Paranoia, psicoses, convulsións… Científicos galegos alertan do risco dos cannabinoides sintéticos

Un equipo da USC identifica 20 novos compostos que poden estar a ser utilizados como substancias ilícitas na actualidade

Un equipo do Centro de Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago (USC) sintetizaron e caracterizaron farmacoloxicamente a colección máis ampla de cannabinoides sintéticos descrita ata a data. O estudo proporciona información nova e valiosa a axencias reguladoras e profesionais sanitarios para avanzar na detección, seguimento e control destes novos compostos que están a ser introducidos constantemente no mercado ilícito.

Un recente informe do Observatorio Europeo das Drogas e as Toxicomanías destaca a súa preocupación pola proliferación dos cannabinoides sintéticos, “que constitúen o grupo máis numeroso e desafiante das substancias controladas por este organismo”, apuntan dende o equipo investigador. Deseñados para replicar os efectos do tetrahidrocannabinol (THC), principal compoñente psicoactivo do cannabis ou marihuana, os cannabinoides sintéticos superan significativamente ao THC en potencia e eficacia, producindo efectos adversos graves, como convulsións, psicoses, alucinacións, paranoia e ataques de pánico.

Publicidade

Ademais, debido á súa alta toxicidade, estes compostos son responsables directos de numerosas intoxicacións e mortes en todo o mundo. Moitas destas novas drogas de deseño son comercializadas no mercado ilícito como alternativas legais ás substancias de abuso tradicionais, o que agrava un fenómeno que supón xa un serio problema de saúde pública debido ao perigo, accesibilidade e diversidade estrutural desas substancias.

Son responsables directos de numerosas intoxicacións e mortes en todo o mundo

“É especialmente preocupante comprobar que a gran maioría dos cannabinoides sintéticos utilizados como substancias de abuso nunca foron investigados pola comunidade científica ou a industria farmacéutica, o que significa que non se dispón de información sobre os seus perfís farmacodinámicos, farmacocinéticos e toxicolóxicos”, sinala o profesor Eddy Sotelo, quen dirixiu esta nova investigación co obxectivo de estudar as propiedades farmacolóxicas e visibilizar os riscos asociados ao consumo de cannabinoides sintéticos.

Publicidade

O proxecto, que forma parte da tese de doutoramento da investigadora Claudia Gioé, foi publicado na revista Biomedicine & Pharmacotherapy, e é froito da colaboración entre persoal investigador do CiQUS, o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e as facultades de Farmacia e Química da Universidade de Santiago de Compostela. Tamén participan no estudo investigadores da Universidade de Barcelona e da Pontificia Universidade Católica de Chile. A colección obtida destaca pola súa diversidade, explorando novos elementos estruturais e evidenciando a importancia da configuración do centro estereoxénico presente nese tipo de composto

Difícil de detectar

Tradicionalmente vendidos a través da internet, en sobres (Spice, K2 e AK-47 ou Karat Gold) ou cigarros electrónicos, agora os cannabinoides sintéticos están a ser utilizados para adulterar o cannabis que se utiliza de forma ilícita. Os delincuentes adulteran os produtos de cannabis para maximizar os seus beneficios, engaden cannabinoides sintéticos á matriz vexetal orixinal ou mestúranos con cáñamo industrial (con baixo contido de THC), que é barato e ten un aspecto similar ao da herba do cannabis ilícito. Oito Estados membros da Unión Europea veñen detectándoos dende xullo de 2020, “o que é preocupante debido aos datos de consumo deste tipo de produtos en Europa”, sinalan dende o equipo investigador.

Á falta de garantías intrínsecas do consumo de substancias de abuso súmase a complexidade da súa vixilancia e control. Xeralmente os cannabinoides sintéticos non se detectan durante os controis rutineiros das mostras de cannabis intervidas, sendo necesarias análises forenses e toxicolóxicas específicas. Doutra banda, debido á súa elevada potencia e eficacia, pequenas cantidades de cannabinoides sintéticos son suficientes para producir efectos similares ao THC. “Isto fai que sexa fácil enganar os distribuidores e os consumidores, que maioritariamente, cren que están a comprar cannabis de orixe natural”, sinalan.

Riscos

O estudo levado a cabo no grupo do profesor Sotelo proporciona información nova e relevante das propiedades farmacodinámicas e toxicolóxicas dos cannabinoides sintéticos, á vez que permite avanzar na comprensión das claves que rexen a interacción dos cannabinoides sintéticos cos seus receptores moleculares.

A caracterización exhaustiva desta colección evidenciou a notable neurotoxicidade de varios dos cannabinoides sintéticos analizados, o que podería estar relacionado cos efectos adversos descritos para os devanditos axentes. Doutra banda, no marco do estudo identificáronse 20 novos cannabinoides sintéticos que, á vista do seu perfil farmacolóxico (potencia e eficacia), poderían estar a ser utilizados como substancias ilícitas na actualidade ou que poderían ser introducidas no mercado ilícito no futuro próximo.

A fin de promover a investigación colaborativa sobre os efectos fisiolóxicos dos cannabinoides sintéticos e facilitar a súa detección temperá, os autores deste traballo poñen ao dispor da comunidade científica e as axencias reguladoras a colección obtida. “En última instancia, proxectos como este exemplifican a sintonía e o compromiso da comunidade investigadora con problemáticas actuais e relevantes para a sociedade”, conclúen.


Referencia: Pharmacological insights emerging from the characterization of a large collection of synthetic cannabinoid receptor agonists designer drugs (Publicado en Biomedicine & Pharmacotherapy)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Resucitar moléculas da Prehistoria contra as superbacterias: a nova fronteira dos antibióticos por IA

Os modelos xenerativos xa poden recuperar péptidos do ADN de especies desaparecidas e agora enfrontan o reto de converter os achados computacionais en medicamentos

Máis aló da madeira: o proxecto galego que busca novos aproveitamentos do monte dende Baroña

Multi-Forest, unha iniciativa impulsada dende Feuga, aplica imaxes satelitais para diversificar os usos do territorio, dende a micoloxía ata o certificado de calidade

Un estudo galego analiza o papel do clima na evolución de máis de 4.200 tipos de pequenos mamíferos

Os resultados amosan que un 39 % das especies son especialistas climáticas, polo que se restrinxen a unha área de condicións concretas

Que é o Virus do Nilo, a enfermidade que activa as alarmas en España e suma máis de 50 mortes en Italia

A maioría dos pacientes son asintomáticos, pero existe unha variante neuroinvasiva que inflama o cerebro e causa encefalite ou meninxite