Auxe e expansión dos balnearios galegos: como era o turismo termal entre os séculos XIX e XX?

Entre as causas do declive das casas de baños están que as instalacións quedaron anticuadas e a chegada dos antibióticos, que puxo en dúbida as súas propiedades medicinais

Por todo o territorio galego están espalladas as ruínas —máis ou menos funcionais— dun tempo en que Galicia era coñecida como un dos destinos de turismo de balnearios por excelencia. O papel das augas termais foi clave para impulsar o movemento de visitantes no territorio galego cara a finais do século XIX e principios do XX. Mais non foi casual que estes espazos reclamaran a atención de usuarios locais e internacionais: isto resultou dunha intensa campaña promovida, sobre todo, dende os balnearios da Toxa e Mondariz. As propostas publicitarias puxeron no punto de mira das elites europeas o que a nivel local se coñecían como fontes de augas medicinais.

“Os balnearios era infraestruturas cualificadas para a prácitca da saude, do ocio, do recreo e a sociabilidade elitista“, explica o catedrático de Historia Económica da Universidade de Vigo Rafael Vallejo Pousada, quen forma tamén parte do centro de investigació ECOBAS e da asociación Ágora Termal. Conta que non todos os balnearios teñen acceso aos mesmos recursos, e que os máis cualificados en seguida dan o salto á hotelería.

Publicidade

“Foi o caso de Mondariz, que aposta por este tipo de establecemento coa inauguración dun grande hotel balneario, e da Toxa, onde unha sociedade anónima planea, en 1903, converter o lugar nunha illa termal”, sinala Vallejo Pousada. O proxecto da Toxa, asinado polo arquitecto ourensán Daniel Vázquez-Gulías, está dirixido á alta sociedade e, en especial, á poboación británica.

Plano xeral da urbanización da Illa da Toxa 1903. Imaxe tomada de 'Galicia, as paixases culturais xeneradas a partir da auga termal e o seu atractivo turístico', de María A. Leboreiro e Rafael Vallejo
Plano xeral da urbanización da Illa da Toxa 1903. Imaxe tomada de ‘Galicia, as paixases culturais xeneradas a partir da auga termal e o seu atractivo turístico’, de María A. Leboreiro e Rafael Vallejo

O papel dos balnearios no turismo galego

Os balnearios de Galicia sempre tiveron unha dobre vertente nos usuarios que atendían. O catedrático da Universidade de Vigo explica así a dicotomía: “Tiñan un público fundamentalmente nacional, sobre todo local e rexional. Frecuentábanos persoas de alto poder adquisitivo, pero tamén xente de recursos baixos. Estes últimos tomaban a auga termal, pero non ocupaban as instalacións máis cualificadas”. Así, aínda que as portas estaban abertas a ambos grupos, a realidade é que só un disfrutaba das maiores comodidades destes negocios.

Publicidade

Esta diferenciación volveuse máis patente a medida que os empresarios encargados de xestionar as casas de baños se aproximaron a modelos máis luxosos. “É importante o contexto do momento: estamos na Belle époque, que é unha fase de crecemento extraordinario. É un fenómeno internacional cunha parte moi elitista que tira cara ao brillo e o esplendor. Neste tempo, dende os países máis ricos, como Inglaterra, viaxan a outros. A iniciativa empresarial dos balnearios inclúe Galicia neste mapa”, sinala Rafael Vallejo.

Os dirixentes destes negocios viron unha oportunidade na internacionalización dos públicos: os visitantes maioritarios dos balnearios eran de orixe nacional, pero quen máis gastaba nos negocios eran as persoas foráneas. “Os empresarios comezaron a construír infraestruturas referentes, con condicións de confort capaces de captar un público internacional e cos recursos aos que estaría acostumado o viaxeiro cosmopolita”, indica o investigador.

No caso da Toxa, esta modernización e adaptación aos requisitos do sector máis acomodado da sociedade traduciuse nun proxecto de construción dun casino, de vilas residenciais, pistas de tenis, etc. No caso de Mondariz, os seus promotores —a familia Peinador— equiparon as instalacións con sala de teatro, espazos de baile, e deseñaron zonas no exterior adicadas ao paseo. Tamén os Peinador declararon para a revista Mondariz, no ano 1915, que querían “facer de Galicia un emporio turístico”.

