O telescopio espacial James Webb iniciou a finais de 2021 a súa viaxe ao espazo. O seu obxectivo non era reemprazar ao Hubble, senón complementar o seu traballo. Agora, a NASA acaba de facer públicas dúas imaxes da coñecida como Galaxia Pantasma —tamén denominada M74 ou NGC 628—, que demostran o importantes que son as fotos captadas polos dous observatorios, que serven de apoio o un ao outro para perfeccionar os coñecementos científicos que se extraen das fotografías.
A primeira delas captouna o James Webb en xullo grazas aos labores de procesamento da científica Judy Schmidt. Agora, o Hubble mostra unha nova versión da sorprendente galaxia, que se atopa a uns 32 millóns de anos luz da Terra, na constelación de Piscis. Ademais, o obxecto estelar ten forma de espiral, con brazos prominentes, ben formados e claramente visibles.
Que achega cada un dos telescopios?
Os observatorios espaciais traballan con diferentes rangos de lonxitude de onda, polo que as súas imaxes pódense comparar para descubrir detalles máis concretos e pormenorizados do que está a pasar na Galaxia Pantasma. Segundo explican dende ScienceAlert, Hubble traballa con lonxitudes de onda ultravioleta a óptica. Mostra rexiósn escuras, cheas de po e puntos vermellos. Trátase de enormes nubes de gas hidróxeno que brillan intensamente no ultravioleta.
Porén, o Hubble non pode penetrar ben no po e no gas para obter detalles máis precisos. Dese traballo encárgase o James Webb, coas súas potentes funcións do infravermello. Trátase dunha radiación cunha lonxitude de onda máis longa que a luz visible. Isto permite ver mellor a través de nubes de po e rexións nubradas, complementando así o que é capaz de ver o Hubble. De aí que nos ofrezan dúas vistas tan diferentes (pero igualmente fermosas) da mesma galaxia.