Cabo Ortegal é declarado Xeoparque Mundial da Unesco

A denominación pon en valor o enclave dende o punto de vista xeolóxico, paisaxístico e natural, con rochas de máis de 400 millóns de anos

A Unesco vén de designar Cabo Ortegal (A Coruña) como Xeoparque Mundial, unha contorna que posúe unha das maiores concentracións de rochas propias do interior e da parte superior do manto terrestre, é dicir, teñen máis de 400 millóns de anos. O seu valor xeolóxico é moi singular, por exemplo, conserva a única praia de area negra de orixe non volcánica coñecida. Con esta designación, a Rede Mundial de Xeoparques suma 195 enclaves de 48 países. A Unesco considera que Cabo Ortegal posúe “algúns dos testemuños máis completos de Europa da colisión que orixinou Pangea, un proceso coñecido como oroxénese varisca”.

A maioría das rochas deste xeoparque saíron á superficie pola colisión de dous continentes, Laurasia e Gondwana, que acabarían uníndose ao supercontinente Pangea fai uns 350 millóns de anos. Cando se produciu a colisión, estas rochas estaban situadas no manto superior da Terra, a máis de 70 quilómetros de profundidade. O cobre explotado nas minas do xeoparque orixinouse por mor dunha intensa actividade térmica no fondo mariño, onde chemineas volcánicas liberaron gases e minerais a alta temperatura que posteriormente se arrefriaron ao entrar en contacto coa auga.

Publicidade

18 novas designacións

A etiqueta de Xeoparque Mundial da Unesco creouse en 2015 para recoñecer o patrimonio xeolóxico de importancia internacional. Ao combinar a conservación do seu importante patrimonio xeolóxico coa divulgación pública e un enfoque sustentable do desenvolvemento, os xeoparques prestan un servizo ás comunidades locais. Coas 18 novas designacións, a Rede Mundial de Xeoparques da Unesco conta desde agora con 195 xeoparques, que abarcan unha superficie total de 486 709 km2.

Entre os novos espazos incluídos, Filipinas e Nova Zelandia incorpóranse á rede. Inclúense os xeoparques de Caçapava e o de Quarta Colônia, ambos no estado de Río Grande do Sur (Brasil); a illa de Bohol no arquipélago das Bisayas (Filipinas) e Lavreotiki (Grecia). Indonesia suma catro novos xeoparques: Ijén, na provincia de Xava oriental; Maros Pangkep, na illa de Célebes (Indonesia); Merangin Jambi na illa de Sumatra; e Raja Ampat.

Publicidade

A rede incorpora ademais o xeoparque do río Aras, na cordilleira do Cáucaso Menor e o Xeoparque de Tabas, ambos en Irán; o enclave de Hakusan Tedorigawa, no centro de Xapón; Kinabalu (Malaisia); o Xeoparque Waitaki Whitestone, en Nova Zelandia; o Sunnhordland, en Noruega; o Xeoparque da costa oeste de Jeonbuk (República de Corea); Khorat, en Tailandia; e no Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte, o Xeoparque Mundial de Mourne Gullion Strangford.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha rara bolboreta nocturna reaparece en Galicia tras 150 anos e logra reproducirse

A observación dun exemplar en Fene e o posterior achado de eirugas confirman a presenza da esfinxe da adelfa, migratoria e pouco habitual no Atlántico

Estas son as catro guías que che permitirán descubrir a provincia da Coruña a través dos ollos dos locais

A iniciativa, impulsada pola Deputación e 20xvinte, comparte recomendacións de produtores, restauradores, axentes de viaxes e prescritores

A Coruña é a provincia galega con máis mortes por calor en 2026

O Instituto de Saúde Carlos III, a través do MoMo, contabiliza a cifra máis alta na última década, con 231 defuncións estimadas

Os mapas da xentrificación en Galicia: estes son os barrios máis afectados

Un novo estudo identifica as áreas máis vulnerables en Vigo, A Coruña e Santiago e describe a reconfiguración das tres urbes nun período de seis anos