De Fisterra a Roma: así é o detallado mapa das estradas romanas en Gallaecia

Un novo estudo afonda na conectividade de hai dous milenios e rexistra o dobre de lonxitude nos camiños dos que constaban da España

Desde Castro de Baroña ou Fisterra, ata Roma. Un equipo internacional publicou o mapa dixital de estradas do Imperio romano máis detallado ata o momento. Investigadores da Universitat Autònoma de Barcelona e da Universidade de Aarhus publicárono na páxina Itiner-e, no que se inclúe con detalle as estradas que os romanos construíron en Galicia.

Os camiños romanos percorreron, segundo o recollido polo mapa, practicamente toda a costa galega e gran parte do territorio. Por exemplo, desde Vicus Spacorum (Vigo), pasando por Glandimirum (Pontecesures) e Assegonia (Santiago de Compostela) ata un dos grandes centros en Gallaecia: Lucus Augusti (Lugo). Os camiños romanos permiten múltiples formas de percorrer a comunidade, como amosa o estudo. E, por suposto, desde estes podes chegar ata numerosos puntos da Península Ibérica e, claro está, Roma.

Publicidade

Curiosamente, non hai tantas diferenzas con, por exemplo, as principais estradas actuais. O mapa dixital permite comparar coas comunicacións por coche que hai por toda Galicia. Tamén con Portugal e coas comunidades veciñas, por exemplo, con Bracara Augusta (Braga). Tamén permite ver os nomes das cidades actuais, ver o mapa por satélite e coñecer en detalle o nome do itinerario e a base bibliográfica na que se asenta.

Mapa da zona de Lucus Augusti

Case 300.000 quilómetros de vías

Unha das cuestións deste estudo é que non se centra en achar máis camiños, senón que sumou o traballo de numerosas investigacións, tamén contactando con expertos neste eido a nivel local para acadar a mellor calidade e representatividade. En total, o mapa desenvolvido polos investigadores suma case 300.000 quilómetros de vías e calzadas da época, combinando diferentes fontes históricas. Dese total, houbo 40.000 quilómetros en España, o dobre dos rexistros que se tiñan ata o momento. En total en Europa, ao unir tantas fontes, contabilizáronse máis de 100.000 quilómetros máis que o que se rexistraba en estudos anteriores. En total, unha densidade de 62 metros de estradas por cada quilómetro cadrado.

Publicidade

O estudo tamén baséase en estimacións en base á propia topografía e os restos arqueolóxicos da zona. Por exemplo, se unha serie de pontes romanas une dúas localidades, enténdese que houbo un camiño que unía estes dous puntos. Segundo o analizado, a maioría das antigas estradas eran secundarias, e unha terceira parte do total unía os principais núcleos urbanos.

“O amplo conxunto de datos que xerou o proxecto Itiner-e é altamente transformador para entender como o sistema viario romano estruturaba o movemento de persoas, bens, ideas e ata enfermidades na antigüidade”, explican os autores do proxecto. Agora, buscan que a alta resolución deste traballo permita realizar novos estudos sobre conectividade, transporte e control administrativo deste territorio.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Da Gallaecia á Galicia contemporánea: coñece a historia a través dun mapa interactivo

A aplicación Time Travel permite explorar personaxes, reinos, fronteiras e acontecementos dende a Antigüidade ata o século XXI mediante un percorrido visual e temporal

A que xogaban os romanos? O achado dunha ficha en Sober dá novas pistas

Unha peza de pedra branca atopada no xacemento arqueolóxico de Proendos podería pertencer a un antigo xogo de mesa coñecido como alquerque de nove

Rarísima e única: a moeda coa primeira mención a Galicia poxarase por 15.000 euros

O exemplar pode facer alusión a un tratado que o rei suevo Miro asinou cunha dinastía gala para defenderse dos visigodos

Desterradas por adulterio, o castigo do Imperio romano contra as mulleres con peso político

A investigadora Helena López da UVigo centra a súa investigación na violencia recibida polas integrantes das distintas familias imperiais