Un médico impulsor de balnearios

Manuel Jacobo Fernández Mariño foi director en Cuntis e Caldas de Reis e promoveu a hidroloxía en Galicia a comezos do século XIX

En 1812, chegaba a Caldas de Reis o médico Manuel Jacobo Fernández Mariño, quen grazas á súa estadía nesta vila balnearia pasaría a ser o maior impulsor do mundo balneario en Galicia a comezos do século XIX.

Nado en Santa Uxía de Ribeira en 1784, Fernández Mariño estudou medicina en Santiago de Compostela e alcanzou o doutorado en Madrid, tras o que foi acadando as prazas de médico titular na súa vila natal, en Tui e Padrón ata chegar a Caldas, onde promoveu a construción dun novo balneario, situado na ‘Burga da ponte grande do Umia’, xunto á capela de San Sebastián. Os planos da nova instalación foron realizados polo arquitecto Melchor de Prado, autor da Colexiata de Vigo ou da Capela das Ánimas de Santiago. E o profesor de Química Gabriel Fernández Taboada encargouse da análise das salutíferas augas.

Publicidade

Unha das obras de Fernández Mariño.

Apaixonado xa coa cultura balnearia, Fernández Mariño concorreu á primeira oposición de Médicos Directores de Balnearios, na que acadou o número 23, co que solicitou a dirección de Caldas de Reis e das Termas de Cuntis, onde tiña participación na explotación dalgúns dos mananciais.

Anos máis tarde foi nomeado profesor da Universidade de Santiago onde a partir de 1851 impartiu Patoloxía Xeral, Anatomía Patolóica, Terapéutica, Materia médica e Arte de receitar. Ademais, incorporou ao plan de estudos algunhas leccións dedicadas ás augas minerais.

Publicidade

Porque a hidroloxía segue a ser o seu grande obxecto de estudo. Ademais de publicar artigos en prensa, defendendo o traballo dos hidrólogos, tamén asinou estudos científicos como “Anuncio sobre las investigaciones físico-químico-médicas de las aguas minerales de Caldas de Reyes y Caldas de Cuntis”, de 1823, e “Cánones generales fundados en reiteradas observaciones físicas, quimicas y medicas… que para gobierno de los que necesiten las aguas y baños minerales medicinales de… las Caldas de Reyes y Cuntis”, de 1841.

Figura decorativa no balneario de Caldas de Reis.

Tamén tivo tempo Fernández Mariño de facer achados arqueolóxicos, como a curiosa peza que atopou no verán de 1831 no balneario de Cuntis: “unha pía cadrada de cantería cunha escultura de bronce de 30 centímetros, a modo de cano, unha especie de ‘minerva-médica’ ou ‘edil armado de espada e escudo”, como sinalan os investigadores Fausto Galdo e Carlos González Guitián nunha monografía sobre este médico publicada no Álbum da Ciencia do Consello da Cultura Galega. Aquela peza foi depositada no Museo da Universidade de Santiago e comunicado o achado á Real unta Superior Gobernativa de Medicina e Cirurxía. Pero misteriosamente a peza desapareceu e non volveu ser atopada no museo onde fora depositada.

Grazas ás investigacións de Fernández Mariño, puideron ser acreditadas e recoñecidas, no ano 1841, as augas minerais da illa da Toxa, recén descubertas na illa de Louxo. Tamén estudou como mellorar os efectos das augas medicinais mesturándoas con leite de burra, ademais de publicar notas sobre as posibilidades terapéuticas da talasoterapia con baños de mar nas praias da ría de Arousa.

Manuel Jacobo Fernández Mariño foi médico do Real Acordo e Tribunal Superior do Reino, así como do Colexio Maior de Fonseca e académico numerario da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia e Asturias.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A excepcional historia da casa romana que se agocha baixo a muralla de Lugo

O museo lucense da Domus do Mitreo conmemora o 25 aniversario do descubrimento do xacemento no Pazo de Montenegro cun amplo programa de actividades

Os golfiños fan as beiras? Un estudo galego analiza a comunicación vocal entre parellas

Un traballo do biólogo Bruno Díaz investiga as variacións sonoras entre arroaces: "Os machos e femias interactúan na época de apareamento"

Unha biotecnolóxica galega avanza nunha nova terapia contra o cancro de ovario resistente

O proxecto, que vén de recibir 1,8 millóns de euros, ten o obxectivo de crear unha estratexia máis eficaz e segura

As incribles imaxes dun polbo de Louro que namoraron a BBC

As instantáneas están feitas polo galego Xaime Beiro: "Moitas fotografías son do mesmo exemplar, ao que lle debo moito"