As autoridades francesas anuncian o primeiro caso rexistrado de infección en humanos polo virus Shamonda. Un home infectado por este patóxeno faleceu a principios de outubro mentres recibía tratamento por unha enfermidade grave. Esta patoloxía foi detectada en animais de granxa en Europa por primeira vez este verán, e xa está en circulación en España, sen evidencias claras da súa expansión. Aínda se descoñece como se contaxiou o paciente e se esta foi a causa directa da morte. Agora, o Centro Europeo para a Prevención e o Control de Enfermidades (ECDC) informa de que está a investigar coidadosamente a situación.
O virus Shamonda, tamén coñecido como SHAV, prodúcese por un patóxeno pertencente ao xénero Orthobunyavirus que xeralmente afecta a animais a través de picaduras de Culicoides infectados, uns diminutos insectos voadores que tamén transmiten a lingua azul. Sobre todo, afecta a gando vacún, pequenos ruminantes e cabalos.
Con todo, o investigador David Roiz, do Instituto de Investigación de Recursos Cinexéticos (IREC), explica a Science Media Center (SMC) que “non hai ningún risco para a poboación xeral xa que é un caso de paciente inmunodeprimido, sendo novo para este virus, pero non tan estraño”. E, aínda que a probabilidade sexa baixa, José Francisco Ruiz Fons, científico do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), tamén sinala que sempre pode haber casos importados que introduzan o virus se atopa vectores competentes para a súa transmisión.
O seguinte paso será coñecer o xenoma completo do virus e os detalles do caso clínico humano, traballando nel como un virus emerxente en Europa, tal e como explica Ruiz Fons a SMC España.
Potencial mutaxénico elevado
O virus Shamonda pertence á familia dos Bunyaviridae, virus cun potencial mutaxénico moi elevado —como o virus da febre hemorráxica de Crimea-Congo—, cun xenoma de ARN e segmentado, formado concretamente por tres fragmentos. Segundo José Francisco Ruiz Fons, ademais das mutacións usuais que acontecen no tempo, estes virus poden intercambiar grandes fragmentos de ARN entre si, e mesmo intercambiar segmentos completos do seu xenoma ao replicarse variantes diferentes nas mesmas células dun vector ou hospedador.
Concretamente, o SHAV é coñecido dende 1960 en Nixeria e detectouse despois en Xapón e Sudáfrica, pero non aparecera en Europa ata este ano, cando se notificou por primeira vez en Alemaña, Francia e Suiza. “Nunca antes se documentara unha expansión xeográfica como a de agora”, apunta o investigador do CSIC.
Medidas de protección e vixilancia
O científico David Roiz explica que, nun mundo globalizado como o actual, onde se moven constantemente animais e mercancías, e co cambio do clima, “non é estraño que ocorran casos de transmisión humana“. Sinala que as pautas principais son vixiar e ser proactivos fronte aos riscos sanitarios potencias.
Mónica González Candela, profesora titular en el departamento de Sanidad Animal de la facultad de Veterinaria de la Universidad de Murcia, conta a SMC medidas de precaución como que, se vas saír a un lugar onde hai mosquitos, debes poñer repelente, permanecer coa pel cuberta e evitar as horas nas que están máis activos. En consecuencia, se tras unha picadura existe sintomatoloxía, acudir ao médico de atención primaria para que investigue e diagnostiquen correctamente.














