Un ‘ciclón bomba’ impactará en Galicia esta semana con chuvias intensas e refachos furacanados

A baixada drástica da presión converterá o sistema nunha "borrasca explosiva" que provocará ventos de máis de 100km/h e ondas de nove metros

Chuvias intensas, ventos furacanados e ondas que poderían acadar os nove metros no Atlántico. Ese é o escenario que provocará en Galicia Ciarán, unha “borrasca explosiva” catalogada pola Met Office, o servizo meteorolóxico do Reino Unido. Tamén recibe o nome de “ciclón bomba”, un fenómeno que se produce cando a presión cae drasticamente. No caso de Ciarán, a presión mínima baixará dende os 992 hectopascales (hPa) ata os 963 hPa en apenas 24 horas. “Unha cifra que supera sobradamente o limiar das cicloxéneses explosivas da nosa latitude (18-20 hPa en 24) horas”, apunta Juan José Villena nun artigo publicado este domingo en Meteored. Está previsto que impacte en Galicia a partir do mércores e que, máis alá das chuvias abundantes, o seu maior impacto se dea no mar e nos refachos furacanados en terra que poderán superar os 100 km/h.

Segundo continúa explicando Villena, Ciarán sairá este luns de Nova York. Entre o martes e o mércores irase desprazando polo Atlántico, empuxado polo chorro polar. Durante o seu paso polo océano, o sistema irá medrando e, de feito, o seu radio de acción será enorme. Os efectos do “ciclón bomba” poderán notarse dende Islandia ata o Estreito de Xibraltar, con especial impacto en Galicia como porta de entrada ao Atlántico. A propia Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) confirma o prognóstico a través da súa canle de X (antes Twitter). “A partir do mércores dará lugar a ventos moi fortes en amplas zonas da península, temporal marítimo no norte e chuvias case xeneralizadas”, informa o servizo.

Publicidade

De todos modos, a previsión é que o conxunto de acumulados de precipitacións non sexa tan elevado como o que provocaron as borrascas Aline e Bernard en Galicia. Isto débese, segundo explica Villena, a que os sistemas que virán nos próximos días xa abandonaron as características tropicais e subtropicais que lle daban un extra de humidade. De feito, o meteorólogo prognostica que as borrascas que nos afecten a partir de agora xa serán “máis típicas das nosas latitudes, con núcleos fríos e grandes frontes nubosas“. De todos modos, prevense precipitacións xenerosas na meirande parte das rexións españolas, pero con especial atención a Galicia, durante toda a semana.

Sen tregua

Dende hai dúas semanas, a chuvia non dá tregua en Galicia. As borrascas sucédense unhas tras outras: primeiro Aline, despois Bernard e agora Celine. A mediados de semana agárdase o impacto de Ciarán, que contribuirá a deixar uns acumulados de precipitacións moi elevados. De feito, segundo un mapa publicado en X pola AEMET, no que levamos de outubro en Galicia, hai áreas do suroeste da Coruña pero, sobre todo, dunha gran parte de Pontevedra, onde xa se recolleron máis de 500 l/m2. Esta era a mesma previsión do físico Gonzalo Míguez Macho, investigador na Universidade de Santiago, que confirmaba hai uns días a GCiencia que a chuvia, de momento, non terá fin en Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla