Publicidade
Sábado 15 Marzo 2025
Publicidade

Por que se controla a administración de antibióticos a cans e gatos?

A Lei de Medicamentos Veterinarios xera protestas no sector contra as restricións impostas na prescrición de medicamentos para animais domésticos e de granxa

O 13 de febreiro, unha cadela chamada Selva chegou a unha clínica veterinaria de Cee (A Coruña), segundo informa National Geographic España. Días despois, faleceu a causa dunha sepse. Non foi unha morte natural, senón consecuencia das limitacións impostas pola nova normativa que entrou en vigor o 2 de xaneiro de 2025: o Real Decreto 666/2023. Este feito provocou o peche de clínicas veterinarias en toda España o martes 11 de marzo, nunha folga simbólica contra a normativa, competencia do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación

Esta lei supón a transposición da normativa europea, concretamente do Regulamento UE 2019/6 do Parlamento Europeo e do Consello. O obxectivo desta norma, segundo recolle o novo decreto publicado no Boletín Oficial do Estado, é “mellorar o mercado, a fabricación, a importación e exportación, o subministro, a distribución, a farmacovixilancia, o control e o uso dos medicamentos veterinarios, garantindo ao mesmo tempo o máis alto nivel de protección da saúde pública, a sanidade animal e o medio ambiente”. 

Publicidade

A preocupación xorde pola resistencia bacteriana que se desenvolve pola exposición continua aos antibióticos. Os profesionais sanitarios decatáronse de que a administración rutineira destes medicamentos en animais de produción podía ter un impacto na saúde humana a través do consumo de produtos como ovos ou lácteos. A longo prazo, isto podería xerar a resistencia aos antibióticos nas persoas. 

Porén, “na veterinaria hai varias realidades, entre os animais de compañía e os animais de producción”, explica Gonzalo Fernández, o decano da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago (USC). No caso dos animais de granxa, a normativa xa se aplicaba. Con todo, o seu impacto fronte a animais domésticos inicia o debate. Aínda que, segundo o decano, o Real Decreto introduce medidas positivas, malia que os aspectos negativos pesan máis.

Os problemas da adaptación española

Os Estados membro da Unión Europea non están obrigados a realizar unha transposición a nivel nacional do Regulamento europeo 2019/6, pero algúns países optan por desenvolver leis complementarias para regular aspectos específicos dentro da marxe que permite o regulamento. Este foi o caso de España e Italia. En España, o Goberno introduciu restricións adicionais que non existen noutros países, como a prohibición de que os veterinarios dispensen medicamentos directamente ou a obrigatoriedade de realizar un cultivo previo antes de prescribir un antibiótico de uso específico. Con todo, é habitual que estes Reais Decretos non conten co apoio dos sectores aos que afecta, como acontece coa Lei de Medicamentos Veterinarios. 

A regulación implica a introdución dos datos dos medicamentos prescritos nunha ferramenta nomeada Presvet, o Sistema Informático Central de Control de Prescripcións de Antibióticos. Este sistema permite a monitorización das prescripcións tanto en explotacións gandeiras como en animais de compañía. 

Unha das limitacións desta normativa é o deber de empregar as doses indicadas no prospecto do medicamento. “Isto deixa ao veterinario sen capacidade de utilizar os seus coñecementos e a evidencia científica”, explica Fernández. A evolución do ámbito farmacéutico adoita ir por detrás da realidade científica, xa que os custos para modificar o rexistro dun medicamento son moi elevados para as empresas farmacéuticas. “Se empregas esa dose, sabes que non vai ser efectiva”, afirma o decano. 

Polo tanto, ademais de restrinxir as decisións facultativas dos veterinarios, esta nova normativa parte da idea de tratar enfermidades en xeral, sen ter en conta os pacientes individuais e as súas necesidades concretas. “En cada animal pode ser necesaria unha dose específica”, asegura Fernández.

Un aumento da burocracia

Á problemática sobre o criterio clínico, súmase a dificultade burocrática. Entre os inconvenientes que implica, destaca a perda de tempo nas consultas por introducir os datos dos medicamentos no sistema Presvet. “Nun hospital grande hai persoal administrativo, pero nunha clínica pequena é traballo do veterinario”, explica Gonzalo Fernández. 

Nos casos de urxencia, o tempo é vital. Ademais, en moitas ocasións, antes de administrar certos antibióticos en Veterinaria é preciso realizar un cultivo previo para xustificar o seu uso. Estes resultados poden tardar ata cinco días, o que supón un problema en situacións críticas. “Isto en Medicina Humana non se fai”, apunta Fernández, xa que son requisitos aplicados á Veterinaria que non se consideran viables na sanidade humana. 

Outro factor problemático é o excesivo control na prescrición de antibióticos, que pode provocar atrasos no inicio dos tratamentos debido ás dificultades dos propietarios para conseguir os medicamentos veterinarios nas farmacias. Antes, estes podían venderse directamente nas clínicas. A situación é especialmente complicada en Galicia, onde algunhas granxas deben desprazarse ata dúas horas para obter os fármacos necesarios para os seus animais. “Estes problemas xorden porque non se tiveron en conta certas realidades”, sinala o decano, quen destaca a necesidade dun botiquín veterinario para situacións de urxencia ou zonas illadas.

Con todo, a complexidade das medidas aumenta. A nova normativa obriga os veterinarios a empregar primeiro antibióticos da categoría máis simple e, só no caso de que estes fracasen ou cando se obteña o resultado do cultivo, poden recorrer a antibióticos de maior categoría. “Cando tes un animal cunha infección, sabes que antibiótico tes que empregar, pero antes tes que utilizar outro que xa sabes que non funcionará”, explica Fernández. A pesar disto, o incumprimento destas normas pode implicar sancións económicas elevadas. 

