Venres 3 Maio 2024

Confirmada a presenza do mosquito tigre no concello de Vilaboa

Identificouse un exemplar nunha das trampas colocadas no municipio, despois de que a especie aparecese por primeira vez en Galicia este verán

A Xunta, a través da Rede Galega de Vixilancia de Enfermidades Transmisibles por Vectores (ReGaViVec) e da que tamén forman parte as Universidades de Vigo e Santiago de Compostela, confirmou a detección dun exemplar de mosquito tigre nunha das trampas colocadas no concello de Vilaboa.

Trala aparición do mosquito tigre en Moaña, decidiuse ampliar a vixilancia do vector aos concellos limítrofes, polo que no concello de Vilaboa disponse na actualidade de cinco trampas en total. As resantes trampas existentes no concello foron negativas ao mosquito tigre. Dende a REGAVIVEC, e en colaboración co concello, estudarase a necesidade de ampliar a vixilancia colocando novas trampas.

Publicidade

Ademais, o Concello de Vilaboa, sumarase aos de Moaña, Vigo, Cangas e Redondela como integrante do comité técnico do mosquito tigre que, previsiblemente, se desenvolverá na primeira quincena de novembro.

Consellos para evitar a súa expansión

Desde a Consellería de Sanidade agradécese a participación veciñal seguindo os consellos para evitar a proliferación deste insecto, que é vector de enfermidades como os virus do dengue, chikungunya e Zika, aínda que os exemplares localizados ata o de agora en Galicia non son portadores. Por iso, lémbrase que a maneira máis efectiva de evitar esta proliferación é impedir a posta de ovos e o crecemento das larvas con pautas sinxelas como eliminar puntos de auga estancada en bebedeiros, pratos baixo macetas, caldeiros á intemperie ou embarcacións co seu simple baleirado ou coa renovación da auga cada 4-5 días.

Neste senso, lembrar que a Consellería de Sanidade ten un acordo de colaboración co Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), na promoción da descarga da aplicación móbil Mosquito Alert coa que a cidadanía pode achegar fotografías para o seu estudo por parte dos especialistas en entomoloxía, quen confirmarán se se trata ou non de mosquito tigre ou doutra especie.

Que facer ante unha picadura?

En canto á picadura, para evitala aconséllase o uso de repelentes específicos que se poden atopar nos listados de produtos autorizados polo Ministerio de Sanidade e pola Axencia Española do Medicamento, ademais de recomendar vestir con manga e pantalóns longos e calzado pechado ou colocar mosquiteiros en portas e ventás. As picaduras poden ser molestas e poden producir reaccións alérxicas de certa gravidade.

Por último indicar que onte pola tarde desenvolveuse unha xornada de formación na sede de Vigo do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, dentro da campaña de colaboración iniciada no mes de setembro entre a Xunta e o Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra para a difusión da información á cidadanía sobre a presenza de mosquito tigre en Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha trintena de casos de dengue en Portugal: debemos preocuparnos en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade infecciosa, detectouse por primeira vez no territorio galego no verán de 2023

Alerta por dengue en Europa: pode ser endémico en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade, detectouse por primeira vez en Moaña durante o verán e xa se estendeu a outros catro concellos

Confirmada a presenza do mosquito tigre en Redondela

Un grupo de entomólogos identificou a través da aplicación Mosquito Alert un exemplar de 'Aedes albopictus' no concello pontevedrés

“Vai ser moi complicado erradicar o mosquito tigre de Galicia”

A subdirectora xeral de Programas de Control de Riscos Ambientais para a Saúde, Inés Mato, analiza os riscos desta especie invasora