Cúmprense dous anos do comezo da pandemia do SARS- CoV-2 e a COVID-19. A ciencia nunca fora tan prolífica, nin tan mediática, durante tanto tempo nin con tanta intensidade, unha realidade que pode influír en como se desenvolven algúns cambios –que xa viñan producíndose ou que xorden novos– na comunicación da ciencia. A pandemia non só está a cambiar a ciencia senón tamén a nosa forma de contala.
Os conceptos Comunicación-Divulgación-Xornalismo cada día relaciónanse máis e teñen fronteiras máis difusas. É importante saber diferencialos, pero os tres teñen un punto común especialmente relevante: a integridade e a responsabilidade ante a información que se transmite.
Como se contou a pandemia? Que medios utilizou a comunidade científica? Que papel xogou o xornalismo e os medios de comunicación? Como recibiu e manexou a información a sociedade? Como está a participar a cidadanía? Responder estas e outras preguntas precisaría non dun artigo, senón dun libro completo.
Con idea de poñer sobre a mesa só unha pequena base de coñecemento para a reflexión e o debate, pódense citar dez cuestións que tiveron especial protagonismo no proceso da xeración e comunicación da ciencia nestes dous últimos anos.
1. Ciencia exprés
A investigación científica non só se multiplicou, tamén se acelerou. Máis necesidades, máis urxencia, máis financiamento e máis apoio político axudaron a que a ciencia poida ‘correr’ máis do normal. A comunidade científica traballou moitísimo, as revistas científicas bateron récords de publicación, reescribíronse as regras de difusión do coñecemento e os medios de comunicación dedicaron á ciencia e a saúde máis tempo e espazo que nunca.
Esta carreira científica tivo moitas vantaxes –o exemplo máis claro son as vacinas– e algúns inconvintes, xa que a présa non é sempre boa conselleira. Houbo investigacións por baixo dos mínimos esixibles, publicacións indesexadas –e retractadas– e xornalismo pouco responsable. Nada novo, pero con maior magnitude, co termo ‘ `infoxicación’ como compañeiro de viaxe.
Por enriba dos erros, que adoitan citarse máis, houbo moitos e bos acertos. A ciencia triunfou, pero queda a dúbida de se logramos comprendela mentres nos pasaba por enriba.
2. Percepción social da ciencia e da pandemia
Asimilamos de maneira correcta o que supón a pandemia e a información que nos foi chegando? Probablemente non, ou polo menos, non todo o ben que deberíamos.
Máis aló do boa, regular ou mala que puidese ser a comunicación de crise, a maneira en que asumimos e interpretamos a realidade define a nosa maneira de actuar. Enquisas como a da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt) ou a do Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII) foron medindo os nosos coñecementos e actuacións ao longo da pandemia, amosando a percepción social sobre as medidas preventivas, as vacinas e as decisións tomadas, entre outras. Porque tan importante é estudar a pandemia en si como as consecuencias sociais que deixa e a súa influencia sobre a nosa maneira de pensar e comportarnos.
As ciencias sociais, tan necesarias e ás veces tan esquecidas, teñen unha nova oportunidade de facerse máis visibles.
3. Crise de confianza?
Un dos temas máis interesantes nos dous últimos anos é a citada percepción individual e social. Comprendemos a ciencia, o seu método e a súa forma de presentarse? Máis aló de que a cultura científica poida mellorarse en España, démonos de fronte coa ciencia durante a pandemia.
Que a ciencia sexa un bo camiño para solucionar problemas non quere dicir que sempre logre solucionalos, nin que sexa infalible, nin que presente dogmas inamovibles que nos permitan axustarnos a un guion inmutable. Todo o contrario: como vimos ás bravas estes dous últimos anos, as explicacións que nos dá a ciencia para tratar de comprender o mundo poden cambiar, o cal non significa que non debamos confiar nela.
Estudar a posible crise de confianza da sociedade, non só nos resultados que mostra a ciencia senón tamén nas políticas que xorden de interpretar eses resultados e tomar decisións, axudará a facilitar unha mellor relación entre ciencia, política e sociedade.
