Publicidade
Venres 21 Marzo 2025
Publicidade

Castelo de Monterrei, unha herdanza secular

A fortaleza medieval ourensá, considerada a maior acrópole galega, acolleu a primeira imprenta de Galicia e recibiu a Garcilaso de Vega como hóspede

Castelos como o de Monterrei (Ourense) son unha inmersión na historia, patrimonio, cultura e identidade de Galicia. Unha herdanza secular que fala de control territorial e poder e que, hoxe en día, abre a porta a actividades lúdicas, culturais e turísticas.

Con este horizonte están en marcha as obras de rehabilitación da fortaleza medieval ourensá, que enfrontan o gran reto de conxugar o respecto, restauración e posta en valor do patrimonio histórico con usos e servizos do século XXI. As previsións, apuntadas polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante a súa visita ao castelo, sinalan o remate dos traballos no 2026. A actuación, que ten un custo de 14 millóns de euros, corre a cargo Plan Nacional Turístico Xacobeo Next Generation.

Publicidade

“Afrontamos a tarefa con moito respecto e con dúas dificultades de partida; por unha banda, é un Ben de Interese Cultural (BIC), un ben protexido, que hai que levar ao século XXI, o que implica introducir cables, canalizar auga, servizos…  E, por outra, traballamos nunha fortaleza nun alto, o que é sinónimo de pedra, cada vez que escavas atopas rocha nai”, subliña o arquitecto Juan Picáns, membro do equipo que está á fronte do proxecto de rehabilitación.

Os traballos en marcha —realizados con cautela arqueolóxica—  están a sacar a luz unha infinidade de obxectos; vasillas, moedas, balas de canón, elementos ornamentais, etcétera, que quedaron enterrados ou ocultos por distintas reformas e ampliacións. “Falamos dunha fortaleza de 800 anos e cada elemento que atopamos analízase e documéntase, e axúdanos a construír e entender a súa historia” explica Juan Picáns.

Publicidade

Tamén foron recuperados anacos do pavimento orixinal no acceso norte e descubriuse, ao retirar unha vexetación frondosa, unha escaleira que, a modo de corredor, comunicaba dous recintos murados.

A obra en marcha é unha restauración estrutural e paisaxística da fortaleza e supón unha intervención en máis de 20.000 m2. Tocará espazos como a Casa Cuartel, o antigo Concello de Monterrei, a Torre de San Francisco, os Corpos de Garda e o centro de visitantes e afectará tamén, entre outros, aos accesos da Porta Sur e Norte e Ronda Oeste e aos terreos da Praza do Mercado.

  • Pavimento no Castelo de Monterrei.
  • O lateral dunha das murallas do castelo.
  • Un dos accesos á fortaleza.

A fortaleza-pazo de Monterrei está considerada a maior acrópole galega. Asentada nun outeiro sobre o val do río Támega, sobre os restos do castro de Baronceli, foi ao final da Idade Media un enclave estratéxico para a defensa da fronteira con Portugal.

Construída no século XII como fortaleza, foi derivando a palacio feudal con diversas reformas que incorporaron elementos senlleiros como a Torre das Damas no século XIV; a Torre da Homenaxe; a Igrexa de Santa María; e o Hospital dos Peregrinos entre os séculos XV e XVII. Ao longo do tempo estivo en mans das máis poderosas liñaxes de Galicia: os Ulloa, os Zúñiga, os Viedma, os Fonseca, os Acevedo e tamén da Casa de Alba.

O recinto acolleu a primeira imprenta de toda Galicia que en 1494 publicou o Missale Auriense —exposto na catedral de Ourense— e entre os seus hóspedes máis ilustres está Garcilaso de Vega.

Abandonado tras a desamortización de Mendizábal en 1835 e xa con titularidade pública non sería restaurado ata os anos sesenta do século XX, tres décadas despois de ser declarado Monumento Nacional (3 de Xuño de 1931). Na actualidade está catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC) e desde o 2010 a titularidade é da Xunta de Galicia.

Aposta turística

A fortaleza acolle desde 2015 o Parador de Turismo, unha oferta de aloxamento turístico que a restauración e rehabilitación do castelo de Monterrei en marcha vai incrementar coa creación de tres habitacións na Casa Cuartel e a construción no Antigo Concello de tres apartamentos sobre as ruínas de edificacións antigas que había na praza.

Ademais, crearase un miradoiro na Torre de San Francisco, cunha construción realizada en madeira no interior coa intención de permitir percorrer a torre en altura e asomarse á paisaxe desde a súa coroación.

A actuación no seu conxunto ten como obxectivo declarado converter a Fortaleza de Monterrei nun punto de atracción cultural e turístico de Galicia, aberto ao goce da veciñanza e visitantes con miradoiros, sendeiros e incremento da capacidade de aloxamento.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas