No ano 2019 o equipo de Sputnik Labrego iniciou unha escavación no xacemento do Castelo, en Valencia do Sil, na comarca de Valdeorras. Tras cinco anos de traballo sacaron á luz un dos sitios da época tardorromana máis completos do noroeste peninsular, así como obtiveron un importante conxunto de materiais que están a desvelar os segredos dos momentos finais do Imperio Romano. Grazas ao apoio do Concello de Vilamartín de Valdeorras puideron mostrar un dos seus últimos achados: o descubrimento dunha semente de uva (Vitis vinifera) do século IV d.C., datada por radiocarbono —un método de datación absoluta, é dicir, que atribúe ao material un ano exacto (dentro dun arco de idade de varios anos)—. “Recuperar este tipo de evidencias tan delicadas precisa dunha metodoloxía moi precisa de toma de mostras de terra que despois levamos a un laboratorio onde son procesadas por flotación —que serve para recuperar os materiais máis pesados ou grandes entre os sedimentos—”, di Carlos Tejerizo, director do proxecto.
A identificación desta semente foi realizada polos especialistas Nicolás Losilla, da Universidade de Granada, e Jérôme Ros, do Centre National de la Recherche Scientifique de Francia. “As análises mostraron efectivamente que se trata dunha semente de uva, o que mostraría a presenza de vides na contorna do xacemento. Aínda que o estado dos restos impidan confirmalo, a nosa hipótese é que existía un cultivo sistemático de vide na comarca e, polo tanto, viño local”, afirma Tejerizo. Esta semente é unha proba máis deste cultivo de vide na contorna de Valdeorras xunto cos numerosos lagares ligados á época romana da zona de Larouco analizados por José Fernández e Santiago Ferrer.

Este resultado e moitos outros serán expostos nun seminario internacional que se celebrará venres 24 de novembro na Universidade de Santiago de Compostela. Neste seminario serán discutidos todos os datos procedentes das escavacións do xacemento de Valencia do Sil. “O obxectivo é discutir cos maiores especialistas todo o que estamos a atopar nas escavacións, de xeito que poidamos entender mellor este singular xacemento”, di Celtia Rodríguez, codirectora da intervención. “Despois de cinco anos temos moito que dicir sobre O Castelo, mais seguro que outras visións e ideas poden mellorar a nosa aproximación ao sitio”, remata. Este encontro contará con máis dunha ducia de especialistas, que discutirán aspectos como o comercio de época tardorromana, os efectos da minaría romana ou o contexto arqueolóxico do xacemento.
A semente atopada en contexto arqueolóxico ten unha gran relevancia nunha comarca tan vencellada ao viño como é Valdeorras. “Non podemos dicir que no século IV d.C. houbera viñedos como os que hai hoxe en día, mais si que a uva e seguramente o viño eran partes moi importante das economías da contorna“, di Francisco Alonso, da empresa Tempos Arqueólogos e coordinador das escavacións en campo de Valencia do Sil. “Tampouco podemos asegurar que tipo de uva era, se Godello, Mencía ou Garnacha, pero seguro que o viño estaba moi bo”, bromea Alonso. “Este sen dúbida é un importante achado que poderá axudar a por en valor un sitio único no noroeste peninsular”, conclúe.














