Venres 6 Decembro 2024

O fármaco da diabetes que adelgaza como ningún outro: estudan usar Ozempic na obesidade

A comunidade médica valora a incorporación deste medicamento ás consultas, o que podería converterlo nun tratamento financiado pola seguridade social

A obesidade en Estados Unidos (EUA) é un problema de saúde nacional. A taxa sitúase arredor do 40% na poboación adulta e agárdase que en 2050 pase a ser do 50%. Neste contexto, non resulta raro que se fagan populares as opcións rápidas e accesibles economicamente para adelgazar. É o caso de Ozempic. Un medicamento para tratar a diabetes que ten entre os seus efectos secundarios a supresión do apetito. Esta información correu como a pólvora. Tanto, que a cadea estadounidense de hipermercados Walmar decidiu investigalo. E, efectivamente, seus clientes que consomen Ozempic gastan moito menos en ultraprocesados e comida insalubre. Tal é a febre por consumir Ozempic que, Walmar, e outras tantas compañías de comida calórica e bebidas alcohólicas, están rexistrando perdas nas súas vendas. O prezo en bolsa destes produtos, por consecuencia, están baixando pronunciadamente.

Varias celebridades recoñeceron consumir este fármaco: Kim e Klhoé Kardashian, Lady Gaga ou Elon Musk son algúns deles. En redes sociais, especialmente en TikTok, proliferan miles de vídeos onde se ensinan os efectos máis visibles de Ozempic: as transformacións corporais onde as persoas poden chegar a perder entre tres e catro meses o 20% do seu peso inicial. Á vez que Walmar rexistra caída nos seus beneficios, medran os ingresos das farmacias que se atopan nos mesmos establecementos comerciais, xa que en Estados Unidos é legal que se instalen dentro dos supermercados. Tamén, as vendas de produtos de saúde e benestar están tendo uns ingresos superiores, da mesma maneira que as tendas adicadas á venta de roupa de deporte.

Publicidade

Case o 15% da poboación de Estados Unidos consome Ozempic

Ozempic suminístraste mediante unha pluma precargada, unha inxección diaria. En Estados Unidos case o 15% da poboación consúmeo. É unha moda imparable. Ana Crujeiras, directora do grupo de Epixenómica en Endocrinoloxía e Nutrición do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), engade que a comunidade médica está observando un importante efecto sobre a perda de peso. De maneira que se está valorando como un fármaco para tratar, dende as consultas médicas, a obesidade. O que quere dicir que, de aprobarse, podería ser unha opción terapéutica nos hospitais de España. Ozempic provoca que o páncreas libere insulina, a hormona que regula o azúcar no sangue, suprime o apetito e ralentiza a saída dos alimentos do estómago, o que tamén diminúe as ganas de comer. No seu prospecto xa se indican estas cuestións. Entre os efectos adversos atópase a perda de peso e a diminución do apetito e, entre os pouco frecuentes, o retraso do estómago en baleirarse.

É prexudicial para a saúde? Crujeiras apunta que non o é se se considera nun contexto médico. “É un tratamento que ten un seguimento médico de preto. O que non se pode é tomalo á lixeira. Hai que ter en conta se esa persoa ten un exceso de peso, saber as doses que hai que prescribir, e coñecer por que hai un exceso de peso”, apunta a investigadora. Ademais, insiste en que de nada serve consumir este fármaco se non se mudan os hábitos de alimentación e de exercicio físico. “O importante é tratalo cun médico especialista e que se asocie con cambios, a unha dieta saudable, porque a obesidade é unha enfermidade crónica. Se non estás seguido por un profesional pode haber moitos efectos secundarios”, sostén Crujeiras.

Publicidade

Nestes momentos, os médicos valoran incorporar Ozempic ás consultas. Na actualidade estase prescribindo por endocrinos de maneira privada. “Si que funciona na terapia de obesidade. A idea é que pase a considerarse unha enfermidade e que se poidan ter as opcións terapéuticas financiadas pola seguridade social“, explica a investigadora. No campo da obesidade en España están saíndo varios tipos de fármacos cos que se están vendo efectos e que teñen o mesmo principio activo que Ozempic: son agonistas do GLP-1. Para Crujeiras é importante non caer en “incoherencias” e, aínda que polo momento non sexa un tratamento financiado pola seguridade social, podería selo nos próximos anos e podería erradicar un dos grandes problemas de saúde pública como é a obesidade.

Falta de suministro para os diabéticos

Moitos pacientes en España están afectados pola falta do seu tratamento para a diabetes pola popularidade que están tomando para perder peso. A Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (Aemps) recoñeceu hai un ano observar este crecemento na demanda destes medicamentos e emitiu recomendacións para evitar ou paliar problemas de suministro cos medicamentos análogos do GLP-1. Desta maneira, fármacos como Ozempic, Victoza e Trulicity tiveron un incremento pronunciado na súa demanda polos seus efectos adversos. Segundo Aemps, 1 de cada 33 prestacións ten problemas de suministro. Segundo Luda Partners, a red dixital de farmacias, as búsquedas destes medicamentos medraron un 544% entre o primeiro e o terceiro trimestre deste ano, ata superar as 3.100 unidades localizadas. Cerca de un millar de prestacións vense afectadas por este desabastecemento.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como o abandono da dieta atlántica (e a falta de exercicio) converten Galicia no reduto da obesidade

A investigadora Ana Crujeiras coordina un congreso para abordar os novos avances e desafíos no tratamento da adipose

Identificado un mecanismo que podería reducir a calcificación vascular en diabéticos

O estudo do CiMUS abre a porta á prevención e tratamento doutras patoloxías como a enfermidade renal crónica

Forte aumento da diabetes tipo 1 en menores nos últimos 30 anos: cales son as causas?

En 2019, uns 1,5 millóns de persoas con menos de 20 anos tiñan a patoloxía na que o sistema inmune ataca a destrúe as células do páncreas que producen insulina

Tomar Wegovy para adelgazar? Riscos, beneficios e diferenzas con Ozempic

É un medicamento que se administra en forma de inxección unha vez á semana e está aprobado especificamente para o control do peso