  • Mondariz. Imaxe cedida por Rafael Vallejo
  • A Toxa. Imaxe cedida por Rafael Vallejo

A importancia das infraestruturas

Este despregue nas propias edificacións estivo motivado polo avance das infraestruturas de transporte: se as persoas máis ricas de distintos puntos de Europa non tiveran medios para chegar aos balnearios, a súa renovación carecería de sentido. Por isto, a modernización dos equipamentos e estruturas chegou cando España (e, en especial, Galicia) entrou a formar parte das redes de difusión do turismo nacional e internacional. “Na década de 1880 chega a España a Compagnie Internationale des Wagons-Lits (CIWL), tamén coñecidos como os Coches-Cama. É un operador ferroviario que traballaba por París, Madrid e Lisboa”, conta Rafael Vallejo.

Outra das grandes vías de chegada aos balnearios galegos era por auga. Unha das compañías encargadas de xestionar o transporte marítimo era a Booth-line. “É unha empresa que opera a través de Vigo xa nos anos 90 do século XIX. Comeza o percorrido dende Liverpool, chega a Vigo e pasa tamén por Lisboa, Madeira e o sur de América. Participa no sector do caucho, pero parte do seu negocio é transportar viaxeiros”, sinala o catedrático.

'Mondariz-Vigo-Santiago. Guía do turista' (1912). Imaxe cedida por Rafael Vallejo
‘Mondariz-Vigo-Santiago. Guía do turista’ (1912). Imaxe cedida por Rafael Vallejo

“Os consignatarios de Vigo tiñan conexións cos sectores da electricidade. Conseguen a posibilidade de sumarse a ese crecemento turístico internacional a través dos principais portos e praias, que eles chamaban ‘balnearias’. Crean unha campaña expresa para difundir galicia como referente de turismo internacional”, conta Rafael Vallejo. Alude á proposta Holiday tours in Spain (Galicia, Portugal and Madrid). Trátase dunha guía turística —que o investigador define como “dunha calidade excelente”— onde aparecen os destinos recomendados aos viaxeiros. “Desembarcan no porto de Vigo e teñen a opción de ir a Mondariz, Baiona, a Toxa, Santiago de Compostela, Pontevedra… Ofrecían packs nos que podías pasar unha tempada neses destinos”, engade o catedrático.

Parte deste público chegou a través das recomendacións que seguían o modelo da axencia Cook —considerada a primeira axencia de viaxes do mundo—, quen deseñou o sistema dos ‘talóns hoteleiros‘, isto é, bonos de hoteis que tiñan uso en determinados establecementos. Vallejo indica que para o 1885 o Hotel Continental de Vigo está entre as institucións coas que opera a familia Cook.

As estratexias de publicidade

Para chegar ao público das elites nos que tiñan posto o ollo os balnearios, houbo que facer uso dun despregue publicitario que garantira a maior cobertura: “As empresas fan folletos, guías, revistas… Teñen acordos coas empresas navieiras e coas axencias de viaxes máis importantes, como a Cook. O Hotel Balneario de Mondariz aparece incluído no paquete de cupóns da axencia Cook nun libro de 1906. Tamén usan a prensa e, no caso de Galicia, contan con publicacións específicas“, explica Rafael Vallejo. Indica que Mondariz publicaba La temporada, que producía na súa propia imprenta e se distribuía no balneario e en Madrid entre os visitantes que volvían cada tempada.

Publicidade das augas de Mondariz. Imaxe tomada de 'Galicia, as paixases culturais xeneradas a partir da auga termal e o seu atractivo turístico', de María A. Leboreiro e Rafael Vallejo
Publicidade das augas de Mondariz. Imaxe tomada de ‘Galicia, as paixases culturais xeneradas a partir da auga termal e o seu atractivo turístico’, de María A. Leboreiro e Rafael Vallejo

Outro medio de difusión era asistir a congresos internacionais para compartir guías específicas nas que xornalistas e escritores contratados por axencias e balnearios puñan a súa pluma ao servizo da publicidade termal. “Hai un álbum de 1905-1906 que se levou a un congreso de médicos de Lisboa, e que conta cunha edición en inglés, que promocionaba destinos turísticos. Tamén houbo unha campaña en 1910 baixo o lema Galicia as a holiday resort, e que se distribuíu en Londres a través do consulado español”, engade Rafael Vallejo.

Turismo de ocio e de saúde

O turismo de balnearios tiña dous claros obxectivos: o ocio (máis centrado nas elites) e a saúde. A obra Reseña dos principais balnearios de España de 1903 recolle algunhas das doenzas que podían tratar as augas termais das casas de baño máis concorridas do territorio nacional. Por exemplo, no establecemento de Caldas, en Ourense, podían tratarse afeccións respiratorias e traumatismos; en Caldas de Cuntis, en Pontevedra, as augas empregábanse contra a sífilis e a neurose; no de Lugo, a hemiplexia; e no de Carballo, na Coruña, a parálise e a clorose.

