Luns 29 Abril 2024

Exoplanetas de spray e tinta: ciencia e arte alíanse nun proxecto internacional con selo galego

O artista vigués Tono Carbajo realiza unha residencia artística en Cataluña para desenvolver a súa obra visual e sonora a partir de evidencias astronómicas

A ciencia e a arte pódense combinar. De feito, a creatividade pode completar en moitas ocasións a divulgación científica poñendo cores, formas e motivos ao inexplicable. “Facer visible o invisible”. Un laboratorio internacional de investigación astronómica pretende transformar a maneira de contar o cosmos a través dun ecosistema de artistas e científicos. Nel colabora o pintor Tono Carbajo, natural de Vigo, que se atopa na actualidade realizando unha residencia artística no Instituto de Ciencias Espaciais de Cataluña para poñer en marcha o proxecto. Apaixonado da bioloxía dende a súa infancia, o autor trata de poñer en diálogo a física e as artes visuais a través da tinta. Cando o científico e director técnico do Observatorio de Montsec, Kike Herrero, lle entrega unha gráfica a Carbajo onde se observa a luz dunha estrela cun posible exoplaneta, o vigués crea unha peza artística a partir de macrofotografía, sons e luces dos propios astros. A súa obra, diferente polos múltiples materiais e formatos, parte do mesmo punto: as evidencias e os datos.

“Poñemos en relación a astronomía co pensamento artístico”, explica Carbajo, que representa, xunto á tamén artista e investigadora edimburguesa Joe Milne, a parte estética dun proxecto que está plantando as súas primeiras sementes. “É un traballo colectivo. Utilizamos obxectos que recollemos e, cando cambiamos a escala, o que obtemos son estrañas paisaxes que poden suxerir outros mundos”, explica. Non é o seu primeiro traballo con esta tónica. Colabora con Plataforma Vértices, unha iniciativa que promove o nexo entre artistas, científicos e docentes universitarios. No marco de ‘Mil anos de Ceos‘, programa iniciado no Museo Nacional de Arte de Cataluña en 2020 en colaboración co Instituto Cartográfico, a experiencia promove o “intercambio interdisciplinario” para indagar nos desafíos da ciencia contemporénea. Foi así como chegou esta proposta a Tono Carbajo, que non dubidou en aceptala.

Publicidade

Nestes momentos, os integrantes do proxecto están en contacto con varios organismos internacionais para argallar o programa que desembocará nunha exposición o vindeiro outubro no Institituto Monsec. Probablemente, antes diso, a iniciativa viaxe por outros continentes; a visita a Sudamérica xa está confirmada. Os obxectivos do proxecto son diversos: dende o establecemento dun diálogo arredor do descubrimento e como se formula dende o antropocentrismo, ata os temas sociais derivados da exploración do vasto universo mentres que o planeta sofre o cambio climático. “É un proceso moi interesante. É enriquecedor e fácil porque hai vontade por ambas partes. Os artistas entramos moito no método científico. No caso de físicos puros e matemáticos traballamos nun nivel de abstracción bastante parecido”.

‘Exección M471’. Foto: Tono Carbajo

Para o desenvolvemento do proxecto, Jo Milne e Tono Carbajo utilizaron o proceso científico que documenta interaccións a través das fluctuacións de luz, resonancias e os estudos fotométricos de amplo campo que documentan tránsitos de estrelas e planetas xogando coa súa natureza, a interacción dos elementos e os rexistros en forma de datos numéricos ou obxectos físicos que deixan atrás. Desta maneira, o proxecto presenta unha sorte de “historia natural” das tamén interaccións dos artistas e diversas formas de arte visual. Por exemplo, fotografías, textos e obxectos non identificables que os artistas chaman “fósiles contemporáneos, vestixios de interaccións físicas documentadas como estrañas formas de diálogo interplanetario”. Para realizar as obras, Carbajo utiliza spray e xel de tinta sobre papel somerset; impacto de luz láser distorsionada; e para os asteroides, macrofotografía de restos de contedores fundidos sobre asfalto.

‘Asteroide Bruc’. Foto: Tono Carbajo

Cando o proxecto chegue á súa fin, os artistas presentarán un libro con imaxes, gráficas e textos; un vídeo con material xerado con gravacións nos observatorios; pezas de parede con dimensións variables; charlas interdisciplinares con científicos; e talleres. “A miña idea era tirar pola bioloxía, pero rematei sendo artista. O meu pensamento marcoume de maneira analítica e por iso as miñas pezas están relacionadas coa maneira científica de ver a realidade”, explica Tono Carbajo. A exposición será itinerante e a presentación terá lugar o vindeiro outubro no Parque Astronómico de Cataluña. A dirección do proxecto corre pola conta de María Paz Montesinos e a produción de Santia Maeso; para a sonorización do vídeo, Carbajo estase a basear en material do astrofísico Antonio Hales, que sostén que “hai moitos segredos por descubrir no universo, tantos que nin sequera somos capaces de imaxinarnos”.

‘Acantilado no sur de Esmivion’. Foto: Tono Carbajo

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un cento de persoas participan na Domus nun congreso científico para estudantes

Os catro gañadores do evento poderán gozar dunha estancia de dúas semanas xunto a grupos de investigación da UDC

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Si, pódese crear acuarela con bacterias: a UDC impulsa a divulgación a través da arte

CICAGallery estrea a súa primeira edición con cinco artistas que convivirán con distintos grupos de investigación da universidade