O 83% dos maiores ten problemas de saúde por un mal calzado

Un equipo de investigación liderado pola Universidade da Coruña realizou en 2015 un estudo con persoas da terceira idade, cunha media de 80 anos. Nel analizaban se os cambios que se producen na morfoloxía do pé nesta poboación e a súa tolerancia á dor provocaban que usasen un calzado inadecuado. Os expertos confirmaron que a maioría (83%) non utilizaba o número correcto e que, en ocasións, requirían utilizar un diferente para cada pé.

“Nesta etapa da vida prodúcense cambios na morfoloxía do pé relacionados co incremento da súa anchura e lonxitude, e tamén coa tolerancia á dor, a perda de masa muscular e tecido adiposo nos pés”, explica Daniel López López, científico da Universidade da Coruña.

Publicidade

Agora, un novo traballo, capitaneado por López e publicado na Revista da Associação Médica Brasileira, analiza por primeira vez as consecuencias desta mala elección do calzado na saúde dos maiores. “O estilo de vida a estas idades provoca que se utilice un calzado nocivo. Este feito, unido á aparición de doenzas crónicas (como obesidade, alteracións vasculares, diabetes ou artrite reumatoide), produce un incremento preocupante (entre un 71 e un 87%) de problemas nos pés das persoas maiores. Isto supón solicitar con máis frecuencia atención médica e podolóxica, xa que afecta á súa capacidade funcional e calidade de vida”, asegura o científico á axencia Sinc.

Os pés dos maiores evolucionan coa idade e medran de tamaño

Os participantes nesta investigación foron voluntarios da Clínica Universitaria de Podoloxía da Universidade da Coruña, cunha media de 75 anos. Os resultados amosan que as persoas maiores que se calzan de xeito incorrecto posúen peor calidade de vida en todas as dimensións relacionadas coa dor, función do pé, calzado, saúde do pé, saúde xeral, actividade física, capacidade social e vitalidade.

Publicidade

Os trastornos máis habituais son a aparición de deformidades nos ósos do pé, xoanetes, alteracións na unllas, queratosis plantares e pés planos. “Isto conduce á cronicidade da dor, infeccións, limitación da mobilidade ao camiñar, angustia, apatía, perturbación social, cambios na distribución das presións nos pés relacionadas con perda de equilibrio e caídas… Todo iso prexudica a saúde, a independencia e o benestar”, asegura López.

O experto aconsella que este estrato de poboación utilice zapatos máis anchos, cun sistema de axustes con correas ou velcros, solas de goma para evitar esvaróns e caídas e, que á súa vez, poida reducirse o impacto nas articulacións e a presión ao camiñar. “A visita regular e o control periódico por parte do podólogo axuda a previr, controlar e atenuar a aparición de alteracións e deformidades dos pés, mellora a autonomía e, en definitiva, a calidade de vida das persoas”, conclúe López.

O artigo completo está dispoñible
nesta ligazón da Revista da Associaçao Médica Brasileira

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Premio para unha ferramenta feita na UDC para explicar as suxestións que recibimos na rede

Investigadores do CITIC deseñaron un novo modelo para os algoritmos de recomendacións que tamén reduce a súa pegada de carbono

Condenamos o planeta cando xeramos unha imaxe en IA ou publicamos un reel?

Crear unha foto con ChatGPT equivale á auga que bebe unha familia enteira nun día, pero a propia IA pode axudar a mitigar os efectos do cambio climático

Selo galego no deseño de novos polímeros máis eficientes para a enerxía solar

Unha investigación internacional liderada desde a UDC afonda no coñecemento sobre os materiais de nova xeración para paneis fotovoltaicos

Galicia, o lugar onde un océano se pechou

O territorio galego é testemuña de millóns de anos de movementos tectónicos que deron lugar ás formacións xeolóxicas actuais