Preto de 10.000 persoas maiores de 75 anos incorporáronse ao uso de Internet entre 2021 e 2022, o que supón un incremento superior ao 15%, o maior dos distintos grupos de idade da sociedade galega nese período. Este crecemento reflíctese tamén nos máis de 5.400 fogares con residentes maiores de 74 anos, que contrataron Internet no último ano. Crece tamén a porcentaxe de internautas de entre 65 e 74 anos, que roza o 60%.
Son parte das conclusións do estudo “Seniors Dixitais. Edición 2022” elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga) —adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica— que reflicten a progresiva redución da fenda dixital que está a rexistrar Galicia naqueles tramos de idade nos que era máis acusada.
Cun 26% de persoas maiores de 65 anos e cunha media de idade de 48 anos —fronte aos 44 de España e os 44,4 anos da UE— a Xunta leva desenvolvendo medidas específicas nas súas tres estratexias dixitais para fomentar unha sociedade dixital inclusiva. O Plan DigiTalent e a capacitación dixital da Rede de aulas públicas CeMIT teñen contribuído a esta incorporación das persoas maiores á tecnoloxía.
O estudo sinala tamén que o 87,3% das persoas de 65 a 74 anos usan o teléfono móbil, unha porcentaxe que no tramo de idade de máis de 74 anos sitúase no 55,3%. O uso doutros dispositivos como a tablet ou ordenador sitúase no 34% para persoas de entre 65 e 74 anos e nun 12,6% entre as persoas de máis de 74 anos. Con todo, estas porcentaxes ascenden a preto do 50% nas persoas de entre 65 e 74 anos que viven en concellos de máis de 50.000 habitantes, e a preto dun 74% se teñen estudos superiores. No caso das persoas de máis de 74 anos as porcentaxes superan o 21% se viven en concellos de máis de 50.000 habitantes e acadan o 48% se teñen estudos superiores.
Maiores conectados por mensaxes
A mensaxería instantánea é empregada por un 93,7% dos internautas de entre 65 a 74 anos e por un 89,4% no caso do maiores de 74 anos, datos que supón uns niveis de uso moi similares aos dos internautas de 16 a 64 anos, que están no 97,7%.
Catro de cada dez galegos de 65 a 74 que emprega Internet concerta citas médicas online, ben a través dunha páxina web ou dunha aplicación móbil, e buscan información sobre temas de saúde. Nos maiores de 74 anos, ambas actividades superan o 30%.
O 47,2% dos internautas maiores de 74 anos utilizou Internet para realizar xestións coas administracións públicas, mentres que no tramo de idade dos 65 a os 74 anos a porcentaxe elévase ao o 56,4%. Na maioría dos casos fixérono para realizar xestións sanitarias, buscar información e enviar formularios cumprimentados.
Fenda dixital na banca electrónica
A banca electrónica é empregada polo 52,9% dos internautas galegos de 65 a 74 anos e o 36,9% dos maiores de 74 anos. No uso da banca electrónica aínda se detecta unha gran fenda dixital entre homes e mulleres, concretamente entre os maiores de 74 anos, con máis de 20 puntos de diferenza a favor dos homes.
A compras por Internet increméntanse entre as persoas maiores, destacando o crecemento dun 20% entre os compradores maiores de 74 anos, que representan o 13,8% do total, mentres que as persoas de entre 65 e 74 anos que mercan online son o 17,5%.