4. Ciencia máis aló da pandemia
O coronavirus abarcouno case todo. Os avances foron incribles no último ano e medio, pero tamén houbo falta de avances, mesmo retrocesos, en ámbitos científicos e sanitarios non directamente relacionados coa pandemia ou alleos a ela. Moitos científicos deixaron durante meses –comprensiblemente– os seus estudos para axudar nas investigacións sobre o coronavirus, polo que posibles avances en moitos ámbitos puideron quedar freados ou ‘aparcados’.
Non só se trata de persoas (que por suposto), senón de investimento. O financiamento da ciencia focalizouse loxicamente no SARS- CoV-2 e a covid-19 e puido deixar en stand by outras áreas que tamén necesitan investimento. Haberá que seguir de preto nos próximos anos se este parón nalgunhas áreas da ciencia e da sanidade permite recuperar a actividade e os obxectivos previos.
5. Preprints
Nestes dous últimos anos os artigos publicados por revistas científicas da área biomédica e sanitaria multiplicáronse, unha tendencia que xa se observaba claramente nos primeiros meses de 2020. O SARS- CoV-2 e a covid-19 protagonizaron a maioría de artigos, e os medios de comunicación dispararon a atención que lles prestan.
Este feito xa xera tensións ante a necesidade de pescudar novidades, estar ao día e cribar a información útil. Pero, ademais, a pandemia trouxo unha novidade neste proceso: os chamados preprint, artigos científicos publicados sen que recibisen aínda a revisión e o aval da comunidade científica, tamén se multiplicaron no ámbito biomédico. Estes artigos poden ser moi útiles para a comunidade científica, pero cando chegan aos medios de comunicación –e de aí ao público– a cousa complícase, xa que poden xerar ruído e desinformación. De feito, as prepublicacións son un reflexo extremo do que poden ser os artigos científicos: non todo o que se publica ten por que contarse. Ler ciencia en tempos de infodemia é todo un reto.
6. Ciencia e comunicación en liña
A pandemia afastounos da xente, por moito que as pantallas nos permitisen manter certa proximidade. Unha das maneiras clásicas para comunicar ciencia entre a comunidade investigadora, os congresos e reunións, estivo máis dun ano desaparecida e aínda non recuperou a normalidade. Durante meses, a actividade presencial en centros de investigación e universidades reduciuse drasticamente. A formación de estudantes e profesionais perdeu o cara a cara, dificultando a clásica transmisión de coñecementos e, á vez, xerando alternativas.
A comunicación, o xornalismo e a divulgación, do mesmo xeito que a ciencia, necesitan do contacto entre persoas, entre quen emite a mensaxe e quen o recibe, para desenvolver todo o seu potencial. É peor a ciencia sen contacto directo entre quen a fai? Pode, pero tamén é indubidable que as novas tecnoloxías –algún día deixaremos de chamalas así– facilitan procesos e algo que as novas xeracións demandan máis: rapidez e sinxeleza. No equilibrio entre o presencial e o telemático reside a clave, pero ninguén sabe aínda a fórmula máxica.
7. Divulgación cidadá
Internet e as redes sociais son un bo caldo de cultivo para que todo o mundo dispoña dunha canle na que contar a ciencia. Isto xa existía, pero en cuestión de meses o número de persoas que informaban sobre a pandemia disparouse: blogues, Twitter, Twitch, Youtube… Profesionais da medicina, persoas con coñecementos científicos e mesmo xente sen formación ao respecto aproveitaron este altofalante para divulgar sobre a pandemia, con maior ou menor fortuna.
Esta labor foi moitas veces útil e acertou. Pero tamén houbo casos nos que este intento de divulgación non foi apropiado e xerou ruído e desinformación. Cando se trata de expertos nalgún tema, coidado co reverso tenebroso da ‘ todoloxía’ (persoas que falan de case calquera tema sen controlalo), e prudencia ante unha sobreexposición mediática, que pode ser contraproducente.
O reto de achegar máis e mellor a ciencia á sociedade é cada día máis relevante. Involucrar á xente, o destino final, é fundamental.
