Comezan as obras para executar as verteduras da mina de San Finx á espera da vista na ONU

A Xunta asegura non ter "constancia formal" do inicio dos traballos e non o comprobará ata xuño, cando finalice o prazo para construír a planta de tratamento

A mina de San Finx volve estar no centro da polémica. A explotación pechou nos 80 pero a comezos desde ano, un xiro de guión situouna de novo na primeira plana. A Xunta concedeu a principios de febreiro unha autorización para construír unha planta depuradora de augas residuais da mina, cun prazo máximo de catro meses para realizar as obras. A comezos desta semana, segundo informan grupos ecoloxistas, comezaron os movementos de terra na mina de San Finx. “Pasamos por alí e vimos as máquinas para explanar o terreo e colocar a planta de tratamento, así como as bombas que van transvasar os pozos”, asegura Cristóbal López Pazo, voceiro de Ecoloxistas en Acción. Pola contra, a Xunta explica a GCiencia que non ten “constancia formal” do inicio dos traballos. “A empresa dispón de catro meses para realizar as obras e será entón cando se comprobe se se axustán á autorización concedida”, aseguran.

“Co ritmo ao que van, a planta estará lista enseguida. Farán unha construción por módulos, despregarán as tuberías e estará lista”, estima López Pazo. E engade: “Teñen moita présa. Queren facelo antes de que a xustiza dite e paralice o proxecto”. De feito, diferentes asociacións ecoloxistas, xunto coa Confraría de Pescadores da Ría de Noia, están á espera de que se celebre unha vista na ONU, prevista para o 15 de xuño. Esta audiencia celebraráa o Comité de Cumprimento da Convención de Aarhus, un órgano que depende das Nacións Unidas (ONU), e que vela pola participación pública e acceso á información e á xustiza en materia de medio ambiente. Porén, as perspectivas non son boas: “Pode haber algunha sanción contra o goberno español pero logo rebáixase a pena e queda en nada”, di o voceiro de Ecoloxistas en Acción. A súa verdadeira esperanza está na oposición popular, que convoca o 29 de abril unha manifestación en Santiago.

Publicidade

Os riscos na ría

“É o único que nos queda”, reafirma López Pazo. Segundo os seus cálculos, a vertedura da mina de San Finx —dado que as obras teñen que rematar en xuño— podería comezar antes do verán. De ser así, cualifícao como un “desastre ambiental con todas as maiúsculas”. O voceiro explica que a explotación mineira está a moi poucos quilómetros da ría, a onde os grupos ecoloxistas e a confraría de Noia pensan que chegarán as verteduras. “Os metais pesados biacumúlanse nos bivalvos e en toda a biodiversidade. En canto se corra a voz de que o peixe e o marisco da ría de Noia ten un problema de saúde pública, esa xente non volve traballar”, alerta o ecoloxista. E insiste en que iso pode acabar cunha economía tradicional da que viven miles de familias da contorna. E continúa alertando: “A auga desa vertedura terá todos os residuos mineiros de lixiviación. É dicir, unha altísima concentración de metais pesados que son tóxicos e nocivos para a vida”.

“Atención estrita” das normas

Porén, a Xunta non defende esta posición. Insisten en que os traballos que se poidan estar realizando na mina, pese a non ter “constancia formal, “entrarían dentro do normal”. E recordan que a empresa concesionaria pode realizar as obras de construción da planta ata comezos de xuño. No que respecta á propia vertedura, a Xunta insiste en que a autorización da vertedura “está condicionada ao cumprimento de 18 requisitos e á atención estrita das normas hidrolóxicas e de calidade ambiental”. E insiste en que non se deu luz verde á explotación dunha mina, senón á execución dunha depuradora para garantir o correcto tratamento da auga. “A obra que ten que acometer a empresa é un sistema de depuración que garanta que o que se verta ao medio cumpre os parámetros exixidos, do que a Xunta fará un estrito seguimento e control”, insisten.

Publicidade

“O único que nos queda é a oposición”, repite López Pazo. E advirte que a vertedura se pode levar a cabo antes de que a xustiza publique o seu ditame. “Miles de hectómetros contaminados van chegar á ría. Non vai ser unha pequena filtración”, insiste o voceiro de Ecoloxistas en Acción. Pola contra, a Xunta defende a súa actuación, asegurando que procedeu con “total transparencia”. Afirma, tamén, que teñen a obriga de tramitar as solicitudes de vertedura que cumpran coa lexislación vixente, como a de San Finx, e descartar as que non, como a de Varilongo, segundo os exemplos que eles mesmos expoñen. O que está claro é que, de momento, a mina de San Finx non vai desaparecer do foco mediático.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catro estudantes da ESO galegas presentarán un proxecto na ONU para protexer os mares

A súa proposta, titulada QUITINA, procura dar solución á acumulación de residuos plásticos procedentes das bateas de mexillón

Que é o grisú, o gas que está detrás da traxedia na mina de Asturias

O gas que libera o carbón é un dos maiores perigos aos que se enfrontan os mineiros por ser altamente inflamable e pola súa capacidade para quitarlles o osíxeno dentro das galerías

‘Quo vadis’, Obxectivos de Desenvolvemento Sostible?

A ONU establece máis dun cento de propósitos para cumprir no 2030, dos que "só o 15% están ben encamiñados"

A ONU premia o proxecto de renaturalización do río Tins

O galardón recoñece o proxecto didáctico do CEIP Plurilingüe de Outes por transformar a relación da comunidade co curso fluvial