Nin bárbaros nin salvaxes: así coidaban os galegos dos seus enfermos hai 1.500 anos

Unha investigación da USC revela que as comunidades galegas mantiñan redes de solidariedade vitais para protexer os máis vulnerables

Un estudo arqueolóxico centrado no noroeste peninsular analiza como a desintegración do Imperio romano transformou a organización social, a vida cotiá e as relacións de xénero entre os séculos IV e VI. A investigación, pioneira en Galicia, sitúa os coidados e as actividades cotiás no centro dos procesos históricos de cambio. O traballo desenvólvese no marco do proxecto Coidarq, dirixido por Celtia Rodríguez González, investigadora posdoutoral da Xunta, adscrita ao Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC) e ao grupo de investigación Síncrisis da Universidade de Santiago de Compostela.

“Durante moito tempo a arqueoloxía só se centrou nas elites, na guerra ou no poder político. Este traballo demostra que, para comprender os grandes cambios históricos, é imprescindible atender tamén á vida cotiá e ás prácticas de coidado que sostiveron as comunidades do pasado”, sinala Celtia Rodríguez González.

Publicidade

Actividades de mantemento

O estudo céntrase na vida cotiá e nas chamadas actividades de mantemento, é dicir, nas tarefas do día a día necesarias para soster a vida, como os coidados, a organización do fogar ou a xestión dos recursos domésticos, que durante moito tempo quedaron fóra dos relatos históricos. A análise de varios xacementos do sur de Galicia amosa que estas prácticas foron clave para que as comunidades rurais puidesen reorganizarse nun contexto de crise e inestabilidade. Os resultados indican que, tras a caída do modelo romano, xurdiron novas formas de organizar o espazo, o territorio e as relacións sociais. Neste proceso, os coidados volveron ocupar un lugar central e producíronse cambios nas relacións de xénero, cunha maior equidade entre homes e mulleres, aínda que sen desaparecer por completo as estruturas patriarcais.

A investigación tamén salienta a importancia dos asentamentos rurais e da reocupación de antigos castros como espazos clave para comprender estes procesos de cambio, así como o valor das necrópoles para analizar identidades, roles sociais e dinámicas de xénero a través dos rituais funerarios.

Publicidade

“A arqueoloxía ten a capacidade de escribir a historia de quen non aparece nas fontes escritas, como as comunidades rurais da Alta Idade Media, así como das mulleres e da infancia e do seu papel ao longo da historia”, subliña Rodríguez González. “Incorporar unha perspectiva de xénero ao estudo arqueolóxico non é só unha cuestión académica, senón tamén unha responsabilidade ética e social”, engade.

Obra pioneira

Como resultado dos primeiros avances do proxecto, publicouse recentemente o libro Arqueología de Género en Galicia: El espacio cotidiano de las sociedades rurales en la transición a la Alta Edad Media desde la perspectiva feminista, escrito por Rodríguez González e publicado na colección BAR International Series. A obra recolle unha primeira síntese das liñas teóricas e metodolóxicas desenvolvidas no marco do proxecto ‘Coidarq: Coidados, materialidades e espazos’, financiado polo Programa de Axudas Posdoutorais da Xunta de Galicia 2024, da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, e constitúe unha achega pioneira ao estudo do pasado galego da Alta Idade Media desde unha perspectiva feminista e centrada nas sociedades rurais do noroeste peninsular.

Actualmente, a investigación continúa avanzando no estudo da Alta Idade Media, con especial atención ás aldeas altomedievais galegas. Un dos casos analizados é o da Aldea de Combarro, en San Vicente de Trigás (Lugo), que se converte nun novo exemplo da aplicación da perspectiva de xénero á análise arqueolóxica en Galicia. Os primeiros achados destes anos apuntan á capacidade de axencia das comunidades rurais e á importancia dos coidados e da organización da vida cotiá na súa estruturación social.

Deste xeito, o proxecto Coidarq consolídase como unha liña de investigación que permite reinterpretar o pasado desde a vida cotiá e os coidados, contribuíndo a facer visibles prácticas e suxeitos historicamente esquecidos e a establecer pontes entre o pasado e os debates sociais do presente.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Os segredos que agocha o xacemento de Armea: 15 anos de escavacións e unha nova casa castrexa

A escola de verán cumpre unha década e media cunha intervención que confirma a presenza de restos arqueolóxicos no Alto dos Fornos

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos