Xoves 5 Decembro 2024

Clara Veiga: “En Santa Clara entramos nun mundo secreto e descoñecido para a maioría”

A responsable da exhumación dos restos óseos achados no convento pontevedrés declárase sorprendida pola austeridade dos enterramentos

A antropóloga Clara Veiga Rilo é a responsable de campo da exhumación dos restos óseos achados nos 24 enterramentos levantados no convento de Santa Clara de Pontevedra, onde unha escavación arqueolóxica, previa á súa reconversión en sede museística, esta sacando á luz un pasado oculto durante sete séculos. 

Graduada en Arqueoloxía na Universitàt Autónoma de Barcelona (UAB) e máster en Antropoloxía física e forense pola Universidade de Granada, na actualidade é doutoranda na Universidade de Santiago e membro do EcoPast —grupo de investigación internacional especializado en relacións entre humanos/animais e ou ambiente, non presente e non pasado— da USC, que analizará e contextualizará as mostras recollidas e os esqueletos recuperados: 16, entre eles os de dúas criaturas de entre 7 e 10 anos.

Publicidade

—Con que expectativas enfronta un proxecto como o de Santa Clara, o acceso a un territorio pechado ao mundo durante 700 anos?

—Con moito interese, é a posibilidade de entrar en algo secreto, nun mundo moi descoñecido para a maioría da xente. Na miña opinión, este traballo pode darnos moitísima información dunha poboación Pontevedra moi concreta, e da sociedade da época no seu conxunto. 

Publicidade

—Como artellan o traballo dunha escavación como a do convento de Santa Clara? 

—En primeiro lugar, coordinamos a actuación co equipo máis arqueolóxico para decidir como se abren os enterramentos e cales. No momento de abrilos, séguense os procedementos estándares para destapar esqueletos e usamos material fino, por exemplo, unhas culleriñas de madeira para traballar ao redor dos ósos sen estragalos. Cando temos retirado todo o paquete de terras que hai encima, facemos fotos, tomamos medidas e recollemos mostras. Rematada esta fase, levantáronse os restos con moito coidado xa que a conservación é moi mala a causa das condicións da terra onde estaban: ácida e húmida. Cando se fan os levantamentos intentamos preservar o máximo posibles as epífises, os extremos dos ósos, que nos pode dar información da idade, de patoloxías…e outras partes diagnósticas.

—Onde se trasladan os restos recollidos para o análise polo miúdo?

—Están na USC, gardados nos laboratorios asociados so grupo de investigación EcoPast, ao que pertenzo eu e os demais compañeiros que van a participar nas análises posteriores. É un traballo multidisciplinar e que ten un longo percorrido por diante.

“Abrimos 24 enterramentos en Santa Clara e atopamos 16 esqueletos: 14 de adultos e dous de entre 7 a 10 anos”

—Cantos enterramentos levantaron e que atoparon neles?

—Nós escavamos en 24 enterramentos, pero no  conxunto do convento hai 40. No claustro é onde hai máis, 30 en total. Abrimos 24 pero realmente recuperamos 16 esqueletos. Nalgúns casos, a causa da mala conservación, só quedaban pegadas e aquí recolléronse mostras para análises posteriores. Tamén abrimos enterramentos na “portería” e no bosque (zonas non sacras) e vimos que tiñan características distintas e que posiblemente sexan posteriores, cando menos doutra cronoloxía, pois por exemplo había restos de caixas fronte aos outros que eran en terra.

—Ao levantar os enterramentos sorprendeulle algo dun xeito especial?

—Aínda que desde o punto de vista arqueolóxico era agardado, a min, ao non estar moi familiarizada co tema convento, sorprendeume que os enterramentos foran tan sinxelos. Os corpos ían á terra envoltos nun sudario -apareceu o cachiño dun- pero non levaban ningún tipo de caixa, porque se a levaran aínda que desaparecera sábese porque os corpos teñen características distintas. A dicir verdade, chamoume a atención tanta austeridade.

Restos óseos, xa clasificados. Foto: Gustavo Santos
Restos óseos do convento, xa clasificados. Foto: Gustavo Santos

—Podemos ter xa un perfil biolóxico dos esqueletos atopado: sexo, idade?

