Un equipo da Unesco avalía o proxecto do Xeoparque Cabo Ortegal

Dous expertos internacionais visitan estes días o espazo natural para valorar a candidatura, que aspira a recibir o distintivo

Sen présa, pero sen pausa. A declaración de Cabo Ortegal como Xeoparque, un distintivo internacional que concede a Unesco, podería estar máis preto ca nunca. Despois de que en 2021 se designase como un dos territorios que aspiraban a obter o título, agora estanse levando a cabo os labores de avaliación do proxecto. Ao longo destes días, e ata o mércores 31, dous expertos visitan a zona para determinar a importancia xeolóxica desta extensa área que abranque sete concellos (Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño).

O director do Xeoparque North Pennines, o británico Chris Woodley-Stewart, e o director científico do Xeoparque Grutas del Palacio, o uruguaio César Goso, integran o equipo avaliador. Para iso, están a realizar visitas a unha serie de enclaves que lles permitirán determinar a idoneidade do proxecto de cara a ser declarado como Xeoparque. Por exemplo, este luns están a avaliar a zona do interior, que combina aspectos destacados da xeoloxía —o bloque granítico do Forgoselo, as canteiras de toelo e as antigas minas de cobre de Moeche e Cerdido— coa explicación do patrimonio cultural material e inmaterial que está a dinamizar enfocado no turismo.

Publicidade

Un itinerario de interior e costa

Tamén está previsto que o equipo coñeza o Centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla e outras experiencias orientadas á sustentabilidade agrícola e gandeira, así como a celebración de reunións co tecido local. Unha serie de encontros que tamén se fixeron o domingo, o primeiro día de avaliación. De feito, onte percorreron a zona costeira do territorio que hai entre Valdoviño e os cantís de Herbeira. No programa tamén se incluían contidos xeolóxicos, patrimoniais e de desenvolvemento. Por exemplo, con encontros co sector pesqueiro e visitas a varios museos.

No que respecta a mañá, martes 30, o itinerario volverá á costa cun plan de traballo que atenderá os vestixios do vulcanismo presentes no litoral de Loiba e Espasante, con especial atención aos afloramentos do Complexo de Cabo Ortegal. Ademais, o cabo cariñés, a zona de Couce do Penido e a península de Masanteo-Isla de San Vicente son tres geosites. É dicir, lugares xeolóxicos de relevancia internacional pola súa exclusividade. De feito, a Unesco establece que para que un territorio sexa declarado xeoparque é preciso contar, polo menos, con algún destes espazos. Dos 799 quilómetros cadrados de ámbito terrestre e marítimo do proxecto de Cabo Ortegal xa hai catalogados sete.

Publicidade

O resultado non se dará a coñecer ata a primavera de 2023

Ademais deste percorrido, analizaranse diferentes iniciativas de apoio ao turismo, a cultura e a difusión educativa e científica do proxecto. Tamén se abordarán os programas de conservación do patrimonio natural, así como a importancia da gandeiría, o forestal e a transformación dos produtos do mar para a economía local. Para a tarde de mañá martes tamén está previsto un acto de despedida no faro de Cabo Ortegal no que asistirán representantes dos concellos promotores, da Deputación da Coruña, da Xunta de Galicia e da Delegación do Goberno.

A visita dos avaliadores rematará o mércores 31. Para iso, realizarase unha reunión final co equipo de xestión do proxecto para facer un balance da visita. Segundo informan dende a Asociación para a Xestión do Xeoparque Cabo Ortegal, o equipo realizará o informe correspondente ao longo de setembro e principios de outubro. Logo remitirano ao Consello de Xeoparques Mundiais, dende onde se proporá outorgar ou non o distintivo. De todas formas, a proposta ten que ser ratificada pola Dirección Xeral da Unesco e elevada a definitiva polo Consello Executivo deste organismo dependente da ONU, algo que seguramente non acontecerá antes da primavera de 2023.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As Illas Cíes e a súa cápsula do tempo

O Concello de Vigo inaugura unha exposición itinerante sobre a candidatura do arquipélago a Xeoparque da Unesco

A Unesco considera unha “acción destrutiva” o proxecto de praia fluvial en Lugo

O comité científico do organismo emitiu unha resolución demoledora sobre o impacto medioambiental na Reserva da Biosfera Terras do Miño

Cabo Ortegal, novo Xeoparque Mundial: “A decisión da Unesco reforzará o turismo de calidade”

O vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado de Turismo, Xosé Regueira, cre que a distinción impulsará o asentamento de poboación nova

Cabo Ortegal é declarado Xeoparque Mundial da Unesco

A denominación pon en valor o enclave dende o punto de vista xeolóxico, paisaxístico e natural, con rochas de máis de 400 millóns de anos