Esta é a primeira vez que na contorna do Xeoparque do Cabo Ortegal se pode identificar a simple vista a presenza de restos fósiles, pertencentes a unha especie mariña. É máis doado que calquera persoa, independentemente da súa formación, se dese de conta de que esas estruturas representan a un organismo que existiu no pasado. Durante unhas xornadas de xeoloxía previas á Semana Santa, unha participante (unha xeóloga do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España) identificounos e preguntoulle ao director científico do recinto, Francisco Canosa, se podían ser. Confirmouse que o eran. Pertencen aos crinoideos, que hoxe se coñecen vulgarmente como lirios de mar, e estímase que poden ter ata 480 millóns de años.
A maneira máis precisa para establecer a idade dos restos é poder recoñecer a que subclase e a que especie pertencen eses restos
A localización exacta do achado gárdana con confidencialidade por cuestións de conservación e para evitar expolios que se puidesen producir dada a rareza e o escaseza deste tipo de restos fósiles. “Se nalgún momento puideramos ensinalos ou algo semellante, gustaríanos que calquera persoa que os vexa entenda que isto representa o resto dun organismo do pasado”, apunta Canosa, doutor en Xeoloxía, que confirma que está situado nun punto do litoral do lugar. Isto eleva a riqueza do patrimonio xeolóxico coa que xa conta o xeoparque, que esperan que reciba a certificación oficial en maio e se convirta no segundo de Galicia, despois do das Montañas do Courel. É unha zona na que si había constancia da presenza de restos fósiles de forma “moi puntual e moi escasa”, pero só identificables con microscopio.
A maneira máis precisa para establecer a idade dos restos é poder recoñecer a que subclase e a que especie pertencen. En principio, tendo en conta a formación xeolóxica na que se atopou e outros datos dos que lles consta a súa fiabilidade, estiman que pertencería ao período Ordovícico Medio ou Inferior —o segundo momento na escala temporal xeolóxica da Era Paleozoica—. Polo tanto, poderiamos estar falando dunha antigüidade de ata uns 480 millóns de anos.
Os crinoideos, “que serían o máis parecido aos lirios de mar actuais” —aclara Canosa—, tiveron unha gran distribución, tanto xeográfica como en número, durante o Paleozoico. Porén, unha parte considerable desapereceu coa extinción masiva que afectou a todas as especies no Pérmico hai 250 millóns de anos, das que só sobreviviu o 5% das especies (en total) por un cambio repentino das condicións climáticas da Terra. De crinoideos existen agora máis de 600 especies, segundo varias investigacións. “Estamos falando nunha situación límite na continuidade deste tipo de seres vivos“, subliña o director do Xeoparque.
Os máis parecidos aos que apareceron en Ortegal serían os que están fixados ao fondo mariño. “Teñen un pedúnculo, do que sae algo semellante a un brazo cilíndrico, e no extremo teñen unha especie de ornamentación”, explica o doutor en Xeoloxía. “Atopar fósiles en Galicia é algo bastante escaso e aínda o é máis neste lugar“, engade Canosa. A xeoloxía do proxecto do Xeoparque é de zonas profundas do planeta e a representación do que se atopa na superficie é anecdótica. Aínda con esas, o achado destes restos fósiles visibles súmalle importancia ao territorio.