*Un artigo de ![]()
A crecente integración da intelixencia artificial (IA) en diversos aspectos da vida moderna xerou un intenso debate sobre a súa sustentabilidade ambiental en comparación con outras tecnoloxías dixitais xa establecidas.

Hai unhas semanas, e co lanzamento do novo xerador de imaxes por parte da empresa OpenAI, vivimos unha febre por crear fotografías no estilo de Studio Ghibli. Esta febre tamén tivo un efecto colateral: a xente empezou a preguntarse canta auga consumía esta práctica.
Canta agua está a beber a IA?
Xerar unha imaxe con IA gasta entre 5 e 50 litros de auga, o cal equivale á inxesta de auga dunha familia nun día. O consumo de auga vén dado pola necesidade de refrixerar os centros de datos, que teñen potentes chips que se sobrequentan con este tipo de tarefas.
Ademais do consumo de auga, tamén existe preocupación polo consumo enerxético desta tecnoloxía e a súa pegada ambiental. Xa en 2019, un estudo alertábanos de que o adestramento dun modelo intelixente de linguaxe emitía tanto CO₂ como cinco coches na súa vida útil.
A situación agravouse coa explosión da IA xenerativa. Investigadores da Universidade de Copenhague estimaron que unha sesión de adestramento do modelo de intelixencia artificial de OpenAI GPT-3 consumía tanta enerxía como 126 fogares daneses nun ano. Recentemente púxose o foco non só no custo de adestramento destes modelos, senón tamén no seu consumo enerxético cando se usan (etapa coñecida como “inferencia”, é dicir, a aplicación da IA unha vez adestrada).
Así, estímase que xerar unha imaxe con IA gasta tanta enerxía como cargar por completo un smartphone. En xeral, todas as tarefas que impliquen xeración de contido (sexa texto ou imaxes) emiten moito máis CO₂ que a detección de obxectos ou clasificación de texto.
Tamén saíu á luz o impacto que ten algo tan inocente como dicir “grazas” ou “por favor” aos modelos de linguaxe. Segundo Sam Altman, CEO de OpenAI, este pequeno xesto ten un custo de decenas de millóns de dólares.
Netflix e Instagram tamén contaminan
Ante a alerta creada por estes datos, é inevitable preguntarse se estes consumos son moito maiores que os doutras tecnoloxías que xa usamos. As respostas xeradas por un modelo de linguaxe consomen 10 veces máis enerxía que unha procura tradicional en Google. Este dato subliña o impacto acumulativo do uso xeneralizado da IA.
Algo similar ocorre no mundo do streaming, que conta con millóns de usuarios. Esta industria representa o 82 % do tráfico da internet e é responsable do 6% das emisións de gases de efecto invernadoiro no mundo. Esta cantidade é equivalente ás emisións do sector da aviación, que non destaca por ser moi ecolóxico.
Tampouco as redes sociais libran da súa parte de culpa. Investigadores da Universidade de Castela A Mancha advírtennos do consumo enerxético elevado –e poucas veces estudado– do uso de Instagram. Segundo as súas conclusións, publicar un reel de 15 segundos consome a mesma enerxía que publicar oito fotos.
Aínda que non todo ten que ver co sector das tecnoloxías da información e a comunicación. O aire acondicionado gasta moita máis electricidade que os centros de datos. En 2022, o seu consumo representou o 7% do consumo mundial, e esta cifra só vai en aumento debido ao quecemento global.
A IA verde ao rescate
Nesta situación, é indispensable que tracemos camiños para mellorar a sustentabilidade do noso planeta. A boa noticia é que a propia IA pode axudarnos e, ademais, cunha perspectiva dual.
Por unha banda, promóvese o desenvolvemento de aplicacións en distintos sectores que non só fomenten a sustentabilidade, senón que tamén axuden activamente a mitigar o cambio climático, o que se coñece como enfoque “green-by”.
Por outra, os algoritmos verdes tamén se orientan a investigar como facer que os algoritmos sexan máis escalables e sostibles, co fin de diminuír a pegada de CO₂ asociada ao seu uso, no que se denomina enfoque “green-in”.
Con todo, a clave reside tamén no uso responsable das tecnoloxías. É necesaria unha evolución no seu desenvolvemento e uso, pero tamén unha transformación cultural na sociedade. Ao sensibilizar sobre o impacto ambiental da IA e fomentar a incorporación de prácticas máis sostibles, podemos avanzar conxuntamente cara a un futuro máis xusto e respectuoso coa contorna.
Cláusula de divulgación: Verónica Bolón Canedo non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declarou non ter vínculos relevantes alén do cargo académico citado.















Artigo muito importante; hai que lembrarlle á xente as concsecuencias do uso destas novas tecnoloxías que nos queren vender coma ‘imprescidibeis’ pra nosa vida, cando o que están xereando é o agravamento dunha situación ambiental mui crítica. Un medio ambiente libre de contamincación que si é imprscindible pra unha vida sana e de calidade. Non hai IA frugal, nin ‘enfoque green-in’ ou ‘enfoque green-by’ que valla, que non somos parv@s, xa non saben que inventar o lobby dos ianquis pra xustificar o seu frugal (este si) negocio que, a pouquiños e con maquiavélicas artes, nos somete e deshumaiza, ademáis de arruinar o medio ambiente.