Publicidade

Da Coruña a Roma en 80 días: un mapa interactivo recrea as viaxes no Imperio romano

ORBIS é unha ferramenta académica que pretende mellorar a comprensión de como funcionaba a gran escala o sistema romano

Sabes canto tardarías un día de xaneiro en viaxar dende A Coruña ata Roma na época do Imperio romano? Aproximadamente 24 días. Esa sería a túa viaxe máis rápida se te puideses permitir os 823 denarios que custaría unha carruaxe na antigüidade. Se tiveses que ir en mula aforrarías moito diñeiro, pero tardarías dous días máis porque terías que percorrer máis de 3.000 quilómetros (na actualidade son 1.969). Xa nin falar de ir a pé, que levaría 76 días. Agora podes saber como eran os modelos de transporte e os camiños da antigüidade grazas ao modelo da Rede Xeoespacial do Mundo Romano da Universidade de Stanford. Chámase ORBIS e permite coñecer a distancia entre as grandes cidades romanas, as opcións de transporte para viaxar entre elas, o custo e o tempo de traxecto.

ORBIS é unha rede xeoespacial interactiva que pretende mellorar a comprensión do funcionamento dun sistema a gran escala como era o Imperio romano. O modelo simula a experiencia media dun gran número de viaxeiros que toman o mesmo roteiro nun mes determinado utilizando un modo e medio de transporte concreto. Para establecer un roteiro histórico só tes que escoller nas listas os lugares de saída e de destino. Os sitios noméanse de acordo co Atlas Barrington dos roteiros mundiais grego e romano, co cal, deberás buscar primeiro a denominación romana da cidade que queres buscar.

Publicidade

Na ferramente limítanse unicamente ás principais vías arteriais, por exemplo, desde Galicia só permite escoller Flavium Brigantium (A Coruña), sendo Bracara Angusta (Braga) e Asturica (Astorga) os destinos máis próximos. O mapa interactivo de roteiros é a interface principal. Reconstrúe o tempo e os gastos das viaxes neste periodo histórico e a través do portal web pódese interactuar con esta carta que reflicte as condicións do ano 200 d.C. e consta de 632 sitios que cobren preto de 10 millóns de metros cadrados.

O mapa simplifica a ampla rede de cidades, estradas, ríos e carrís marítimos, inclúe tamén portos de montaña e a rede de estradas abarca case 85.000 quilómetros. Se viaxas por mar, unha superficie de custo simula as condicións mensuais do vento, as correntes e as alturas das ondas. De feito, podes escoller o día exacto ou a estación na que viaxas. Podes elixir tamén varios modos de transporte por estrada: carro de boi, mula, a pé, exército en marcha, caravana de camelos, con xinete, viaxes privadas ou a cabalo, entre outros. Ti decides. Para entender mellor o sistema e que sea accesible a todas as persoas, os creadores colgaron en Youtube un titorial cunha explicación completa da plataforma.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Desterradas por adulterio, o castigo do Imperio romano contra as mulleres con peso político

A investigadora Helena López da UVigo centra a súa investigación na violencia recibida polas integrantes das distintas familias imperiais

A excepcional historia da casa romana que se agocha baixo a muralla de Lugo

O museo lucense da Domus do Mitreo conmemora o 25 aniversario do descubrimento do xacemento no Pazo de Montenegro cun amplo programa de actividades

Como eran os campamentos romanos en Galicia? Un proxecto reconstrúeos en 3D

Un equipo de arqueólogos colabora xunto a deseñadores gráficos na elaboración dunha serie de contidos que tentan amosar a natureza dos asentamentos militares do Imperio Romano na provincia da Coruña

Quilómetros de antigas salinas na costa galega: os segredos da gran industria dos romanos

Un novo estudo revela que a maior concentración coñecida de fábricas de sal do Imperio atópanse entre o Douro e as Rías Baixas