Identifican unha molécula que podería servir para tratar a celiaquía

O que desata a enfermidade celíaca son varias proteínas ricas en prolaminas que se atopan nos cereais.

Un  traballo liderado por científicos do Instituto de Bioloxía Molecular de Barcelona (IBMB-CSIC) identificou unha molécula que podería contrarrestar o efecto dos péptidos tóxicos causantes de a celiaquía, unha enfermidade crónica autoinmune xerada pola inxesta de glute. 

Trátase da neprosina, achada de forma natural no fluído dixestivo da planta carnívora Nepenthes ventrata. Os autores descifraron o mecanismo de acción, estrutura e características máis relevantes da molécula para un posible tratamento da patoloxía. O estudo publicouse en Nature Communications.

Publicidade

O que deata a celiaquía son varias proteínas ricas en prolaminas que se atopan nos cereais. Cando estas son dixeridas no estómago, rompen noutras máis pequenas (péptidos) que poden resultar tóxicas. Entre estes péptidos, un dos máis relevantes é o 33-mero, que é un fragmento da alfa-gliadina, unha glucoproteína do trigo.

O 33-mero é capaz de resistir os acedos gástricos do estómago, chegar ao intestino delgado e, unha vez alí, atravesar a mucosa intestinal. No caso de persoas con celiaquía, este péptido únese con especial facilidade a un receptor do sistema inmunitario (o antíxeno leucocitario humano ou HLA), o que desencadea unha resposta autoinmunitaria e inflamatoria que orixina toda unha serie de manifestacións características da enfermidade.

Publicidade

Os resultados mostran que a neprosina pode degradar o péptido 33-mero antes de que chegue ao intestino, co que se podería evitar esa resposta inflamatoria autoinmunitaria.

O papel da neprosina

Os científicos obtiveron cultivos re-combinantes de células humanas para acadar suficiente cantidade de neprosina. Identificaron e determinaron o seu mecanismo de acción, e tamén a súa capacidade para destruír a gliadina e o péptido 33-mero. Experimentos in vivo nun modelo en ratos mostran que a molécula é eficaz degradando ambas as estruturas no estómago.

Ademais resolveron a estrutura tridimensional e o mecanismo químico de acción da neprosina e estableceron características como a súa estabilidade térmica, o seu perfil de pH, e o seu período de latencia, entre outros.

Estes factores son moi importantes para un posible desenvolvemento da prevención ou tratamento, ata o de agora inexistente, da enfermidade. Unha vía esperanzadora son as moléculas que destrúen os péptidos tóxicos, e que poidan ser administradas por vía oral, de xeito similar aos comprimidos de lactase que toman os intolerantes á lactosa, explican os autores do estudo.

“Verificamos que a neprosina ten un enorme potencial como medicamento, xa que é moito máis activa nas condicións extremas da dixestión no estómago que outras encimas”

F. XAVIER GOMIS-RÚTH. Investigador do CSIC

Futuras aplicacións terapéuticas

Un tratamento así debería conter unha molécula capaz de romper os péptidos tóxicos e ser inocuo para o intestino, ser o suficientemente eficiente para degradar unha boa cantidade de péptidos tóxicos con doses razoables e debería ser activo antes de pasar ao intestino, comentan os investigadores.

“Puidemos verificar que a neprosina ten un enorme potencial como medicamento, xa que é moito máis activa nas condicións extremas da dixestión no estómago que outras encimas proteolíticas candidatas actualmente en estudo para a súa aplicación terapéutica”, apunta F. Xavier Gomis-Rüth.

“Imos realizar agora ensaios máis específicos para verificar este potencial antes de pasar a ensaios clínicos e a traballar con moléculas mutantes que poidan ser máis eficientes aínda”, engade.

Pola súa banda, Francisco José Pérez Cano, investigador da Universidade de Barcelona e outro dos autores, comenta que “o 33-mero é o péptido máis tóxico dos que se xeran a partir da gliadina e queda por comprobar se a súa erradicación bastaría para eliminar as manifestacións e respostas fisiopatolóxicas da celiaquía”.


Referencia: Molecular and in vivo studies of a glutamate-class prolyl-endopeptidase for coeliac disease therapy (Publicado en Nature Communications)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:04:51

Comer sen glute: é realmente máis san?

Pilar España, especialista en nutrición da USC, desmonta a crenza de que retirar esta proteína natural da dieta supón unha mellora na alimentación para quen non presenta intolerancia nin celiaquía

Es celíaco? Un test deseñado por galegos permitirá sabelo en tan só 20 minutos

Un equipo de Santiago busca financiamento para desenvolver un prototipo para axilizar un diagnóstico que tarda entre 6 e 10 anos

É cousa túa ou cada vez hai máis celíacos?

A prevalencia da celiaquía na poboación aumentou nos últimos anos, en parte debido a estratexias máis precisas para a a súa detección

Hoxe é o Día do Celíaco, unha doenza que afecta a 27.000 galegos

O un por cen da poboación mundial é celíaca. Se extrapolamos...