Publicidade
Domingo 25 Maio 2025
Publicidade

Así vestían na Idade Media: “Todas as mulleres levaban unha camisa branca”

Unha investigadora da USC estuda os códigos da moda do século XV a partir dos murais da Catedral de Mondoñedo

Hai pouca bibliografía e segundo explican os expertos, fan falta investigadores que indaguen na indumentaria e os códigos da moda na época medieval en Galicia. A maior parte de información reside nas obras de arte e en moitas esculturas relixiosas. A investigadora da Universidade de Santiago (USC) María Dolores Barral Rivadulla baseouse nas pinturas murais da Catedral de Mondoñedo para explicar como as roupas desentrañaban o status das persoas no século XV.

O capítulo Pasarelas Medievais en Galicia. Sobre a moda, roupas e complementos como obxecto de estudo forma parte do libro da USC El camino del Medievalista: Nuevos Trabajos en Estudos Medievales (2023), que manifesta como estas representacións artísticas teñen unha linguaxe propia. O panel do Enterro de Cristo é un dos exemplos, onde parece unha persoa cun tocado masculino e unha forraxe de pelo (o que hoxe se coñecería como un abrigo). “Atopamos a figuras públicas importantes. A sociedade actualmente ten moitos estímulos visuais e a xente sorpréndese co que se pode atopar nas pinturas”, comenta Barral.

Publicidade

A Matanza dos Inocentes achega moitos detalles sobre os tocados femeninos e os dos soldados: na parte superior aparecen representadas persoas brancas que visten conforme á moda castelá, e as da parte inferior son xudías ou mouriscas, que se identifican con vestimentas propias destas comunidades. Todas as mulleres levaban briais —túnicas femeninas— sobre unha camisa branca, con mangas estreitas, e entallados na cintura cunha cinta decorativa.

“A Matanza dos inocentes” na Catedral de Mondoñedo (Lugo).

A investigadora sinala que as mulleres que aparecen nos murais amosan o peito en alusión á lactancia: “A xente por aquel entón, cría que esas mulleres eran doutras comunidades ou que eran pecadoras. Por iso, por exemplo, a Virxe leva o veo, para diferenciarse das demais”, comenta. As mulleres medievais tiñan que levar sempre unha camisa por debaixo da súa roupa. Tamén nesta pintura mural, apréciase como as mulleres casteláns levan zocas e non choran, mentres que as xudías son as que máis se “desgarran”, comenta a investigadora.

Publicidade

Un aspecto que sinala Barral Rivadulla no artigo é a imaxe dos nenos, que aparecen cunha faixa e sobre un berce, e a atención vai para as teas nas que se envolven os seus corpos. “Os detalles do mobiliario tamén son moi importantes. Antes só había un berce para toda a familia, ía pasándose de xeración en xeración. O feito de que os nenos estean enfaixados é información”, detalla a autora. “O que lles digo ás persoas é que perdemos moitos códigos. A través da historia da arte achégase a historia da moda da Galicia do gótico”.

Na Matanza dos Inocentes o berce do neno aparece no chan, cando normalmente estes elementos adoitar estar en lugares elevados que permitan a supervisión materna e facer máis fácil a lactancia. Neste caso, aparece reflectido como un elemento “identificativo de desprotección de aquel que non pode moverse e é inocente”.

A Fuxida a Exipto na Catedral de Mondoñedo (Lugo).

En canto aos aspectos cotiás das pinturas, as persoas que vestían máis humilde aprécianse na Fuxida a Exipto no santuario das Virtudes de Arante. “Os campesiños levan roupa cómoda e curta e unha cofia moi sinxela”. Polo contrario, os comerciantes e as persoas de maior posición, levaban a roupa cuberta de armiño, que o coloca nun status social distinto: canta máis roupa, máis sinal de riqueza. Os homes con cartos levaban camisa e saio, con detalles de pelo nas mangas, e na cabeza portaban unha media gorra coas ás levantadas e o centro aberto.

As Virxes

No capítulo Pasarelas Medievais en Galicia. Sobre a moda, roupas e complementos como obxecto de estudo hai varias referencias ás virxes das Catedrais de Mondoñedo. Unha delas, na imaxe de Santa Ana ensinando a ler á Virxe, concíbese un contexto onde “a beleza ideal é acción directa de Deus“. O seu código de vestimenta identifícase como alguén próximo e acorde á moda da época. Nai e filla levan os briais de pescozo cadrado, que deixa ver a camisa por debaixo, igualmente que levaban as mulleres do séxulo XVI. Santa Ana leva un veo, “cun tipo de tocado propio e identitario de mulleres de máis idade no Gótico”, explica a autora no seu texto. A Virxe Inglesa, outra que se pode atopar neste templo de Lugo, ten unhas vestiduras moito máis sinxelas. Porta un brial, un manto e dobre cinto: a cinta decorativa para evitar engurras na roupa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Novos tratamentos para combater o cancro de tiroide, concentrado nun 75% nas mulleres

O sétimo tipo de tumor máis habitual ten unha taxa de supervivencia esperanzadora, que podería aumentar máis con novas formas de atacar a doenza

‘Quérenme aforcar’: estas son as primeiras referencias sobre a condena a morte na Galicia medieval

Santiago de Compostela e o mosteiro de Sobrado son os espazos citados nos documentos que fan referencia á execución con forca no século XII

O 20% das mulleres que sofren dor menstrual frecuente nunca recibiu atención médica

Un estudo revela que a sensación de ignorancia e invalidación que senten as pacientes está detrás das menores taxas de consulta sobre doenzas xinecolóxicas

A primeira infancia, clave para evitar estereotipos sobre as carreiras científicas

Os tópicos de xénero con respecto ás especialidades a estudar poden instalarse nas mentes infantís dende os seis anos