Descuberta unha das estratexias do cancro para escapar da quimioterapia

Un estudo sobre tumores de orixe epitelial demostra que algunhas células cancerosas resisten ao tratamento pola acción da proteína RHOJ

A quimioterapia segue sendo o tratamento máis utilizado contra o cancro en estado avanzado. Pero é frecuente que os tumores se volvan resistentes, o que empeora o prognóstico. Investigadores da Universidade Libre de Bruxelas e o Grupo de Replicación de ADN do CNIO (Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas) descubriron unha das causas polas que algúns tipos de cancro se volven resistentes á quimioterapia, e presentan o seu resultado en Nature.

Os cancros dos epitelios, que son os tecidos que recobren todas as superficies do organismo —a pel, pero tamén os revestimentos dos órganos— están relacionados cun tipo de cambio que sofren as células epiteliais, chamado transición epitelio-mesénquima. Neste proceso as células despréndense das súas veciñas e adquiren propiedades invasivas, que as axudan a colonizar os tecidos circundantes e a diseminarse polo organismo.

Publicidade

En modelos de cancro de pel en rato, a expresión da proteína RHOJ é especialmente alta nas células resistentes á quimioterapia

Sabíase que a transición epitelio-mesénquima tamén ten un papel á hora de que os tumores se volvan resistentes á quimioterapia, pero descoñecíase exactamente por que. O novo resultado apunta a unha proteína chamada RHOJ. O traballo, liderado polo investigador Cédric Blanpain, da Universidade Libre de Bruxelas, ten como coautores aos investigadores do CNIO Sara Rodríguez-Acebes e Juan Méndez.

Os investigadores observaron, en modelos de cancro de pel en rato, que a expresión da proteína RHOJ é especialmente alta nas células resistentes á quimioterapia. E demostraron que cando esta proteína deixa de expresarse, as células cancerosas si son vulnerables á quimioterapia. É dicir, inhibindo a proteína RHOJ lógrase que as células cancerosas volvan responder ao tratamento.

Publicidade

Desenvolvemento de fármacos

Os autores demostran que RHOJ desencadea a formación de longos filamentos da proteína actina e promove a reparación dos danos no ADN inducidos pola quimioterapia. Axuda así a que a célula cancerosa sobreviva ao tratamento.

“Foi moi interesante descubrir que a resistencia á quimioterapia nos cancros con EMT está controlada en parte polos mecanismos de replicación e reparación do ADN”, comenta Méndez. “É outro exemplo de como a investigación básica acerca destes procesos celulares permite abordar un problema con grandes implicacións clínicas”.

“O feito de que inhibir RHOJ reverta a resistencia das células cancerosas á quimioterapia abre a posibilidade de desenvolver fármacos contra RHOJ para mellorar a eficiencia do tratamento en pacientes con estes tipos de cancro metastático”, engade Juan Méndez.


Referencia: RHOJ controls EMT-associated resistance to chemotherapy (Publicado en Nature)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo identifica as claves xenéticas da “adaptación evolutiva única” das píntegas das Illas Atlánticas

A UVigo participou na investigación, que achou que en dúas localizacións do parque nacional as femias dan a luz crías terrestres, en lugar de larvas acuáticas

A borrasca Austen activa a alerta laranxa en Galicia por ondas que poderán superar os sete metros

Trátase da segunda das tres frontes atlánticas que pasarán por Galicia esta semana, coa terceira prevista para o domingo

Auxe e expansión dos balnearios galegos: como era o turismo termal entre os séculos XIX e XX?

Entre as causas do declive das casas de baños están que as instalacións quedaron anticuadas e a chegada dos antibióticos, que puxo en dúbida as súas propiedades medicinais

Un home morre en Francia tras infectarse co virus Shamonda, o primeiro caso humano coñecido

Trátase dunha enfermidade que afecta principalmente ao gando, detectada en Europa este verán e xa notificada en España