Un equipo da Universidade de Santiago (USC) relaciona por primeira vez o desgaste dental acentuado co consumo masivo de peixe na poboación pontevedresa dos séculos XIII a XVII. Así o recolle un artigo publicado na revista Archaeological and Anthropological Sciences, onde se demostra que existe conexión entre a dieta característica da época medieval e moderna de Pontevedra cunhas lesións dentais con desgaste moi severo.
Os investigadores do grupo EcoPast Clara Veiga Rilo, Antonio Martínez Cortizas e Olalla López Costas, adscritos ao Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS), son os autores do estudo. Nel relacionan, por primeira vez en bioarqueoloxía, unha dieta hiperespecializada baseada no peixe cunha patoloxía oral concreta: o desgaste dental acentuado. A investigadora principal, Clara Veiga, comezará este abril unha estafía na Western University (Canadá) para continuar investigando sobre o impacto da dieta baseada en peixe e marisco dos pontevedreses medievais e modernos.
Como vivían no medievo e na Idade Moderna
A época medieval en terras galegas é estudada en base a fontes históricas, artísticas e arqueolóxicas. Neste caso o traballo baseouse en análises multiisotópicas e da patoloxía oral realizadas sobre 34 individuos medievais e modernos que viviron entre os séculos XIII e XVII e que foron enterrados nas necrópoles pontevedresas de Santa María a Maior e San Bartolomeu o Vello. A partir das análises nas que os esqueletos son os protagonistas, pódense descubrir aspectos da vida tan íntimos pero tan cotiáns coma a saúde das bocas dos individuos ou a dieta que seguían nos seus últimos anos de vida. Así, mediante o estudo dos esqueletos pontevedreses, pertencentes a persoas de clase media e relacionados coa pesca e artesanía, este artigo achega os modos de vida e saúde da Pontevedra medieval e moderna.
Pode parecer obvio que a dieta, procesada en primeira instancia pola boca, deixe marcas nos dentes, pero a disciplina bioarqueolóxica non conseguira aínda unir ambos conceptos. Un dos motivos era que os estudos anteriores realizados noutras poboacións estudaban dietas xeralistas que non deixaban marcadores específicos. Non obstante, a dieta das 34 persoas analizadas —aquelas que preservaban como mínimo un dente— estaba tan centrada no consumo de peixe que foi considerada coma hiperespecialista.
Con esta dieta tan característica, os investigadores puideron identificar a súa relación coa patoloxía oral presentando esta poboación un nivel de desgaste dental moi severo dende as primeiras etapas da vida. As necrópoles de Pontevedra revelan ao mundo por primeira vez a relación entre a dieta e o desgaste dos dentes, sendo información moi valiosa para o futuro.
Unha patoloxía complexa
O desgaste dental é unha patoloxía complexa que impacta directamente na nosa saúde, pois a maior desgaste, maior posibilidade de carie e outras lesións que empobrecen a saúde da boca. Este traballo conclúe que o consumo habitual de peixe e marisco da Pontevedra medieval e moderna tivo consecuencias na saúde dental, sendo esta relación moi informativa para o futuro. Como curiosidade, a taxa de desgaste na actualidade é moito menor que nas sociedades do pasado, debido en parte á maneira de procesar os alimentos. Este achado non só contribúe ao coñecemento científico abordando un baleiro existente na disciplina bioarqueolóxica, senón que é un estudo clave para entender a vida cotiá das clases populares urbanas da Galicia medieval e moderna.
A investigación é parte do proxecto europeo ERC Consolidator Grant denominado PollutedPast, onde neste momento se está a perfilar a alimentación e a vida das persoas do período medieval como paso previo a analizar o impacto da contaminación de metais nas sociedades do pasado.
Referencia: Biting into the truth: Connecting oral pathology and stable isotopes through the paradigmatic example of a hyper-specialized marine diet in Medieval Pontevedra (NW Iberia) (Publicado en Archaeological and Anthropological Sciences)














