Da sospeita ao diagnóstico en tempo récord: o novo método galego fronte á celiaquía

Un estudo realizado no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) desenvolve un algoritmo que acelera a detección da intolerancia e facilita o acceso a un tratamento temperán

A enfermidade celíaca considérase unha patoloxía infradiagnosticada. Por iso, os estudos arredor dela resultan fundamentais para mellorar o seu diagnóstico e, en consecuencia, a calidade de vida das persoas afectadas. Este é precisamente o eixo central da tese de doutoramento de Julia Cabo del Riego, médica especialista en Bioquímica Clínica e traballadora na área de Autoimunidade no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). Entre os anos 2012 a 2019, un total de 19.564 residentes da área sanitaria do HULA foron derivados por sospeita ou risco de padecer enfermidade celíaca, a fin de confirmar a súa presenza. A partir destes datos, a doutoranda da Universidade de Santiago (USC) desenvolve un estudo pioneiro que analiza o diagnóstico da enfermidade en todos os rangos de idade.

Julia Cabo forma parte, xunto coa súa directora de tese e investigadora da USC María Jesús Núñez-Iglesias, do grupo de investigación SNL-Lennart Levi, dedicado á identificación das bases moleculares das enfermidades e á busca de novos tratamentos. Dende 2012, este equipo céntrase en coñecer os factores de risco que determinan o desenvolvemento da enfermidade celíaca.

Publicidade

Porén, o diagnóstico segue a ser un proceso longo e complexo: “Require diferentes fases, e nunha delas pode ser necesaria unha biopsia“, explica Núñez-Iglesias. Julia Cabo é, de feito, unha das encargadas de realizar as probas inmunolóxicas no HULA. Deste traballo xurdiu unha pregunta clave dentro do grupo: “Que poderiamos facer para axilizar o procedemento diagnóstico?”.

Como resultado destes estudos, Julia Cabo del Riego instaurou unha vía rápida diagnóstica que permite acelerar a identificación da enfermidade. “Isto posibilita que o paciente poida iniciar canto antes a dieta sen glute“, engade Núñez-Iglesias. Aínda quedan moitos aspectos por descubrir arredor da enfermidade celíaca, e este equipo traballa para desvelalos paso a paso.

Publicidade

Como se diagnostica a celiaquía?

Segundo explica Julia Cabo, antes de iniciar unha rolda de probas o médico debe contar cunha sospeita clínica de enfermidade celíaca. Esa sospeita pode xurdir por síntomas dixestivos, como diarrea ou dor abdominal; por síntomas extradixestivos, como anemia, infertilidade ou osteoporose; ou ben por pertenza a un grupo de risco, como é o caso das persoas con familiares de primeiro grao diagnosticados de celiaquía.

Unha vez establecida a sospeita, solicítanse as probas de laboratorio para detectar anticorpos específicos. “Trátase dunha enfermidade autoinmune que se diagnostica a través da presenza de anticorpos”, explica a doutoranda. Isto débese a que o corpo reacciona contra si mesmo cando inxire glute.

O primeiro paso consiste en medir os niveis de inmunoglobulina A (IgA) no sangue do paciente, xa que as probas principais basean a súa detección neste tipo de anticorpos. Se a persoa presenta déficit de IgA, as probas habituais non resultan válidas e débese recorrer a outras baseadas en IgG. Se, pola contra, os niveis de IgA son normais, procédese á proba principal: a detección dos anticorpos antitransglutaminasa tisular (anti-TG2 ou anti-TTG IgA).

A partir desta proba, determinante para o diagnóstico, poden producirse dúas situacións. Se o resultado é negativo, non se adoita realizar máis probas, agás que o médico manteña a sospeita clínica. Nese caso, pódese repetir a análise pasado un tempo, efectuar unha endoscopia ou realizar unha proba de provocación con glute. Se é positivo, o laboratorio leva a cabo unha proba de confirmación mediante a detección de anticorpos antiendomisio (EMA IgA), observados ao microscopio por técnicas de inmunofluorescencia, co fin de confirmar a veracidade do resultado.

