*Un artigo de ![]()
As rochas da costa galega agochan un segredo. Desde os cantís de Herbeira, no norte da provincia da Coruña, no cabo Ortegal, ata case o centro da comunidade, por terras de Lalín, atópanse unha variedade de rochas metamórficas e ígneas que proceden de zonas moi profundas da codia terrestre ou, mesmo, o manto, e de procesos de moi altas presións e temperaturas.
Estas rochas indican procesos tectónicos de grande envergadura, como é o peche ou sutura dun océano e a converxencia entre continentes. Hai que remontarse uns 400 millóns de anos para entender ese proceso.
Desde as profundidades do tempo
Atendendo ao modelo da tectónica de placas, as masas continentais variaron en canto á súa posición ao longo da historia do planeta, reuníndose en xigantescas masas (como o supercontinente Panxea) e separándose abrindo océanos entre elas.
Denomínase ciclo de Wilson ao longo proceso que explica como se divide un continente en dous partes (rifting continental), para formar un océano que vai alargarse e xerar unha dorsal, onde se forma codia oceánica. Aos poucos, esas masas continentais baten con outras e pechan os océanos. Nesta colisión, nacen grandes cordilleiras (oróxenos), que poden conter restos litolóxicos do océano desaparecido, as rocas chamadas ofiolitas.
O basamento –capa de rocas ígneas e metamórficas que subxacen ás rocas sedimentarias e á codia terrestre– de gran parte de Europa central e occidental consiste nos restos dunha antiga colisión continental que xerou unha gran cordilleira de colisión, o oróxeno Varisco.
Esta cordilleira foise desenvolvendo en distintas fases durante o Paleozoico inferior, fai entre uns 550 e uns 330 millóns de anos, polo choque entre dúas grandes masas continentais: Laurasia ao norte, e Gondwana, ao sur.

Durante a colisión, o océano Reico pechouse, pero no proceso creáronse pequenas concas oceánicas. As ofiolitas son os restos preservados destas zonas oceánicas.
No bordo desta masa meridional atoparíanse os terreos que posteriormente formarán o macizo Ibérico, que son os materiais máis antigos da península. Precisamente, aquí atópanse os afloramentos máis completos do oróxeno, aínda que tamén poden observarse ofiolitas do Varisco en Cornualles, Bretaña ou o macizo de Bohemia.
Desde as profundidades da Terra
As rochas metamórficas -formadas a partir doutras preexistentes no interior da Terra– que denotan esa orixe a gran profundidade e grandes presións están compostas por silicatos como os piroxenos, anfíboles ou granates.

En Galicia, aparecen sobre todo en tres grandes complexos metamórficos: o do cabo Ortegal –Xeoparque Mundial da UNESCO–, Malpica-Tui e o de Ordes.
Todos están constituídos por rochas formadas a certa distancia do seu emprazamento actual, que nalgún momento formaron parte da codia oceánica ou dos sedimentos sobre ela, e que foron metamorfizadas a gran profundidade durante esa converxencia continental. Ademais, tamén aparecen restos de rocas ígneas propias da codia oceánica, como basaltos, gabros e peridotitas que, con distinto grao de alteración, agrúpanse como esas litoloxías chamadas ofiolitas.
Este xigantesco choque provocou que fosen desprazadas por grandes cabalgamentos sobre os terreos xa existentes. Por esta razón, denomínanse complexos alóctonos –non orixinarios do lugar onde se atopan–.

Nestes complexos, atopamos tres unidades de rochas distintas, cunha disposición estratigráfica investida, é dicir, cos materiais máis modernos na parte inferior. Son dúas unidades de afinidade continental separadas por unha unidade oceánica.
Nas unidades basais existen sedimentos metamorfizados, con intrusións de rochas ígneas maioritariamente graníticas.
Nas unidades ofiolíticas atopamos rochas ígneas (gabros e peridotitas), pobres en silicio, propias da codia oceánica, que foron elevadas polos mecanismos de compresión favorecidos pola menor densidade deste tipo de ofiolitas.
En terceiro lugar, nas unidades superiores, abundan as rocas metamórficas (anfibolitas, granulitas) formadas a alta temperatura e alta presión. Isto delata unha zona de subdución, onde a codia oceánica afúndese baixo a continental e termina fundíndose. Algunhas destas rochas presentan os maiores afloramentos do planeta no cabo Ortegal, como son as eclogitas, típicas do proceso subductivo. En xeral, son rocas máis densas que as anteriores.

A excepcionalidade xeolóxica desta zona queda reflectida na gran cantidade de traballos que desde a década 1970 se realizaron na zona. En España, merece a pena coñecer a obra dos equipos de José Ramón Martínez Catalán, na Universidade de Salamanca, e de Ricardo Arenas, na Universidade Complutense de Madrid, ou as ducias de teses sobre a xeoloxía de Galicia publicadas polo Instituto de Xeoloxía Universitario, da Universidade da Coruña.

En 2023, a UNESCO constituíu o Xeoparque Mundial do cabo Ortegal, onde podemos atopar case todas as rochas citadas no artigo.
Na actualidade, pódese ver un escenario xeolóxico parecido, coa creación de pequenas concas oceánicas, entre Xamaica e Porto Rico, onde a placa norteamericana e a do Caribe chocan.
Porque, aínda que sexa lentamente, os continentes seguen chocando e os océanos séguense pechando neste planeta vivo chamado Terra.
Cláusula de divulgación: Víctor Barrientos Rodríguez non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posee accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declara carecer de vínculos relevantes alén do cargo académico citado.













