Tecnoloxía e talento galego na Eurovisión Mundial da Intelixencia Artificial

David Santos, investigador de atlanTTic e músico, detalla o proceso de cocreación do grupo PAMP e a IA que xerou a canción Florespiña e recrea a voz de Ana Kiro

Un modelo de voz xerado por intelixencia artificial “revive” á cantante Ana Kiro para representar a Galicia coa canción Florespiña do grupo PAMP no AI Song Contest 2023, a Eurovisión Mundial da Intelixencia Artificial que se celebrará o próximo 4 de novembro no CSA da Cidade das TIC da Coruña.

En pleno debate sobre o presente e o futuro da intelixencia artificial e sobre as súas potencialidades e riscos, o festival é un escaparate do que pode dar de si a cocreatividade entre as persoas e a IA no ámbito da composición musical e tamén unha oportunidade para dar visibilidade á Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA) que terá a súa sede na cidade herculina. 

Publicidade

O grupo PAMP (Proxecto Ana María Prieto) – leva o nome da primeira programadora galega-  é un equipo multidisciplinar de músicos, enxeñeiros e artistas, que debutou o pasado ano no festival coa canción AI-Lalelo, obtendo o segundo posto. Vencellado ao Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic) da Universidade de Vigo, o elenco amplíase nesta ocasión coa colaboración do Centro Singular de Investigación de Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS) da Universidade de Santiago (USC).

Portada da canción Florespiña.

Para David Santos Domínguez, investigador de atlanTTic que reúne a dobre condición de enxeñeiro e músico encargado da dirección de produción da peza, “a participación no AI Song Contest é todo un reto tecnolóxico e artístico”, unha aventura colectiva que naceu hai dous anos liderada por Joel Cava, e que hoxe en día comparte con Juan Alonso, Javi Cardama, César Díaz, Fernando Estévez, Camille Hedouin, Sofía Infante, Ruben Laso, Eva Outeiro, Xandre Outeiro, Marta Verde.

Publicidade

O tema creado para esta edición, Florespiña, é unha homenaxe á cantante, actriz e presentadora Ana Kiro, falecida no ano 2010. As súas cancións acompañaron durante décadas aos galegos e galegas de dentro e fóra de Galicia e a súa voz alzouse sempre en defensa do feminismo, o idioma e o progresismo. Foi o seu un exemplo de resiliencia, personificado na canción e as imaxes do videoclip que a arroupan coa flor de toxo.

“A participación no AI Song Contest é un reto tecnolóxico e artístico”

DAVID SANTOS, enxeñeiro, músico e investigador de atlanTTic

“Construímos unha viaxe musical, un percorrido da artista pola música tradicional, as súas melodías máis verbeneiras e populares e imaxinamos cara a onde camiñaría de seguir entre nós, introducindo trap e electrónica; unha viaxe desde o pasado ao futuro”, explica David Santos, quen subliña que tanto a proposta como a creación final conta coa aprobación expresa e o recoñecemento da familia de Ana Kiro. 

Proceso creativo

David Santos, enxeñeiro, músico e investigador de atlanTTic

O proceso creativo, para o que se utilizaron distintas ferramentas de intelixencia artificial, estruturouse en varios apartados: voz, música, texto e imaxe e comezou o pasado mes de abril na residencia artística de Sony CSL-París. Alí “escribiuse” a letra da canción, tras conseguir que o modelo GPT-J-6B “falase galego” e xerase coplas a partir da análise de 400 estrofas do cancioneiro dixital Volai-vai. A selección de versos, corrección de grallas e a adaptación de frases puntuais completou a parte literaria da composición. 

A melodía xerouse con Google Magenta a partir de variacións rítmicas dun dos principais éxitos de Ana Kiro, Viva Galicia, que se usaron para cada estrofa. Ademais a nivel musical graváronse varios instrumentos -gaita galega, acordeón, pandeireta, bombo- e as gravacións procesáronse polo sistema DDSP, creando novos sons artificiais seguindo a liña melódica definida con anterioridade e engadindo un contrabaixo extraído con IA.

Florespiña do grupo PAMP é unha homenaxe á cantante Ana Kiro que grazas á IA recrea a súa voz e competirá con outras 34 composicións no AI Song Contest 

Xerar o modelo de voz que imitase a Ana Kiro supuxo un dobre reto xa que a composición Florespiña inclúe unha proclama falada, previa á canción. Utilizouse a arquitectura de SoftVC VITS Singing Voice Conversion para conseguir que o clip de audio de entrada de calquera persoa proporcione un clip de audio de saída coa voz da artista. Para acadar esta transformación o algoritmo necesita unha inxente cantidade de datos, neste caso extraídos dos audios e vídeos dos programas e especiais que presentou e nos que actuou a cantante na TVG e que foron proporcionados pola Corporación de Radio e Televisión de Galicia. 

Por outra banda, a artista Marta Verde encargouse de elaborar o videoclip de Florespiña, utilizando a aplicación de arte artificial Midjourney que produce imaxes estáticas, ás que engadiu despois movemento con Runway Xene-2, Pika Labs e Leiapix. Do mesmo xeito que a canción, o videoclip é unha viaxe, nesta caso por Galicia co toxo, e o seu folclore como fíos condutores e inclúe a recreación imaxinaria dunha actuación de Ana Kiro, no festival de Eurovisión onde estivo a piques de participar no ano 1969. 

“Para nós todo o proceso creativo, converter unha fantasía en realidade, quedar contentos co resultado e que lle guste a familia de Ana Kiro xa é un premio” sinala David Santos, quen asegura que o seu obxectivo, como non pode ser outro, é gañar.

Florespiña do grupo PAMP é unha das 35 composicións que competirán na final do AI Song Contest 2023, o concurso internacional, impulsado no ano 2020 polas radiotelevisións públicas neerlandesas VPRO e NPO coa supervisión da Unión Europea de Radiodifusión e que agora organiza a fundación Stichting AISC. Para colaborar coa candidatura xa se pode acceder ao portal web http://votaanakiro.gal, votar tras seleccionar “PAMP!” e compartir a ligazón para sumar votos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Salas: “A xenética dos galegos ten máis compoñente norteafricana que a andaluza”

O investigador do IDIS foi un dos poñentes na xornada 'Pontevedra Multicultural. Ciencia pola Igualdade', organizada polo Concello de Pontevedra e GCiencia con motivo do 25N

Pontevedra convoca unha xornada para analizar os nesgos na ciencia co gallo do 25N

O encontro, organizado por GCiencia e pola Concellería de Igualdade, celebrarase o sábado 29 de novembro no centro social O Gorgullón

Da IA á Internet das Cousas: como as novas tecnoloxías melloran a atención aos pacientes

Unha formación pioneira impulsada por DATAlife mostrará como as ferramentas dixitais poden transformar a xestión asistencial en Galicia

Un Pórtico da Gloria animado con Intelixencia Artificial

Ferramentas como o asistente conversacional Grok permiten recrear figuras da arte románica e ofrece novas formas de gozar do patrimonio histórico de Galicia