De castiñeiros resistentes á mellora da rubia galega: os grandes fitos da esquecida Escola de Veterinaria de Santiago

O doutor Diego Conde ingresa na Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia cun discurso que reivindica a historia do centro galego

“A pouca xente que coñece a historia da Escola de Veterinaria de Santiago ten a idea de que foi un centro que pasou sen pena nin gloria, pero nada máis lonxe da realidade”. Así reivindicará o doutor Diego Conde (Ourense, 1977) o legado da institución galega o xoves 23 de xaneiro durante o seu discurso de ingreso na Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia. Cunha actividade que se desenvolveu entre 1882 e 1924 en dúas sedes distintas na cidade compostelá, este centro contou cunha intensa actividade, profesorado á vangarda de Europa e diversidade de proxectos que repercutiron de xeito importante no eido agropecuario galego. Entre os achados realizados, Conde destaca a confirmación do liderado do científico Cruz Gallástegui no traballo europeo sobre os castiñeiros resistentes fronte a praga da tinta.

O doutor Diego Conde. Foto: Cedida
O doutor Diego Conde. Foto: Cedida

O fundador da Asociación de Historia Veterinaria Galega (HISVEGA) lerá este xoves no Pazo de Fonseca de Santiago o seu discurso Eppur si muove. Novas achegas á Historia da Escola de Veterinaria de Santiago de Compostela (1882-1924). Nel reivindicará o importante legado do centro galego na modernización deste sector a través da formación de profesionais e a investigación agropecuaria na comunidade. Ademais, tratará a relevancia da construción do Pazo do Hórreo —actual Parlamento de Galicia— que foi a sede desta institución dende 1915 ata 1924.

Publicidade

Alumnado destacado

A través da investigación en diversos arquivos, como o da Universidade de Santiago, prensa local ou revistas científicas, Conde foi debullando as actividades realizadas polo profesorado e alumnado da Escola de Veterinaria. “Críase que os alumnos eran xente sen estudos e que se metían case a calzador para cubrir as prazas do centro. Nada máis lonxe da realidade, xa que nos atopamos expedientes de estudantes tan relevantes como o propio Cruz Gallástegui, impulsor da Misión Biolóxica de Galicia; Ramón Turró y Darder, quen foi médico, biólogo, fisiólogo e filósofo; ou o propio irmán do escritor Rafael Dieste, Eduardo Dieste, quen non chegou a rematar a carreira, pero ambos estiveron moi vinculados ao centro”, explica o experto.

Con respecto aos destacados integrantes da Escola de Veterinaria, Conde resalta unha achega inédita sobre Gallástegui, que acadou o seu título de veterinaria no mesmo centro galego. Da man deste científico estableceuse unha rede de centros de investigación, que lideraba a sede de Santiago, para estudar castiñeiros resistentes fronte á praga da tinta. “Xunto a institucións de Francia, Italia e Reino Unido, Gallastégui crea e lidera este proxecto que acada a hibridación das especies autóctonas coas de orixe asiático para facer fronte a esta enfermidade que afectaba a metade dos soutos de Europa”, detalla.

Publicidade

Escola que “non fixera nada”

“Este feito era, ata o de agora, algo inédito. Os datos atopámolos no Arquivo da Xunta de Ampliación de Estudos de Madrid. Isto é bastante relevante tendo en conta que moita xente pensaba que a Escola non fixera nada”, matiza Conde.

Un veterinario vacinando unha vaca. Foto: Cedida
Un veterinario vacinando unha vaca. Foto: Cedida

Ademais, Gallástegui tamén foi responsable doutro dos estudos máis punteiros daquela época en Europa. “Os animais precisaban máis forraxe para poderse alimentar. Daquelas o millo era importado a Galicia dende outras zonas e o científico afrontou este problema realizando estudos para incrementar a produción”, relata o doutor. Deste traballo saen os millos dobres híbridos, “que foron cultivados por primeira vez no continente europeo en só dous lugares: na horta do centro de Santiago e no Centro Agronómico de Bérgamo, Italia”, asegura.  

Transferencia tecnolóxica e instalacións pioneiras

Dentro desta “etapa de esplendor” da Escola Veterinaria de Santiago o experto tamén resalta a transferencia tecnolóxica que realiza o centro no eido pecuario. “Non se trataba dunha institución pechada, senón que estaba moi conectada coa realidade do campo galego, realizando traballos catedráticos que van moi dirixidos a zootecnia de Galicia”. Entre as moitas achegas atópanse as propostas para a mellora da raza da rubia galega e na sanitaria en xeral, tanto no gando vacún como no porcino en Galicia.

Con respecto ás sedes da Escola, Conde destaca a importancia da construción do Pazo do Hórreo, instalacións que se inauguraron en 1915, após o traslado do centro da súa localización orixinal no Edificio de San Clemente. “O novo edificio contaba con laboratorios, estación pecuaria, cátedra de anatomía, gabinete de zootecnia e mesmo una zona de siderurxia para ensinar o ferrado dos animais. Foi un centro moi completo que cambiou por completo a fisionomía da zona sur da cidade de Santiago”, indica.

Outro aspecto no que destacaba o centro galego era polo seu plan de formación. Segundo traslada o doutor, a Escola de Veterinaria non só educaba de xeito teórico. “Existe bastante información sobre a realización de visitas por parte do alumnado a centros da provincia da Coruña como matadoiros, laboratorios ou explotacións pecuarias. Esta parte máis práctica era un método moi innovador daquela época, xa que estamos falando de hai 100 anos”.

Tres esqueletos animais expostos na Escola de Veterinaria. Foto: Cedida
Tres esqueletos animais expostos na Escola de Veterinaria. Foto: Cedida

Gala de ingreso

Este xoves día 23 de xaneiro realizarase a gala na que terá lugar o ingreso do doutor na Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia. “Que teñan a ben incorporarme nesta institución, que non deixa de ser o voceiro científico da profesión veterinaria, é todo un orgullo e unha responsabilidade”, asegura Conde. O experto, que ocupará a cadeira número 23 deste organismo, conta con máis de 100 publicacións e artigos en diversas revistas e congresos científicos nacionais e internacionais. Ademais, é membro colaborador do Grupo de Investigación de Historia Agraria e Política do Mundo Rural da Universidade de Santiago e xefe de Grupo de Actuacións e Proxectos na empresa Tragsatec.

Gloria Montenegro
Gloria Montenegro
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Valladolid. Comezou a súa andaina profesional en Faro de Vigo e Si Radio de Galicia. A súa experiencia profesional levouna polas redaccións de Nós Diario e Metropolitano.gal, mais tamén pola comunicación de festivais como Revenidas ou de grupos como Banda Crebinsky. Sempre cunha cámara de fotografía na man, retratou artistas como Rodrigo Cuevas ou Tanxugueiras.

1 comentario

  1. Turró, destacado pensador y hombre de ciencia, nunca fue médico.
    Fue Veterinario por la Escuela Compostelana.
    F

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia

Unha dina ao oeste da península impulsa aire atlántico e provoca unha semana de inestabilidade en Galicia

A previsión apunta ceos nubrados, chuvias febles na fachada atlántica e temperaturas suaves. A influencia anticiclónica recuperarase de cara á fin de semana

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia