dirixida polos doutores Rogelio Leira e José Castillo, que foi presentada este xoves na Facultade de Medicina da USC.

Comprobar que estes receptores están implicados na xaqueca abre, por tanto, un camiño para estudar como bloquealos. Así, a tese, que tivo unha vertente experimental e outra clínica, na que participaron pacientes da unidade de cefalea do Hospital Clínico Universitario de Santiago, en colaboración co Laboratorio de Investigación en Neurociencias Clínicas (LINC) observouse que os devanditos receptores “participan no desencadeamento de novas crises e, en especial, na cronificación da crises de xaqueca”.

Publicidade

O doutor Leira, especialista en xaquecas e director da tese de Domínguez, destaca que o avance acadado agora é “chegar a un paso previo” para evitar a liberación de substancias no sistema nervioso central que acaban causando as xaquecas. “Ata hai moi pouco tempo pensábase que o sistema nervioso central era alleo ao sistema inmunitario, pero xa hai anos que se empezaron a atopar algunhas alteracións vinculadas a isto, e no caso das xaquecas apenas se afondara ata agora”.

Clara Domínguez, cos directores da tese; José Castillo (esquerda) e Rogelio Leira. Foto: IDIS.
Clara Domínguez, cos directores da tese; José Castillo (esquerda) e Rogelio Leira. Foto: IDIS.

Así, o equipo do IDIS analizou, a partir do sangue dos pacientes, como se relacionaban os niveis dos toll-like coa presenza de xaquecas crónicas ou episodios de dor aguda. “Vimos que, canto máis frecuentes eran as crises nos pacientes, máis sobreexpresión destes receptores había”, engade Rogelio Leira. O mesmo se observou en modelos de ratos, aos que se lles induciu unha excitación cerebral para medir os posibles cambios na expresión destes compostos, o que suxire o vínculo entre a xaqueca crónica e estas proteínas receptoras.

“O noso descubrimento, que ofrece un enfoque clínico moi esperanzador abre a porta a terapias específicas para bloquear os receptores toll-like, posibles causantes de facer da hemicrania unha enfermidade crónica, dolorosa e que diminúe enormemente a calidade de vida”, expón Clara Domínguez. Por tanto, “bloquear a acción destes receptores sería o obxectivo das novas e específicas terapias para frear o desencadeamento das crises de dor en hemicrania, “unha das incógnitas da ciencia neste campo, no que subxace sempre a  despolarización eléctrica de rexións da codia cerebral; e no que focalizamos agora a nosa investigación”, explica Clara Domínguez.

Este enfoque, con todo, requerirá de tempo para que se plasme na aplicación clínica. “Desde que damos estes primeiros pasos ata que estes traballos teñen unha repercusión queda moita investigación por facer; pero sen dúbida é un comezo moi prometedor en algo que nunca se fixera ata agora”, destaca Rogelio Leira.

A xaqueca

A xaqueca é unha desorde neurolóxica, normalmente crónica (considérase así cando se padece 15 ou máis días cada mes), que se manifesta, entre outros síntomas, como unha forte dor de cabeza que incapacita ás persoas que o sofren a levar unha vida normal. Prodúcese no nervio trixémino, que se atopa no cerebro e que transmite sensibilidade á cabeza. Este nervio atópase conectado por unha das súas ramas cos vasos sanguíneos das meninxes. Nalgunhas ocasións estas membranas pódense  inflamar e, en consecuencia, prodúcese unha sensación de dor que o  trixémino transmite ao cerebro.

Adoita aparecer na adolescencia, e hai ata o dobre de casos en mulleres que en homes. Está vinculada á herdanza xenética, e hai outros factores que a inducen, como o estrés, o exceso de  cafeína, o tabaco, o insomnio, os cambios hormonais, a deshidratación ou a mala alimentación, entre outros.

É unha patoloxía altamente incapacitante e causa unha notable perda de calidade de vida, podendo derivar en depresión, ansiedade, trastornos respiratorios ou risco cardiovascular. Xera ademais unha alta porcentaxe de absentismo laboral, que supón, segundo a Sociedade Española de Neuroloxía, un custo de 2.000 millóns de euros.

No seu tratamento, segundo explica o doutor Leira, diferéncianse diversas aproximacións, vinculadas á conter da dor aguda, con fármacos analxésicos e antiinflamatorios inespecíficos, e outros específicos da migraña, como os triptáns. Por outra banda, existen tratamentos de prevención, con métodos como a inxección de toxina botulíntica ou, mais recentemente, os anticorpos monoclonais que bloquean a liberación de compostos que acaban provocando este proceso inflamatorio. De saír adiante, o achado acadado polos neurólogos do IDIS sería un paso mesmo previo a este, o que permitiría abordar a enfermidade dunha forma máis efectiva e áxil.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Identificado o risco de miocardiopatía dilatada nos portadores xenéticos

O estudo liderado polo investigador Pablo García-Pavía analiza as posibilidades de herdanza da enfermidade en familiares

Investigadores de Vigo proban con éxito un deseño de antena para un vehículo lunar

O dispositivo facilitará o sistema de comunicación durante as incursións das covas atopadas no satélite

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Un neno maltratado ten tres veces máis risco de desenvolver unha adicción de adulto

O estudo dunha investigadora da Universidade de Queensland analiza as consecuencias do maltrato infantil a longo prazo