8. Xornalismo científico
Os medios de comunicación, tanto os especializados como os xeneralistas, focalizaron a información sobre a pandemia, que durante moitos meses ocupou case todo o tempo e o espazo. A ciencia nunca estivo tan presente no xornalismo. Falar “do xornalismo” en xeral é moi complicado, porque sempre hai exemplos bos e malos. Pero se a pandemia nos deixou algo é a confirmación de que se fai moi bo xornalismo científico en España. Podemos e ata debemos sacar peito da calidade de medios como a Axencia SINC ou Materia Ciencia (El País), por citar só dous exemplos destacados.
Doutra banda, a pandemia impulsou unha especialización exprés de moitos xornalistas que ata o momento non escribiran de saúde ou ciencia. Este fenómeno podería relanzar os contidos científicos nos medios, pero tamén podería quedar nunha burbulla pasaxeira. Non esquezamos que a precariedade segue sendo unha característica do xornalismo de base en España.
A boa relación entre comunidade científica e xornalistas, quizá mellor e máis próxima ca nunca, é unha oportunidade para, con recursos e responsabilidade, facilitar que as cousas se fagan moi ben. O mal xornalismo sempre existirá, pero preocupa que cruzar liñas vermellas que non deben excederse estea cada vez máis asumido.
9. Redes sociais
A súa relevancia no proceso de información e comunicación é indubidable desde hai anos. Son máis cunha mera canle e serven para comunicar, divulgar e mesmo facer xornalismo, non só para transmitilo. A inmediatez que as caracteriza e a dificultade de ofrecer contexto en plataformas como Twitter pode lastrar o seu uso, pero máis que nunca durante a pandemia viuse que en diferentes redes sociais atópanse, se se sabe buscar e cribar, as mellores pistas para estar informado.
Moitos científicos, médicos, xornalistas e divulgadores comunicaron diariamente nas súas redes sociais sobre a evolución da pandemia, as últimas investigacións e os temas máis candentes, fortalecendo unha conexión directa coa xente –convén analizar diferenzas entre xente nova e maior– da que o xornalismo tamén puido aproveitarse.
Pero as redes sociais, que non xeran unha gran confianza, son tamén un reflexo da infoxicación global xerada, con tanta información dispoñible que é case imposible aprehendela e asimilala, e ademais poden xerar unha visión distorsionada da realidade. As trolas móvense en redes sociais como peixe na auga.
10. Trolas
É un dos maiores problemas da comunicación no que vai de século. Como detectalas? Como frealas? A comunidade de fact checkers, persoas e entidades que se encargan de comprobar a veracidade das informacións e de desmentilas cando son falsas, graduouse nestes dous últimos anos. A primeira onda da pandemia foi un caldo de cultivo tremendo. O problema é de gran magnitude: é difícil identificar todas as trolas, custa que os desmentidos calen e soa case imposible deter a difusión de mentiras.
Ser escéptico de entrada, tratar de comprobar fontes, non compartir informacións dubidosas e promover o pensamento crítico das persoas son algúns consellos interesantes.
10+1. Ciencia desigual?
Un apuntamento extra: en momentos de crise hai máis risco de que se xeren desigualdades e de que as xa existentes se agraven. A ciencia, como calquera disciplina, non é allea a elas e a pandemia puxo sobre a mesa desigualdades sobradamente coñecidas nos ámbitos social, económico, cultural… Sen esquecer outras, a máis coñecida é a brecha de xénero que afecta ás mulleres. Como en tantos aspectos, as científicas téñeno ás veces máis difícil que os científicos, e unha das consecuencias é que as mulleres tenden a ser menos protagonistas ao contar a ciencia.
Se das crises poden xurdir novas oportunidades de cambio, estamos ante outro bo momento para tratar de mitigar o impacto da pandemia na carreira das científicas e avanzar cara a unha equidade real.
*José A. Plaza é xornalista e responsable de comunicación no Instituto de Salud Carlos III (ISCIII).
Cláusula de divulgación: José A. Plaza non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declarou carecer vínculos relevantes máis alá do cargo académico.