A historia das termas de Lobios, a través do son

Unha proposta de reivindicación do sonoro como elemento patrimonial a través da caracterización da sonoridade da auga na contorna de Aquis Originis e Baños de Riocaldo, no concello ourensán de Lobios. Este foi o obxectivo dun traballo de recuperación, documentación e dixitalización desenvolvido por Elena de Uña, investigadora do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio e do Departamento de Historia, Arte e Xeografía da Universidade de Vigo, e Celia Adrián Rodríguez, profesora do Conservatorio Profesional de Música de Ourense.

O estudo analizou a frecuencia, intensidade, volume e timbre en Aquis Originis e Baños de Riocaldo

Segundo explican as súas autoras, o estudo, publicado no libro de actas do II Simposio Internacional de Termalismo e Calidade de Vida, organizado no marco do Campus da Auga, parte da idea de que “como marca acústica dos lugares, a sonoridade da auga contribúe á configuración da identidade cultural e, por tanto, forma parte do seu patrimonio”. A sonoridade dun lugar, detallan, “é un resultado da interacción entre os sons xerados pola natureza e polo home (directa e/ou indirectamente)” e o estudo da sonoridade da auga “permite avanzar no coñecemento do noso patrimonio cultural”. Nos casos analizados, sinalan Elena de Uña, profesora da Facultade de Historia ourensá, e Celia Adrián Rodríguez, “os sons da auga conforman unha parte esencial dos ambientes termais” e o seu rexistro en antigos e novos lugares de uso termal, así como a súa caracterización e análise, “proporciona información significativa sobre a potencialidade dos mesmos para a recreación, o lecer e a educación patrimonial”.

Publicidade

No estudo levado a cabo, as investigadoras centráronse no caso de dous espazos situados á beira do río Caldo, en Lobios, no Parque Natural Baixa Limia- Serra Xurés. O obxectivo foi recoller a sonoridade deses ambientes e analizar a frecuencia, intensidade, volume e timbre do audio gravado. O primeiro destes enclaves é un espazo termal de época romana, a mansio Aquis Originis, da que só se conservan restos arqueolóxicos, e outro é un espazo termal de uso actual como son os Baños de Riocaldo.

O patrimonio das termas de Lobios, a través do son
Elena de Uña e Celia Adrián, autoras do estudo. Foto: Duvi.

Sobre o primeiro dos espazos analizados, Aquis Originis, o traballo apunta como a frecuencia media da mostra sonora é de 216 Hz. Na actualidade, detallan as autoras, o son da auga é silencioso, ao estar situado o río a 118 metros da construción romana, cobrando protagonismo a xeosonoridade da paisaxe no seu conxunto. “Aínda que parece imperceptible, ao amplificar a forma de onda pode escoitarse e observarse mellor como a sonoridade é vital e variable, non estática”, apuntan. Trátase, detallan as investigadoras, dun son de intensidade baixa en segundo plano e unha sonoridade constante que marca o ambiente acústico da contorna. Os resultados da segunda mostra, recollida en Baños de Riocaldo, apuntan a “unha sonoridade da auga estática e débil, aínda que con microvariacións e de carácter xeral, deixando que a xeosonoridade do ambiente pase a un primeiro plano e a auga quede integrada como un elemento sonoro máis do conxunto”. A frecuencia media localizada neste caso é de 98 Hz.

Publicidade

En ambos casos, o audio gravado recolle frecuencias graves, próximas ao punto cero de silencio, con formas de onda moi similares e nos que o son da auga está perfectamente integrado no resto de sonoridades do ambiente, segundo recolle o estudo. O primeiro enclave, apunta, presenta unhas frecuencias maiores e unha sonoridade máis vital que no caso dos Baños de Riocaldo. “Isto débese, principalmente, a que a zona de baños é un auga estática, unha piscina termal, mentres que no caso de Aquis Originis a auga está en movemento, posto que estamos no curso do río Caldo”.

“O obxecto de recoller a mostra nos baños termais actuais asociados ao mesmo río é poder establecer unha sonoridade similar á que podería haber no pasado nos baños termais da mansio romana. É indubidable que a sonoridade e a propia xeofonía do lugar sería ben distinta á actual, pero iso non fai máis que reforzar a nosa hipótese de traballo, que a sonoridade da auga é clave no entendemento e apreciación da paisaxe que nos rodea e que é un patrimonio inmaterial que debe ser preservado e coidado, ou se converterá en algo caduco, que rematará desaparecendo”, apuntan por último as autoras do traballo. Por este motivo recalcan o valor do son como un patrimonio inmaterial “que dalgunha maneira temos que rexistrar, valorar, visibilizar e estudar”, levando a cabo iniciativas coma a súa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Descuberta unha grande estrutura romana no exterior do castro do Castelo dos Mouros, en Ons

Un equipo da UVigo acha "abondoso material" na terraza intermedia do xacemento e identifica unha gran cantidade de restos de ánforas orixinarias do sur da península e de Italia

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos