Despois da borrasca Babet chega Aline: así afectará a Galicia

Portugal nomea o primeiro sistema de alto impacto do outono que impactará no suroeste europeo con ventos intensos, chuvias e temporal no mar

Galicia non ten tregua. Despois da borrasca Babet chega Aline, un sistema pequeno pero profundo que deixará abundantes precipitacións, refachos de máis de 80 km/h e temporal no mar con ondas que superarán os cinco metros. Impactará en Galicia a partir deste xoves e obrigará a activar a alerta laranxa en todo o litoral galego, agás na Mariña lucense, e o aviso amarelo na meirande parte do territorio por ventos intensos e chuvias que superarán os 15l/h en tan só unha hora. A borrasca Aline, que nestes momentos se está formando nunha zona de baixas presións do Atlántico, xa está considerada de “alto impacto” pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET). De feito, convértese na primeira da tempada que afectará de cheo ao suroeste europeo e que, por tanto, recibe un nome. Neste caso, outorgado polo Instituto Portugués do Mar e da Atmosfera (IPMA). Babet, pola contra, foi “bautizada” pola Met Office, o servizo meteorolóxico do Reino Unido.

Segundo apuntan dende Meteogalicia, a borrasca Aline situarase entre Irlanda e Galicia provocando “moita inestabilidade atmosférica”. Durante a xornada do xoves espéranse abundantes precipitacións en todo o territorio que virán acompañas de tormenta. As máis intensas produciranse na provincia de Pontevedra, no sur de Lugo e no oeste de Ourense durante a mañá. De todos modos, as precipitacións continuarán ao longo de todo o día en todos os puntos de Galicia, incluída a provincia da Coruña, onde serán menos intensas. No que respecta ás temperaturas, comezarán a experimentar un acusado descenso a partir da chegada da borrasca Aline. Para este xoves, as máximas non superarán os 20 graos e as mínimas rexistraranse en Lugo, con 13 graos. Está previsto que ao longo da fin de semana os valores continúen baixando e Galicia lle dea a definitiva benvida ao frío.

Publicidade

Jet stream ou chorro extratropical apuntando cara á península. Foto: JJ González Alemán / X

Segundo explican nun artigo publicado en Meteored, Aline estase formando nunha zona de baixas presións situada no Atlántico. De momento, “moi lonxe da península”, conducida por ventos de entre 250 e 300 km/h. “Xerarase unha poderosa borrasca que traerá un forte temporal á península”, apunta o meteorólogo Francisco Martín León. O motivo polo que está a chegar unha borrasca tras outra a Galicia, e no curto prazo non semella que vaia cambiar este patrón, pode estar na explicación que achega o meteorólogo da AEMET Juan Jesús González Alemán na súa canle da rede social X (antes Twitter): “Hoxe teremos o famoso e poderoso jet stream (chorro extratropical) apuntando a península ibérica na alta troposfera. Sucede moi poucas veces ao ano, e adoita traer asociadas borrascas moi activas, cunha meteoroloxía moi adversa en superficie e turbulencias”.

Que tempo fará a fin de semana?

As borrascas continuarán azoutando Galicia durante a fin de semana. Non haberá descanso da chuvia e a predición mantén alta probabilidade de precipitacións ata o domingo. Segundo Meteogalicia, o noso territorio quedará baixo a influencia da borrasca situada ao noroeste de Francia. Isto provocará chuvias en practicamente toda Galicia e producirá unha lixeira bixada das temperaturas. O vento volverá soprar forte entre o norte das Rías Baixas e a Mariña Oriental. No que respecta a sábado e o domingo hai maior incerteza, pero todo apunta a que as chuvias continúen en todo o noroteste peninsular.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As Rías Baixas gardan a maior pegada toponímica da antiga presenza de focas en Galicia

Un estudo identifica 43 talasónimos asociados a estes animais mariños e reconstrúe a súa distribución histórica, con especial concentración na ría de Arousa

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Galicia activa o sistema de alerta ante episodios de calor tras un mes de maio “moi cálido”

O último informe de Meteogalicia recolle o evento extraordinario de altas temperaturas rexistrado durante o mes pasado, que deixou máximas de 37,5 graos en Ourense