Sábado 27 Abril 2024

Como afectou a contaminación por metais á xente do medievo? Así o investigará unha galega

Un proxecto liderado pola investigadora da USC Olalla López Costas acaba de ser distinguido cunha axuda ERC de dous millóns de euros

A contaminación non é un fenómeno recente. As persoas que habitaban a actual Europa durante os períodos romano e medieval tamén padecían os efectos contaminantes de metais como o chumbo, mercurio, cobre ou arsénico. O proxecto PollutedPast (‘Pasado Contaminado’), liderado pola investigadora da Universidade de Santiago (USC) Olalla López Costas, estudará a contaminación ambiental por metais a través da análise de restos humanos arqueolóxicos. Deste xeito, a investigación que acaba de ser distinguida cunha axuda Consolidator Grant do European Research Council (ERC) por valor de dous millóns de euros, permitirá comprender como a contaminación por metais afectou a vida dos nosos antepasados. “É un proxecto diferente e único que permitirá mellorar a sociedade do futuro xa que os resultados esperamos que contribúan á mellora das normativas europeas de contaminación”, apunta Olalla López Costas.

“Dende que as persoas empezaron a traballar os metais, grandes cantidades de elementos tóxicos foron liberándose ao ambiente e absorbidas pola poboación”, explica López Costas. No sur de Europa, a intensa actividade do Imperio Romano levou a unha contaminación sen precedentes na historia, mentres que nos países nórdicos cómpre situarse ata ben entrada a época medieval, despois do período viquingo, para achar o primeiro gran pico de contaminación. PollutedPast estudará como a devandita contaminación afectou a xente, poñendo o foco nos chamados grupos de risco: bebés e as súas nais, así como persoas afectadas por enfermidades epidémicas como tuberculose e lepra.

Publicidade

Metodoloxía

O proxecto acometerá o estudo de esqueletos humanos que se acharon en escavacións arqueolóxicas e cubrirá un rango temporal de 1.500 anos, dende o século I ao XV, período onde se producen grandes cambios na explotación do medio. As investigacións concentraranse en coleccións do noroeste e sueste de España —Galicia e leste de Andalucía, respectivamente—, e sueste de Suecia —as illas de Öland e Gotland—, seleccionando individuos dende a época romana ata a Baixa Idade Media. “Este proxecto xerará coñecementos innovadores sobre o impacto a longo prazo da contaminación por metais, pola minería e a metalurxia, e explorará como as diferenzas na xestión dos recursos poden ter consecuencias nas sociedades humanas”, sinala Olalla López Costas. “Unha das cousas que máis me alegra é que PollutedPast ten como centro de acción Galicia e a arqueoloxía de Galicia e dende aí reconstruiremos a historia dos metais en Europa”, apunta.  

O proxecto acometerá o estudo de esqueletos humanos e cubrirá un rango temporal de 1.500 anos

PollutedPast albergará estudos arqueolóxicos, paleoambientais, bioxeoquímicos, médicos e antropolóxicos para abordar a contaminación no pasado. Empregaranse análises de alta resolución e un complexo modelado estatístico, así como composición isotópica que permitirá coñecer a fonte de contaminación e a proporción de contaminación por metais tóxicos ao longo de diversas etapas da vida dunha persoa. Esta revolucionaria combinación de técnicas fusiona forzas cunha detallada selección de xacementos icónicos en dúas das áreas de Europa máis moldeadas pola explotación de metais: a Península Ibérica —a mina do Imperio Romano— e as grandes illas do mar Báltico —centro principal do comercio de metais no norte de Europa—.

“O proxecto permitiranos coñecer cuestións como cal foi o impacto destes metais na saúde, a relación co nivel socioeconómico das persoas, como de afectados estaban os bebñes xa que son os máis vulnerables para os efectos tóxicos dos metais, ou se foron tratados con metais tóxicos os enfermos por enfermidades infecciosas”, relata Olalla López Costas. “Ademais, abordaremos problemas máis amplos coma se a gran contaminación causada polo Imperio Romano chegou a afectar as poboacións da actual Suecia a través do transporte aéreo do chumbo ou mercurio, ou se houbo grandes diferenzas na xestión de recursos metálicos entre al-Andalus e os reinos cristiáns do norte da Península Ibérica, durante a Idade Media”, engade. Polo de agora, realizáronse dúas probas de concepto no xacemento da Lanzada (Pontevedra) nas que se constatou que a contaminación obtida no estudo dos esqueletos alcanzou valores seis veces superiores aos esperables. “Isto é unha gran proporción tendo en conta que se trata dun poboado rural sen minas próximas”, matiza a investigadora.

É a primeira axuda ERC concedida ás universidades galegas na área de Humanidades

O proxecto desenvólvese no seo do grupo de investigación EcoPast e sitúase entre a área de Arqueoloxía da USC, na Facultade de Xeografía e Historia, a Facultade de Bioloxía e o Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS). O proxecto colaborará estreitamente co departamento de Arqueoloxía e o departamento de Xeoloxía da Universidade de Estocolmo, así como co Laboratorio de Antropoloxía Física da Universidade de Granada.

Axuda altamente competitiva

A misión do ERC é fomentar a investigación de máis alta calidade en Europa mediante financiación competitiva e apoiar a investigación de vangarda impulsada por persoal investigador en todos os campos, sobre a base da excelencia científica. Deste xeito, as axudas as Consolidator Grant diríxense a persoal científico cunha experiencia de entre 7 e 12 anos. Nesta última edición, de entre os máis de 2.000 solicitantes, só lograron acadar a axuda 321 investigadores e investigadoras. Esta é a primeira axuda ERC concedida ás universidades galegas na área de Humanidades.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

Un tratamento da USC para deixar de fumar logra a abstinencia do 77% de participantes

O estudo demostra que o uso de recursos tecnolóxicos, como as videochamadas e aplicacións móbiles, son efectivos para abandonar o tabaco

Os bebés expostos ao tabaco teñen maior probabilidade de consumir antibióticos

Un estudo galego analiza os factores asociados ao consumo deste medicamento cunha mostra de 18.882 mulleres

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións