Sempre tes os pés fríos? A doenza circulatoria que se pode agochar detrás deste síntoma

Podólogos galegos alertan da síndrome de Raynaud, unha enfermidade cuxo principal detonante é o frío e pode causar entumecemento e dor nos membros inferiores

Síndrome de Raynaud. Ese é o nome que recibe unha das enfermidades circulatorias que afectan os pés e unha das grandes decoñecidas. O síntoma máis característico é un frío persistente nas extremidades inferiores. “É un ataque isquémico transitorio. É dicir, detense o fluxo de sangue aos pés por unha vasoconstrición das arterias, o que xera sensación de frío nos membros inferiores”, indican fontes do Colexio Oficial de Podólogos de Galicia (Copoga). Dende a institución poñen o foco nesta síndrome en pleno inverno, dado que o seu principal detonante é o frío.

Con todo, os expertos sinalan que é importante distinguir entre un frío momentáneo e unha sensación persistente. É esta última a que se podería atribuír á sindrome de Raynaud. Esta patoloxía tamén produce cambios visibles nos membros inferiores, que non teñen o aspecto habitual, xa que están máis esbrancuxados ou azulados e entumecidos. A síndrome pode incluso manifestarse con dor e ter os mesmos síntomas nas mans, no nariz, nos beizos e nas orellas.

Publicidade

Segundo indican dende Copoga, a causa desta enfermidade aínda non se coñece. Amais do frío, hai outros factores que poden propiciar o seu desenvolvemento, como o estrés e o tabaquismo. Tamén pode haber unha variante desta síndrome que adoita estar asociada a outras patoloxías, pero é menos frecuente. “A síndrome de Raynaud é unha afección que pode padecer calquera persoa, aínda que é máis habitual entre as mulleres de entre 15 e 30 anos”, subliña a presidenta do colexio, Ana Requeijo.

Catro recomendacións para facerlle fronte á sindrome de Raynaud

Ademais de consultar cun profesional no caso de que aparezan estes síntomas, aquí tes algunhas recomendacións para paliar as manifestacións de Raynaud nos días máis fríos do inverno:

Publicidade

  • Move os pés. Como o problema radica nunha circulación deficiente do sangue nas extremidades, os especialistas recomendan realizar exercicios para favorecer a rega sanguínea e camiñar.
  • Deixa de fumar. Demostrouse que a eliminación de nicotina mellora a sintomatoloxía.
  • Non apliques calor directa. Pero para recuperar a temperatura nos pés, os podólogos recomendan mergullalos en auga morna (nunca quente).
  • Usa un calzado axeitado con sola e forro con capacidade de illamento do frío. Tamén é útil utilizar calcetíns confeccionados con la e sen costuras.

Os pacientes diabéticos que sofren a enfermidade de Raynaud son considerados como de alto risco. Nestes casos a entidade lembra que é moi importante afastarse de fontes de calor directa como son as estufas ou braseros, xa que a perda de sensibilidade causada pola diabetes pode provocar que se queimen sen darse conta e derivar nunha lesión grave.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os sete consellos para evitar a amputación nos casos de pé diabético

O Colexio de Podólogos de Galicia invita a revisar os pés a diario, hidratalos e facer revisións periódicas, entre outras recomendacións

A asma, un factor que pode agravar os problemas podolóxicos e o risco de caídas

Unha investigación do podólogo galego Roi Painceira recolle as evidencias a partir dunha mostraxe realizada no Hospital de Ferrol

O 83% dos maiores ten problemas de saúde por un mal calzado

Un estudo da Universidade da Coruña revela que zapatos cun talle erróneo mesmo provocan angustia e apatía