Un aumento na incidencia en sete anos

O estudo realizado no HULA analiza a indicencia da enfermidade celíaca entre os anos 2012 e 2019. Durante ese período, a taxa de novos diagnósticos por cada 100.000 habitantes case se triplicou na poboación adulta e anciá, pasando de 6,79 casos anuais no 2012 a 16,55 no 2019. No caso da poboación infantil, a incidencia mantense especialmente elevada, chegando a valores de ata 61,46 por 100.000 nenos no ano 2014.

Tamén se observan diferenzas por xénero. Nos grupos de mulleres de entre 45 e 64 anos e de 65 a 84 anos, a incidencia continúa en aumento, mentres que nos homes se aprecia un descenso, especialmente arredor do ano 2016.

Segundo María Jesús Núñez-Iglesias, un dos factores que explican esta evolución é a mudanza no patrón de diagnóstico da enfermidade celíaca. Explica que ademais dos síntomas dixestivos clásicos —como diarrea, perda de peso ou fallo de crecemento nos nenos, e alternancia entre diarrea e estrinximento nos adultos—, hoxe en día considéranse tamén novas manifestacións como dor abdominal, refluxo esofáxico ou gastrite, así como síntomas extraintestinais.

“Agora chegan mostras para o estudo de enfermidade celíaca dende todos os servizos médicos“, engade Julia Cabo. No laboratorio do HULA analízanse mostras procedentes de reumatoloxía, endocrinoloxía, medicina interna, neuroloxía ou alergoloxía, entre outros. Todo depende das sospeitas clínicas do médico que deriva o caso.

Como resume Núñez-Iglesias, hai un principio básico que non se pode esquecer: “Se contas con mellores procedementos diagnósticos, poderás diagnosticar máis pacientes”. Con todo, este non é o único factor que explica a incidencia da enfermidade celíaca.

Múltiples factores

A enfermidade celíaca está influída por múltiples factores que determinan a súa incidencia. Un dos máis relevantes é a predisposición xenética: existen determinados xenes que fan ás persoas máis susceptibles, e, segundo explica María Jesús Núñez-Iglesias, en certas poboacións pode existir unha maior prevalencia destes xenes.

No estudo dirixido por Julia Cabo del Riego, obsérvase que o 8% dos casos se diagnostican a través do cribado en familiares de pacientes celíacos. “A pais e irmáns realízanselles probas xenéticas e análises de marcadores serolóxicos na área de pediatría”, explica a médica do HULA. Grazas a este cribado, detectouse que ata un 10% dos familiares analizados eran celíacos sen sabelo.

“Se unha persoa é xeneticamente susceptible e consume alimentos con glute, é máis probable que desenvolva a enfermidade”, engade Núñez-Iglesias. O consumo de produtos con glute é, polo tanto, outro factor determinante. Non se trata só do pan, senón tamén doutros alimentos como embutidos ou carnes procesadas. No caso concreto do pan, é importante coñecer a súa orixe e método de elaboración: non é o mesmo produto industrial de supermercado que un pan artesán de panadaría.

A fermentación xoga un papel clave: os pans elaborados mediante fermentación lenta conteñen menores niveis de gliadinas, a fracción do glute responsable da resposta inmunitaria, e tamén varían segundo os fermentos empregados.

Porén, os factores non se limitan ao alimento, senón que tamén se entenden ao cultivo dos cereais. “Algunhas variedades antigas de trigo e doutros cereais presentan un contido menor en gliadinas en comparación coas actuais”, sinala a investigadora da USC. Ademais, o uso de fertilizantes con nitratos nas terras de cultivo pode incrementar o contido en glute nos grans, contribuíndo así a unha maior exposición.

A solución: un algoritmo diagnóstico

A partir desta información, o equipo de investigadoras e investigadores da USC desenvolveu un algoritmo diagnóstico aplicable a todos os grupos de idade, co obxectivo de axilizar o recoñecemento da enfermidade celíaca. Seguindo as recomendacións das sociedades científicas, este protocolo incorporouse nos petitorios dos médicos de atención primaria e hospitalaria, tanto pediatras como médicos de familia, e está dirixido a todas as persoas con sospeita ou risco de padecer a enfermidade.