Sancións económicas

O falecemento da cadela coruñesa non foi o único motivo de protestas. Outro dos casos que impulsou a mobilización do sector foi o dun veterinario dunha clínica nas Illas Baleares sancionado cunha multa de 90.000 euros por incumprir a normativa e vender medicamentos na súa consulta. 

As multas oscilan entre os 3.000 euros ata máis dun millón, en función da gravidade da infracción. As sancións aplícanse conforme ás normativas vixentes, como o Real Decreto 1/2015, a Lei 8/2003 ou a Lei 33/2011. Segundo explica o decano Gonzalo Fernández: “As multas teñen que ser proporcionais ao feito; un feito con base científica”. É dicir, se unha vaca precisa unha dose superior á indicada no prospecto e o veterinario é sancionado por iso, considérase un “fito desproporcionado”, xa que “primeiro deberían sancionarse os casos verdadeiramente punibles”. 

Como resposta, o pasado luns, o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, aseguraba nunha entrevista en Onda Cero que o Real Decreto non limita a actuación dos veterinarios: “O veterinario é o último responsable e non hai ningunha traba á decisión que teña que tomar”. Ademais, sinalou que, en casos de urxencia, para salvar a vida dun animal, o profesional poderá tomar decisións propias e que “non lle van sancionar por iso”. Na súa opinión, as críticas ao decreto responden a un “falso debate”. Con todo, as protestas continúan polo impacto na ética veterinaria.

Unha normativa que compromete a ética

A nova normativa sitúa o veterinario nunha situación complexa. “Existe o xuramento de asegurar o benestar dos animais, pero ao mesmo tempo, ameazan con multas por incumprir a norma”, explica o decano Fernández, sinalando que as decisións profesionais sempre se toman pensando na saúde dos animais. Isto lévaos a unha pregunta de difícil resposta: “Entón, que fago?”

A aplicación do Real Decreto supón, polo tanto, un dilema ético. Por un lado, os veterinarios poden optar por cumprir a lei, aínda que isto poida pór en risco a vida dun animal. Por outro, poden priorizar a saúde e expoñerse a multas severas. “Mentres os veterinarios procuramos o benestar animal, por outra parte semella que non importa”, reflexiona Gonzalo Fernández, quen entende a preocupación dos seus compañeiros que traballan en clínica. 

“A Administración pode dicir que será flexible”, explica, pero advirte que a interpretación depende do criterio de cada inspector. Con todo, remarca como boa medida a prohibición de antibióticos como medidas preventivas en animais de produción. Nestes casos, o primeiro paso é coñecer a causa do problema antes de administrar o medicamento: se a orixe está nas instalacións ou no manexo dos animais.

Conversas arredor dunha solución

“Onde hai que reducir o mal uso de antibióticos é en Medicina Humana”, argumenta Gonzalo Fernández, sinalando que o plan de redución foi menos estrito neste ámbito en comparación co sector veterinario. “Pensan que os veterinarios só saben ler un prospecto, cando en realidade pasamos cinco anos formándonos”, critica. 

Para abordar os problemas derivados da normativa, o decano da Facultade de Veterinaria propón solucións. No canto do sistema Presvet, suxire a creación dunha “receita electrónica homologada”, un sistema máis áxil que permita unha comunicación rápida e eficiente. Actualmente, os veterinarios deben escribir a composición do medicamento nas receitas en papel, un requisito que non se aplica en Medicina Humana. A súa proposta busca unificar unha prescripción electrónica en toda España. 

Outra demanda, para situacións de urxencia ou afastamento das granxas, é a regulación dun botiquín veterinario por especie, segundo as súas características. Isto relaciónase coa escasa dispoñibilidade de fármacos veterinarios nas farmacias, xa que están obrigadas a ter medicamentos para uso humano, pero non para animais. 

Ademais, destaca a importancia de elaborar guías terapéuticas baseadas na evidencia científica para definir o tratamento adecuado de certas enfermidades. Estas permiten identificar as cepas resistentes en cada especie e determinar que antibióticos deben evitarse. Como exemplo, menciona a Guía Terapéutica en Mamite Bovina, publicada polo Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL).  

Entre outras reclamacións xerais, subliñan o respecto ao criterio clínico e á evidencia científica na toma de decisións, así como a eliminación do 21% do IVE sobre a atención veterinaria, que considera a saúde dos animais un luxo. En resposta a estas demandas, o Consello Nacional de Veterinaria mantén conversas para comunicar cales son as preocupacións do sector e buscar solucións.  

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Estudante de Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela. Comezou as súas primeiras prácticas profesionais en GCiencia no ano 2024. Escribe artigos e elabora contido para TikTok. Os seus campos favoritos dentro da ciencia son a historia e a natureza que nos arrodea.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Podcast | Da reciclaxe de plásticos ás vacinas: a innovadora tecnoloxía creada en Santiago

O investigador Jose Martínez Costas do CiQUS explica no novo episodio do podcast de GCiencia en que consiste o seu método de etiquetaxe molecular de proteínas

Máis calor e menos chuvia: o cóctel que ameaza a supervivencia do castiñeiro

Un estudo no que participa a USC avalía a idoneidade do hábitat da árbore ata o ano 2100 baixo diferentes escenarios climáticos

Unha empresa galega logra 2,1 millóns para ensaiar a súa terapia de prevención da gripe

A compañía Smart Vitamins consegue no experimento en roedores protexer no 100% dos casos contra o desenvolvemento da enfermidade

A biodiversidade dos bosques tropicais non logra seguir o ritmo do cambio climático

Un estudo no que participa a Universidade de Santiago constata que as especies están a mudar a súa composición, pero a velocidade de adaptación é demasiado lenta