—Atopamos 16 individuos: 14 son adultos, todas mulleres e algunha con marcadores de idade avanzada, como o engrosamento dos cranios, e os outros dous non son adultos.  Nestes dous casos, sen o análise de ADN non podemos determinar o sexo o que si sabemos é o rango de idade, teñen entre 7 e 10 anos. Estas idades encaixan con dúas hipóteses sobre por que hai rapaces no convento de Santa Clara:  a primeira é que eran persoas que entraban na orde relixiosa pois a idade mínima parar ser noviza era de 7 anos e, a segunda, que ten máis peso, é que o convento nalgún momento da súa historia foi tamén hospicio.

—Que podemos agardar dun estudo máis repousado dos restos localizados?

—Poderemos ter un perfil de dieta máis detallado, do seu consumo a nivel proteico o de plantas (millo ou trigo…); saber de onde proviñan as individuas, se eran de Pontevedra ou se pasaron os últimos anos aquí; coñecer as patoloxías que sufriron e o seu estado de saúde xeral, se era mellor ou peor que noutras partes de Pontevedra…. O perfil biolóxico, que xa estamos traballando nel (sexo, idade). En resume poderemos reconstruír, en boa medida, a vida das monxas.

Os ósos falan

—Malia que queda camiño por percorrer, os ósos xa comezan a falar.

—Si, por exemplo nos esqueletos recuperados presentan “facetas de acuclillamiento” que son unhas marquiñas neste caso nas tibias, pero tamén poden estar nos astrágalos, que indican que pasaron moitas horas en crequenas ou de xeonllos (rezando, fregando…) Tamén sabemos que son mulleres moi gráciles, os seus ósos son delgadiños, pequenos, pero non nun sentido patolóxico; son dunha estatura na media das poboacións medievais de Pontevedra aínda que máis pequenas que poboacións doutros lugares.

“Nos corpos hai moi pouco desgaste dental, poucas perdas e moi poucas caries, ao contrario dos achados en San Bartomeu Vello e Santa María”

—Pontevedra ten un pasado medieval moi documentado. Era a das monxas de Santa Clara unha vida máis doada ca da xente de fóra do convento ou máis dura a causa das normas da clausura?

—A miña tese -—Patróns de alimentación a través do estudo do cálculo dental e da patoloxía oral en coleccións osteoarqueolóxicas medievais e modernas do noroeste de España— poderá axudar a dar resposta a esta pregunta pois involucra a varias poboacións de Pontevedra, analízoas dende a patoloxía oral. Nesta clave, vemos que nos individuos recuperados en Santa Clara hai moi pouco desgaste dental, poucas perdas e moi poucas caries. Pola contra, os individuos achados en San Bartomeu Vello e Santa María, artesáns e pescadores respectivamente,  presentan un gran desgaste dental, un  índice de caries grande e teñen bastante perda de pezas. As estas dúas poboacións fixémoslles análises de dieta de nitróxeno e carbono e vimos que tiñan o consumo de peixe máis alto de Europa. Ás individuas de Santa Clara tamén se lles vai a facer estas probas para comparar. Dun xeito preliminar podemos dicir que teñen patoloxías distintas na boca o que apunta a algúns parámetros de vida distintos. Os dentes son o único elemento esquelético que está fóra do corpo, interactuando co ambiente e sobre todo co que comemos e unha fonte privilexiada de información.

—Poderíase deducir que tiñan mellor alimentación dentro do convento?

—Non, diferente. É unha cuestión multifactorial e, hoxe en día, non temos a lectura, por exemplo, das análises químicas de Santa Clara para confrontar. Con elas tamén saberemos se pasaron períodos de fame, como se acreditou nun convento de Cuenca, o que estaría relacionado coa vida de austeridade imposta pola orde e os recorrentes xaxúns por razóns relixiosas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como eran os campamentos romanos en Galicia? Un proxecto reconstrúeos en 3D

Un equipo de arqueólogos colabora xunto a deseñadores gráficos na elaboración dunha serie de contidos que tentan amosar a natureza dos asentamentos militares do Imperio Romano na provincia da Coruña

O CSIC localiza na provincia da Coruña 180 posibles sitios arqueolóxicos

Grazas ás tarefas do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT), estes achados serán incluídos eventualmente no inventario arqueolóxico de Galicia

Os antepasados dos pontevedreses tiñan desgaste dental severo polo consumo de peixe

Un equipo da USC demostra a relación entre dieta e saúde bucal despois de analizar restos óseos de 34 individuos que viviron entre os séculos XIII e XVII

A Illa de Tambo, un tesouro arqueolóxico por descubrir: “Os achados apuntan a un complexo ermitán”

A Xunta deu permiso para desbrozar en San Fagundo, o punto máis alto de toda a illa. De momento atopáronse unha capela e restos do que podería ter sido outro inmoble