Publicidade

Ortegal, kilómetro cero do centro da Terra

Remata a visita dos comisariados da Unesco para avaliar as posibilidades da declaración do Cabo Ortegal como Xeoparque pola súa valía xeolóxica

Á sombra do cabo Ortegal fúndense o Atlántico e o Cantábrico. Para os mariñeiros das rías Altas é o quilómetro cero marítimo. Para os xeólogos, é o quilómetro cero da viaxe ao interior da Terra.

Un horizonte de pregamentos caprichosos con 1.160 millóns de anos en forma de cantís abruptos entre os máis escarpados da Europa continental (613 metros) onde se agarran con forza os crustáceos máis cotizados do litoral galego e descansan cada outono as aves europeas que emigran cara ao verán africano.

Publicidade

Un patrimonio incalculable que está a un pasiño de acadar o recoñecemento da Unesco coa declaración de Xeoparque, que pon en valor a historia da súa terra desde o punto de vista xeolóxico, paisaxístico e natural e ábrelle as portas a unha maior inxección económica para o desenvolmento do territorio.

Hoxe termina unha visita de varios días dun grupo de expertos á comarca do Ortegal para avaliar a súa importancia xeolóxica e as súas opcións para converterse en Xeoparque. O equipo de valoración encabezárono o director de Xeoparque North Pennines, o británico Chris Woodley-Stewart, e o director científico do Xeoparque Grutas del Palacio, ou uruguaio César Goso.

Un importante patrimonio

A zona en estudo e avaliación é unha área extensa na Galicia máis setentrional que abarca sete municipios: Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño. Chama a atención tanto na súa xeografía interior por bloque granítico da serra do Forgoselo ou as antigas minas de cobre de Moeche e Cerdido como polo archicoñecido santuario de Santo André de Teixido; a beleza deste tramo da costa agrándase na verticalidade da Garita de Herveira e segue nos cantís de Loiba, pasando pola area negra —e non volcánica— da praia de Teixidelo, ou o patrimonio material e inmaterial dun reduto aínda alleo ao turismo de masas cun potencial tan singular como descoñecido.

A visita ao Ortegal do Comité de avaliación tamén fixo parada no centro de transformación alimentaria A Fusquenlla e asomouse ás praias salvaxes de Valdoviño con especial atención aos tres geosites —lugares xeolóxicos de relevancia internacional pola súa exclusividade— xa sinalados: a zona de Couce do Penido, a península de Masanteo-Isla de San Vicente e o Cabo Ortegal e os seus Tres Aguillóns, unhas formacións rochosas ben curiosas que xa chamaron a atención de Ptolomeo no século II, que as citou nos seus escritos como o Trieluco ou rochas brancas.

Boas impresións

“No Ortegal comeza unha viaxe ao centro da Terra”, explica Fran Canosa, doutor en Xeoloxía e director científico do Xeoparque. “Hai 350.000 millóns de anos, un choque de continentes fixo que aquí agromaran á superficie rochas e materiais que normalmente están sepultados a 100 quilómetros baixo terra”, sinala sobre a singularidade do lugar. “O Comité de avaliación ficou impresionado na parte técnica coa xeoloxía pero tamén coa paisaxe e coa magnitude dos lugares”.

Toda vez que hoxe remata a visita física ao Ortegal, ábrese unha nova fase de avaliación e informe no outono. Finalizado o escrito, remítese ao Consello de Xeoparques Mundiais, dende onde se propón (ou non) o outorgar o distintivo. E aínda ficaría un paso máis, no que a proposta tería que ser ratificada pola Dirección Xeral da Unesco e elevada a definitiva polo Consello Executivo. O resultado coñecerase no horizonte da primavera de 2023.

O resultado darase a coñecer cara á primavera de 2023

“Somos optimistas”, sinala Xosé Regueira, vicepresidente e titular de Turismo da Deputación coruñesa. “Os auditores da Unesco quedaron moi gratamente sorprendidos da potencialidade xeolóxica, económica, cultural e patrimonial do territorio, pero tamén da implicación e o compromiso que mantemos coa candidatura o noso departamento, a Deputación e todas as institucións que participan no proxecto”. O ente provincial xa ten comprometida unha achega de 600.000 para o territorio do Cabo Ortegal e millón e medio máis con cargo ao Plan de Sustentabilidade Turística en Destino.

Máis aló da declaración do Xeoparque, o obxectivo pasa, —sinala Regueira— por reverter o despoboamento rural e interior e “conseguir un arraigamento no territorio, máis posibilidades para Ortegal e a base dunha economía produtiva, que xa existiu na zona e que agora se está recuperando”, e que se acompase cun turismo verde, respectuoso e sostible.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:03:07

CIFP Paseo das Pontes, o valor da formación en cociña e gastronomía

Beatriz Sotelo, docente no centro, fala da importancia da ensinanza da especialidade e de facelo con produtos locais e de calidade

As Illas Cíes e a súa cápsula do tempo

O Concello de Vigo inaugura unha exposición itinerante sobre a candidatura do arquipélago a Xeoparque da Unesco

MEGA, un museo da cervexa para todos os sentidos

Estrella Galicia inaugurou en 2019 a instalación para crear unha experiencia en torno á marca, pero apostando polo ámbito cultural

Do Ribeiro a O Gato Negro e de Rodolfus a Casa Ponche: un paseo polos nove Soletes da Coruña

A distinción da Guía Repsol recoñece na provincia desde negocios tradicionais a restaurantes de recente creación