Somos moitas as persoas que aspiramos a un mellor funcionamento do sistema mundial de ciencia e de tecnoloxía, porque estamos convencidas de que unha mellor sociedade se debe poder asentar sobre o esforzo e o talento colectivo que permiten o incremento da nosa sabedoría. O progreso dunha sociedade moderna ten que gravitar arredor da investigación, da transferencia e da innovación.
O sistema actual funciona. Temos unha rede de axencias públicas financiadoras da investigación (autonómicas, estatais e supranacionais) que aseguran a busca dese coñecemento, entendido como un ben común destinado a mellorar a sociedade. Posuímos sistemas para dar a coñecer as novas descubertas, fundamentalmente a través de revistas científicas na maioría dos ámbitos do coñecemento. Contamos con axencias avaliadoras, que miden, comparan e premian os logros, tanto os que atinxen aos currículos das persoas que fan carreira investigadora coma ás propostas presentadas para o financiamento.
Gran parte da avaliación baséase no convencemento de que as revistas científicas (a maioría, de titularidade privada) abrazan o sistema de valoración por pares e de que o grao de dificultade en acadar unha publicación establece unha categorización das revistas en función de canto se citan os artigos publicados nelas. En principio, non hai nada que obxectar, se non entramos polo miúdo. É certo que unha boa revista contén bos artigos e que estes se citarán máis ca os artigos non tan bos; establécese así unha relación directa entre a calidade dos artigos de investigación publicados nunha determinada revista e o seu impacto. Deste xeito, para medir o impacto dun artigo, dunha autoría, dun grupo de investigación ou ata dunha universidade, temos un sistema obxectivo e moi sinxelo, que demanda pouquísimo esforzo e que, por suposto, non establece comparacións entre diferentes ámbitos de coñecemento.
Un enfoque insuficiente
Non obstante, existen dúas liñas principais de análise polas que este enfoque resulta insuficiente, ademais do feito de estar construído á medida dos ámbitos científico e tecnolóxico, ben adaptado en gran parte do ámbito xurídico e social, pero non tan facilmente exportable a parte do humanístico e artístico.
A primeira crítica é fácil de entender: o traballo de selección de artigos polas revistas repousa directamente no esforzo –en xeral, altruísta– de avaliadores e avaliadoras ocultos. O resultado de que se publique ou non un artigo depende fundamentalmente da opinión dun par de persoas (ás veces dalgunha máis) e da propia editorial da revista. Pois ben, pode ocorrer que se validen para publicar artigos con erros, incorrectos na súa base ou directamente fraudulentos. Tamén pode suceder o contrario, é dicir, que se rexeiten artigos finalmente importantes para desenvolver o campo da investigación en cuestión. Tampouco está claro que as consideradas mellores revistas sexan máis acertadas na aceptación de artigos ca outras peor valoradas.
A segunda crítica ten que ver con deixar en mans privadas algo que descansa totalmente no esforzo colectivo das persoas que fan ciencia e que son remuneradas, na súa gran maioría, con fondos públicos. Hai algo de obsceno en que os resultados dun proxecto de investigación desenvolvido con financiamento público, levado a cabo por profesionais pagados pola sociedade, habitualmente avaliados de balde por ese mesmo conxunto de investigadores, conduza a artigos que cómpre ler e publicar pagando de novo con cartos públicos.
Paga a pena subliñar, ademais, que a avaliación da calidade en investigación (dunha persoa, dun grupo, dun centro ou dunha universidade) unicamente a partir de datos bibliométricos é reducionista, posto que deixa fóra varios campos do saber e moitas achegas valiosas en todos os ámbitos do coñecemento.
Só podemos acadar a desexable velocidade nos avances da ciencia se a información circula rapidamente
Para toda esta problemática, estase a traballar en solucións. A primeira é buscar sistemas de avaliación máis cualitativos e máis comprensivos. Existen varias iniciativas internacionais, como a europea COARA, á que se sumou a Universidade de Vigo desde o inicio. Pensamos que é posible mellorar o xeito de avaliar e este punto de vista está xa influíndo, por exemplo, na proposta de cambio de criterios de avaliación dos sexenios de investigación.
Tamén en Europa (e noutras partes do mundo) hai dúas liñas de traballo importantes: a ciencia aberta e a ciencia cidadá. A primeira aposta, como non podía ser doutro xeito, por poñer a ciencia á disposición de toda a comunidade científica de balde: só podemos acadar a desexable velocidade nos avances da ciencia se a información circula rapidamente. A segunda liña intenta que a cidadanía se implique na ciencia e que poida participar incluso do propio sistema de investigación.
Para responder a aposta pola ciencia aberta, estase chegando a acordos coas principais editoriais a través dos chamados acordos transformativos, que están mudando o xeito de financiar a publicación dos resultados científicos. Persoalmente, teño a impresión de que non é suficiente e de que a comunidade científica ten nas súas mans unha mellor solución para que o avance da comunicación científica sexa mellor e menos custosa economicamente: pasa por ter revistas públicas de calidade, nas que estean involucradas as institucións investigadoras, pero tamén o resto do sistema. Para chegar a ter un sistema público de publicacións que complemente e mellore o actual, precisamos varios acordos. Se imos da man, as universidades e as oficinas de proxectos internacionais (OPI), os gobernos, as axencias de avaliación e o resto de axentes poderemos organizar un sistema fiable baseado en principios éticos e cunha repartición máis xusta das cargas. Crue Universidades Españolas está traballando arreo en promover a ciencia aberta; na súa pasada xuntanza en Vigo, concluíu que cómpre acadar cambios e que pretende promovelos. O futuro da ciencia será mellor se conseguimos eses acordos.