Soldados contra as bacterias: os galegos que desafían a pandemia postantibiótica de 2050

Investigadores como María Teresa Pérez en Vigo ou César de la Fuente en Pensilvania tratan de frear unha vaga de enfermidades máis mortal que o cancro

No ano 1993, o matemático Jeff Goldblum chegaba a unha conclusión no clásico filme Parque Xurásico que deixaría a súa pegada nas mentes de nenos e nenas durante décadas: “A vida ábrese camiño”. Poesía e ficción aparte, mentira non era: os organismos evolucionamos e abrimos camiño retando ás capacidades da bioloxía e da química para amosar a súa creatividade. Este dogma central da vida cúmprese sempre, dende os seres máis inmensos ata os pequenos seres unicelulares. Porén, en moitas ocasións esa evolución pode supoñer un problema para o ser humano. Precisamente disto fala un artigo publicado recentemente na prestixiosa revista académica The Lancet: no ano 2019, unha de cada oito mortes no mundo foi causada por bacterias resistentes aos antibióticos. Máis da metade deses 7,7 millóns de falecementos debíase a infeccións causadas por tan só cinco microorganismos. Diversos estudos plantexan que a evolución destes seres podería ser a nosa condena en poucos anos, e mesmo organismos multinacionais como a ONU ou a OMS falan dunha sorte de epidemia que, de cara ao 2050, pode superar as mortes causadas polo cancro.  

Moitas enfermidades relativamente comúns como a tuberculose, a septicemia (sepse) ou a gonorrea son causadas por bacterias. Ata o de agora, o xeito máis efectivo á hora de loitar contra estes organismos unicelulares era o emprego de antibióticos, medicamentos fabricados para matar estes microorganismos ou deter o seu crecemento e multiplicación. Nembargantes, a capacidade dos antibióticos estase vendo limitada pola cada vez máis normal resistencia das bacterias aos seus principios activos. A consecuencia é sinxela: enfermidades que curamos no pasado poderían ser mortais de novo.

Publicidade

A prescripción descontrolada de medicamentos

A Organización Mundial da Saúde (WHO, polas súas siglas en inglés) mantén que a principal causa desta resistencia radica na normalización no uso dos antibióticos. Nos países onde estes fármacos pódense adquirir sen unha receita médica, a propagación da resistencia antimicrobiana é feroz. O hábito deste consumo descontrolado leva ás bacterias a expoñerse moito máis a estes medicamentos, xerando nestes seres unicelulares unha resposta clave para a vida, evolucionar para non morrer. Velaí o conflito: é o microorganismo e non o noso corpo o que se fai menos sensible ao poder do fármaco. Por moito que nós eliminemos o noso propio consumo, se unha enfermidade bacteriana ataca o noso corpo o fármaco non poderá loitar contra a infección. 

Escherichia coli.

A resistencia bacteriana é xa unha realidade coa cal toca convivir. Porén, moitos investigadores do mundo traballan para mitigar o impacto desta problemática nas nosas vidas. Actualmente hai diversas estratexias para enfrontarse ás bacterias resistentes: a prevención no seu uso e a investigación para atopar novos fármacos son dous exemplos clave desta “loita” para frear o avance da era post-antibiótica. 

Publicidade

OMS pronostica unha ‘epidemia’ de cara ao ano 2050 se non se atalla esta problemática

No instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS) de Vigo, o grupo de María Teresa Pérez Rodríguez traballa liderando o PROA, un programa de optimización do uso de antimicrobianos: “España é un dos países que máis antibióticos consume per cápita a nivel mundial. Dende o PRAN (Plan Nacional fronte a Resistencia dos Antibióticos) promóvese a mellora no uso destes fármacos”, explica a investigadora. No caso de España, comenta, a mellora consiste na redución drástica do seu uso a través da concienciación de cara aos profesionais da saúde. 

