Premio Prismas a Mellor Novo Medio, Premio da Crítica de Galicia, Premio Rosalía de Castro… Ao longo dos seus dez anos de traxectoria, que se fan este 25 de novembro, Gciencia acumulou moitos dos recoñecementos máis importantes aos que podía optar. Os galardóns viñeron confirmar que, ademais do éxito de público constatado polo tráfico en liña ou polo rápido crecemento das súas redes sociais, o proxecto goza de prestixio, unha condición indispensable cando se traballa cunha materia tan sensible como a investigación científica.
Gciencia naceu en 2013 froito dunha bolsa con forma de galardón. Foron os xa desaparecidos premios Iprox, convocados polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; un incentivo económico, pero sobre todo moral, que obrigou a poñer data ao lanzamento e iniciar un camiño que xa non tería marcha atrás. Gciencia competiu con moitos outros proxectos xornalísticos nun momento crítico, o da reinvención dunha profesión golpeada pola transición dixital. O premio supuxo a primeira inxección de moral para os xornalistas que fundaron Gciencia.
Premio de Xornalismo Dixital
Só dous anos despois, o Foro da Comunicación de Galicia outorgaba ao portal da ciencia de Galicia o Premio de Xornalismo Dixigal por revalorizar o campo da comunicación, “fomentando así o desenvolvemento socioeconómico da comunidade galega”. O xurado valorou “a capacidade de optimización das canles dixitais na adaptación da mensaxe, o compromiso e ética xornalística e a xeración de ferramentas para a construción de pensamento crítico e o fomento da participación directa da sociedade no sistema de medios”.
2019 foi un ano clave. En xuño dese ano foille concedido o Mil Primaveras da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística (CTNL), que recoñece proxectos que apostan por valorar e fomentar a lingua galega. Poucos días despois, a Deputación provincial da Coruña outorgaba o Rosalía de Castro, tamén por promover o uso do galego, e xa en novembro concedíaselle o Premio Prismas, o principal galardón á divulgación científica do Estado. Foi un respaldo definitivo a un proxecto que aquel ano xa estaba fortemente consolidado entre os seus lectores e alcanzara a súa plena profesionalización.
O xurado dos Prismas, presidido por Lluis Montoliu, investigador científico do CSIC, valorou que Gciencia “combina xornalismo e divulgación científica desde Galicia cunha linguaxe amena, popular e rigorosa, comentando con regularidade todas as noticias máis importantes que se producen no mundo da ciencia”
O seguinte galardón obtido por Gciencia foi o da Crítica de Galicia na súa edición de 2020, na categoría de Iniciativas Culturais e Científicas. O xurado, presidido por Rosario Álvarez Blanco, presidenta do Consello da Cultura Galega, subliñou “o fomento e transmisión de contidos científicos e tecnolóxicos en lingua galega dirixidos a un público xeneralista”. Valorou ademais “a relevante achega que supón este portal para normalizar o uso do noso idioma tanto na ciencia como na rede, ademais de promocionar os valores humanistas da propia ciencia”.
Valorización do galego en ámbitos científicos
O emprego do galego tamén foi valorado para a concesión, este 2023, do premio Lois Peña Novo, que entrega a fundación do mesmo nome desde 1995. Neste caso, recoñeceuse a “contribución decisiva” de Gciencia para “poñer en valor a lingua, dándolle visibilidade a través das redes sociais e achegándoa á cidadanía”. “Promove unha valorización do galego en ámbitos científicos nos que a nosa lingua é minoritaria”, apunta o fallo do xurado, que engade: “Gciencia provoca un efecto positivo na utilización do galego na sociedade, dotándoo de prestixio e escorrentando prexuízos lingüísticos”.
Ademais destes premios ao proxecto de Gciencia, os seus contidos tamén foron igualmente galardoados en numerosas ocasións. É o caso do premio de Xornalismo Científico 2017, concedido pola Real Academia Galega de Ciencias, o Somos Esenciais, do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, ou o XXII Premio Periodísitico Albarelo, do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña, entre outros.