Así e todo, debe terse presene que a obra foi redactada en 1903, polo que se atopan referencias médicas que na actualidade non existen, non se recoñecen ou se sabe que o seu tratamento require de medios que as augas termais non poden suplir. Por exemplo, aínda aparecen mencións a ‘enfermidades da muller’ como a ‘histeria‘ (un concepto historicamente aplicado sen criterio médico ás mulleres) e o ‘catarro uterino’, un termo en desuso que non constitúe un diagnóstico clínico no presente.

O declive dos balnearios

A Profesora da área de Historia e Institucións Económicas da Universidade da Coruña Elvira Lindoso sinala que que despois do forte impulso que experimentaron os balnearios a finais do século XIX, as décadas seguintes tiveron unha historia moi diferente. “As técnicas de hidroterapia quedaron estancadas e as instalacións, anticuadas. No aloxamento, por exemplo, hai camas, pero escasean cuartos de baño. Poderías ter grandes comedores, pero o seu equipamento pertencía a un tempo pasado”, explica Lindoso.

A investigadora sinala que o comezo do declive pode situarse en torno á Primeira Guerra Mundial. “Foron lugares aos que se levaron os evacuados das guerras. Funcionaban como hospitais, e o mobiliario quedou destrozado. Hoxe aínda se conservan como reliquias aparellos para facer, por exemplo, duchas vaxinais. Son utensilios curiosos, pero non hixiénicos”, conta a docente.

A chegada dos antibióticos tamén marcou un ‘xaque’ ás casas de baños ao poñer en dúbida as propiedades das augas medicinais. “Ademais, aumenta o turismo de sol e praia. Resulta máis barato ir ao mar que pagar por estar nun balneario. Comeza unha democratización do consumo da praia”, explica Lindoso. A investigadora engade que o bando franquista dáse conta da riqueza que podía achegar o turismo, así que formulan unha campaña pola vía máis económica, que é a do sol e a praia. “Marcaron chegar a un millón de turistas no primeiro ano do plan de turismo, que superaron ampliamente. A estes destinos foi quen puido; non debemos esquecer que a Guerra Civil foi seguida da fame e a escaseza“, lembra Elvira Lindoso.

A Toxa e Mondariz: destinos de referencia

Co auxe do turismo de sol e praia, os balnearios, que mantiñan instalacións anticuadas, pasaron a un segundo plano. As que máis destacaron, mesmo durante os anos de menos actividade, foron as vilas termais de Mondariz e a Toxa. “Agás a Toxa, que tiña o apoio do Banco Pastor, o resto non andan sobrados de financiación”, recoñece a investigadora da Universidade da Coruña. Engade que tamén cómpre mencionar a casa de baños de Cuntis, hoxe coñecida como o Balneario da Virxe.

“O máis tradicional, que propuña un enfoque local, era o de Carballiño, en Ourense. Esta provincia e a de Pontevedra eran as que tiñan máis augas termais”, indica Elvira Lindoso. “O de Cortegada, na fronteira de Ourense e Pontevedra, tiveron que poñelo de novo pola construción dun embalse. É bastante modesto e non se recupera ata os anos 70, pero ata ese momento fora o máis demandado de Ourense, sobre todo porque era o máis asequible, ao non ter un hotel”, explica a profesora.

No caso de Lugo, as que mellor sobreviviron o paso dos tempos foron as termas romanas: “é un espazo modesto, pero cunha clientela máis asentada”, engade.

Remata mencionando o caso de Verín: “Os balnearios verineses non sobreviviron. O de Cabreiroá, por exemplo, está en ruínas, e o de Caldeliñas está comido pola maleza. O resto son case todo fontes, como a de Sousas. Nesa zona funcionou mellor o embasado de augas como alternativa de negocio”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Criaturas que habitan augas termais: da mitoloxía galega á vida extraterrestre

Galicia é a rexión con máis riqueza termal da península ibérica, e unha das maiores de Europa, con máis de 300 fontes quentes

A historia das termas de Lobios, a través do son

Dúas investigadoras analizan como inflúe o son das augas termais na importancia patrimonial destes lugares

Por que Galicia ten tantas augas termais?

O substrato ígneo e metamórfico do territorio contribúe a que afloren desde a codia terrestre augas con propiedades saudables

Un libro recolle as propiedades terapéuticas das augas minerais de Galicia

A USC e a Asociación de Balnearios de Galicia recollen os beneficios terapéuticos das augas dos centros termais