Suspendido o lanzamento de Artemis I, a misión de regreso á Lúa

A NASA aborta o despegue e volverá intentalo o 2 de setembro, despois de que xurdira un problema técnico nun motor

Momentos antes do despegue da misión Artemis I. Crédito: NASA
Momentos antes do despegue da misión Artemis I. Crédito: NASA

Cada vez queda menos para que a humanidade regrese á Lúa. As misións Artemis, que se sucederán ao longo desta década, teñen por obxectivo que os astronautas volvan pisar a superficie lunar. De feito, todo estaba listo para a primeira expedición de proba, Artemis I, que iría sen tripulación. Debía despegar hoxe ás 14.33 horas, mais un problema técnico nun dos motores obrigou a suspender o despegue. A NASA confirma que se volve programar o lanzamento para o próximo venres, 2 de setembro.

Máis polo miúdo, estaba previsto que Artemis I despegase do Centro Espacial Kennedy, en Florida (Estados Unidos). O obxectivo é que a nave espacial realice unha viaxe de proba de ida e volta á Lúa, probe o seu funcionamento e determine cales son as condicións máis seguras para os futuros astronautas. En realidade, Artemis I é o primeiro paso dun proxecto moito máis ambicioso. Segundo as proxeccións da NASA, en 2024 lanzarase Artemis II con catro astronautas a bordo, que tan só obitarán arredor da Lúa. Un ano despois, a axencia espacial ten previsto Artemis III, a misión na que se pisará a Lúa por primeira vez no século XXI.

Esta primeira viaxe de proba durará 42 días. Primeiro, a nave espacial irá cara á Lúa. Neste intervalo de tempo, un equipo de enxeñeiros avaliará os sistemas de Orion e, se é preciso, corrixirán a súa traxectoria. A continuación, a nave voará a uns 100 quilómetros da superficie da Lúa para, posteriormente, impulsarse a unha órbita máis afastada na que permanecerá durante seis días. Segundo traslada a NASA, o obxectivo é recompilar datos e permitir aos controladores avaliar o funcionamento de Orion de cara ás futuras misións tripuladas, onde o máis importante é garantir a seguridade dos astronautas.

Artemis I é o primeiro paso dun proxecto moito máis ambicioso

Amais disto, a nave lanzará uns pequenos satélites antes de regresar á Terra. Espérase que o reingreso, descenso, aterraxe e recuperación sexan seguros. Este momento tamén será clave para lanzar o primeiro voo con tripulación. Pero isto non é o único salientable de Artemis I. O outro gran protagonista é o Space Launch System (SLS), o cohete que propulsará a nave espacial. Segundo aseguran dende a NASA, o seu motor “é o máis potente que se lanzará nunca ao espazo”. Ao parecer, é unha combinación: os dous motores principais son de osíxeno líquido e nitróxeno, xunto con dous propulsores. Grazas a isto: “A nave espacial voará máis lonxe do que xamais voara ningunha nave para astronautas sen acoplarse a unha estación espacial”.

Próximas misións

Con esta nave, a NASA dá o primeiro paso de cara a que os astronautas, nun futuro próximo, proben novos sistemas preto da Lúa, pisen de novo a superficie lunar e comecen a explorar destinos máis afastados da Terra, como é o caso de Marte. Polo de pronto, Artemis I senta as bases do proxecto, que continuará cun segundo voo en 2024. Nesta segunda parte, con catro tripulantes a bordo, seguirase unha traxectoria diferente e probaranse os sistemas críticos de Orion con humanos. Finalmente, con Artemis III, prevese pisar a Lúa de novo despois de medio século. Iso si, garantindo a diversidade. Segundo a NASA, será a primeira vez que “unha muller e unha persoa non branca” cheguen á Lúa.

De todas formas, un dos puntos máis ambiciosos de Artemis chegará en 2027. O ano en que está previsto que un equipo de astronautas se acoplen a Gateway, unha estación espacial que funcionará como unha plataforma orbital na Lúa e que pretende ser o centro de operacións en todo canto teña que ver co satélite. Amais diso, a NASA quere que dita estación funcione como porta de enlace para misións no espazo profundo e cunha dependencia cada vez menor da Terra. O obxectivo é que, a partir do uso da órbita lunar, se obteña a experiencia necesaria para estender a exploración humana o máximo posible.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.