A miles de quilómetros, o biotecnólogo galego César de la Fuente aproveita as ferramentas de bioinformática para a procura e o deseño de novos antibióticos que poidan combater as infeccións causadas por bacterias resistentes: “O primeiro que facemos é ensinar á computadora a entender como funcionan estruturas químicas como as moléculas. É como se falásemos dun neno pequeno: temos que ensinarlle a ler e escribir”, resume o investigador, que actualmente lidera o seu propio laboratorio na Universidade de Pensilvania (EEUU). Coa axuda de algoritmos, consegue traducir a estrutura das moléculas ao linguaxe binario co cal traballan as computadoras. Con ese coñecemento, a máquina é capaz de interpretar “textos” (xenomas e proteomas enteiros) e atopar aquelas moléculas que poidan ter unha capacidade antibiótica ou mesmo “escribir” novas moléculas que non existían ata o de agora. Actualmente o grupo centra os seus esforzos en combater as superbacterias que causan infeccións na pel, nunha parte profunda da coxa e na sepse, unha infección xeneralizada na sangue que pode levar á morte do paciente en cuestión de horas.

Os dous destacan que o sistema erra: “Recorremos á receita de antibióticos cando moitas veces non é necesario: en infeccións de ouvido ou tras unha visita ao dentista, o antibiótico non sempre é o que debera estar indicado”, explica Pérez. “Como cidadáns é necesario que teñamos un maior coñecemento sobre cando utilizar un fármaco deste tipo, que non serve contra as infeccións víricas”, engade De la Fuente. Ademáis, os investigadores reclaman o papel clave da redución de certos antibióticos na gandería. “É unha problemática que xa levamos anos traballando e para a cal a Xunta conta cun programa chamado Reduce”, conta a investigadora do IISGS.

Cara un horizonte máis esperanzador

Malia que os Organismos Gubernamentais amosan a súa preocupación ante o avance das superbacterias, Pérez mantén unha actitude optimista: “Xa vemos unha redución da presenza de bacterias resistentes nos hospitais, que causan as chamadas infeccións nosocomiales”.

Pola súa parte, o biotecnológo De la Fuente amosa preocupación pola pouca xente que está a investigar novos fármacos deste tipo: “É necesario innovar neste eido. Fai 40 anos que non descubrimos unha clase de antibióticos completamente nova. Persoalmente, non preciso de máis motivación para traballar neste problema, que afecta a cada recuncho do mundo e que mata a milleiros de persoas cada ano”. 

Non podemos permitirnos voltar a unha era pre-antibióticos, esixe Pérez: “No 1928 Fleming descubriu a penicilina. Isto supuxo un cambio incrible de cara ás cirurxías, nas cales antes podías morrer non polo procedemento en si senón polas infeccións que podías contraer na estancia no hospital”. A saúde do planeta, esa One Health que aspiramos a manter entre os seres vivos que habitamos no mundo, depende no futuro das decisións que tomemos hoxe: a vida ábrese camiño, máis nós tamén o temos que facer. 

1 comentario

  1. Boa noite. Eu descobrín o blogue do Dr. Malcolm Kendrick e paréceme moi interesante e instrutivo. Volo recomendo a toda persoa interesada nos debates científicos e na investigación médica en concreto. Apertas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Alerta pola propagación dun xene que converte as bacterias en invencibles fronte aos antibióticos

Un equipo da Universidade Complutense de Madrid lidera un estudo que descobre como o descoñecido npmA2 se expande por hospitais e granxas

A lactación materna protexe o bebé fronte á resistencia aos antibióticos

A alimentación co leite da nai favorece a proliferación de 'Bifidobacterium', un xénero de bacterias que desenvolve un papel clave no desenvolvemento saudable do intestino dos nenos

Galicia prevé acabar coa hepatite C en 2026, catro anos antes da meta establecida pola OMS

O cribado galego implantado en xullo de 2023 permitiu a detección de 372 casos de infección activa e a realización de máis de 280.000 probas

CYCLOPS: a punteira tecnoloxía galega contra a resistencia aos antibióticos

Unha nova ferramenta permite entender de forma máis accesible a efectividade dos ciclopéptidos, claves para novas aplicacións farmacéuticas