Un dos puntos fortes deste novo método é a súa eficacia. “Se o resultado é negativo, como ocorre na maioría dos casos, só é necesario realizar dúas probas“, explica Julia Cabo del Riego. Pola súa parte, María Jesús Núñez-Iglesias subliña que este sistema permite “un diagnóstico máis áxil e máis precoz“.

Julia Cabo del Riego xunto ao equipo co que se fai o proceso de "screening"
Julia Cabo del Riego xunto ao equipo co que se fai o proceso de “screening”. Foto: Julia Cabo del Riego

O procedemento baséase en solicitar inicialmente unha análise de inmunoglobulina A e un anticorpo específico. Se ambas probas resultan negativas, non é preciso continuar con máis análises. Segundo explica Julia Cabo, este método garante un diagnóstico correcto e respecta as guías clínicas vixentes. “Se deixas aberto un petitorio con todas as probas, é moi probable que se realicen todas de entrada”, explica a médica do HULA. Grazas a este algoritmo, conséguese optimizar recursos, evitar probas innecesarias e acurtar os tempos de diagnóstico.

Unha investigación en tres actos

Paralelamente ao deseño do algoritmo diagnóstico, a tese de doutoramento de Julia Cabo del Riego inclúe dúas investigacións complementarias. Por unha banda, un estudo de incidencia en diferentes grupos de idade, no que se identificou unha proba sanguínea que pode contribuír ao diagnóstico da enfermidade en persoas maiores; e, por outra, a análise da vía rápida diagnóstica e os seus primeiros resultados: “O diagnóstico, que antes tardaba arredor de 180 días, agora realízase en apenas nove“, destaca María Jesús Núñez-Iglesias.

Os nove días corresponden ao acceso á consulta de vía rápida, pero xunto co diagnóstico con endoscopia en total poden ser entre 35 e 49 días. “Reduciuse o tempo de espera para a confirmación da enfermidade celíaca nun 70%”, apunta Julia Cabo.

Con todo, o procedemento segue a diferir segundo a idade do paciente. Nos adultos, cando o biomarcador resulta positivo, a endoscopia continúa a ser necesaria para confirmar o diagnóstico. No caso dos nenos, son derivados ao gastroenterólogo, que valora os resultados e determina, en función dos niveis observados, se é preciso ou non realizar unha biopsia. Así, coordínanse tres servizos fundamentais: laboratorio, o servizo dixestivo e de gastroenteroloxía, e pediatría.

As investigadoras salientan tamén novas liñas de investigación destinadas a seguir afondando na comprensión da enfermidade celíaca. Pretenden estender o estudo a servizos como psicoloxía ou psiquiatría, pacientes con alteracións no hemograma e metabolismo do ferro, ámbitos nos que non é habitual recibir mostras ou marcadores relacionados coa celiaquía. O obxectivo, explica Julia Cabo, é “chegar a máis xente e detectar a enfermidade en máis sectores da poboación”.

O seguinte estudo, que será publicado proximamente, buscará explicar as causas do incremento da incidencia da enfermidade nas persoas maiores, co propósito de abrir novas vías de continuidade e mellorar o coñecemento global desta patoloxía complexa.


Referencia: Time trends incidence of celiac disease in a Spanish population (Publicado en PLoS One)

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Detectar esquizofrenia a través da fala: as claves dun estudo pioneiro en Galicia

A investigadora da UVigo María Vila Tarela analiza os trazos prosódicos e fonéticos de persoas coa enfermidade co obxectivo de mellorar o seu diagnóstico no futuro

Media Galicia en alerta vermella pola calor: estes son os 117 concellos afectados

A influencia das altas presións producirá que algúns episodios se prolonguen ata cinco días, sobre todo en Ourense, A Coruña e Lugo

▪️ Que é a cúpula de calor? O fenómeno detrás dos récords de temperatura en Galicia en pleno mes de maio

MeteoGalicia establece alertas amarelas por calor na zona do Miño de Ourense e no sur de Lugo, con previsións de ata 36 graos

Un pazo do século XVII nos Ancares entra na Lista Vermella do Patrimonio polo seu grave estado de ruína

A asociación Hispania Nostra incorpora a inmoble tras constatar danos estruturais severos na coberta e no interior